Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación impulsa unha nova edición do ciclo Novas Músicas de Tele-Clube

Novas Músicas
TELE-CLUBE
IRIA CASTRO
O encontro musical celebrase do 17 ao 19 de xullo nos xardíns Museo de Lugo e do Pazo de San Marcos e na Capela de Santa María

A área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia unha nova edición do ciclo Novas Músicas, un programa de concertos organizado pola asociación Tele-Clube que aposta por propostas musicais innovadoras e rupturistas. O ciclo, que se celebrará do 17 ao 19 de xullo, presta atención á localización dos concertos, que busca espazos culturais que enriquezan a experiencia sonora.

Os xardíns do Pazo de San Marcos acolleron este mércores a presentación do cartel no que participaron a deputada de Cultura Iria Castro e o secretario-tesoreiro da asociación César Acevedo. Castro valorou esta cita que “dá continuidade á colaboración entre a institución provincial e a entidade cultural para consolidar o ciclo experimental que permite escoitar en Lugo a  creadoras e creadores de vangarda, que non están nos circuítos comerciais convencionais”

Acevedo quixo destacar que “este festival é un salto de calidade e permiten coñecer bandas diferentes a toda a cidadanía que queira innovar e coñecer novas músicas. Cada ano o ciclo vai a máis e atrae a máis público aos concertos, vímolo notando nos diferentes ciclos”. 

O dúo asturiano Galgo será os encargado de abrir esta edición nos xardíns do Museo Provincial. O día 18 será a quenda de Margarida Mariño nos xardíns do Pazo de San Marcos e Marta Verde & José Venditti pechará o evento na Capela de Santa María o venres 19. Todos os concertos celebraranse ás 20:30 horas. 


Programación

MÉRCORES 17 DE XULLO – 20:30horas. Xardín do Museo de Lugo

GALGO (Asturias) 

GALGO é o dúo asturiano formado polo multiinstrumentista Javier Bejarano, membro da banda Fee Reega e do proxecto audiovisual Monochrome xunto ao produtor Óscar Mulero, e a pianista Verónica R. Galán, compositora e interprete de música para Teatro.

A banda Asturiana, que adoitan describir a súa música como “bandas sonoras para películas que aínda non existen”, acaba de lanzar o seu primeiro disco de titulo homónimo, no que presentan unha selección de pezas de intensa profundidade e debuxan unha serie de paisaxes sonoras de evocación abstracta.

No repertorio cohabitan dunha maneira natural o ambiente e as melodías orgánicas, con áridas e angostas texturas, sobre os que se levantan escenas cinematográficas que levan a unha lixeira ensoñación sonora, nun paseo pola penumbra no que ben podería ir da man de Madame Blavatsky.

Un tratado que xoga coas cavilacións da sinfonía moderna, a música ambiental as atmoosferas avant-garde, ramallazos de electrónica experimental e unha narrativa silenciosa que lembra a unha especie de doom de interior, de post-rock con máis de post que de rock.


XOVES 18 DE XULLO – 20:30h. Xardíns do Pazo de San Marcos.

MARGARIDA MARIÑO (Galiza)

Natural de Vigo, comeza os seus estudos de violoncelo aos oito anos no Conservatorio Profesional de Música da mesma cidade con Isabel Figueroa. No ano 2008 trasládase a Barcelona para licenciarse no Conservatorio Superior do Liceo.
 
Recibiu clases de prestixiosos violoncellistas como Cristoph Coin, Barbara Switalska, Asier Polo ou Herre Jan Stegenga e formou parte de distintas orquestras a nivel internacional como a Orquestra Réssonance en Suíza, ou La Via dei Concerti en Italia.

A exploración dos límites sonoros e estéticos do violoncelo levárona a experimentar con xéneros onde o seu instrumento non é tan común, como o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, ou o Seminario Permanente de Improvisación Libre (SPIL). En 2015 foi galardoada co dúo Treme polo premio Música Xove á mellor banda galega. No ano 2018 foi solista da produción do Teatro Real, Pulcinella, adaptación do ballet de Stravinsky. Ten dous traballos discográficos publicados co multiinstrumentista e compositor Fernando Barroso: Silence Lovers Club (2018) e Xograr (2020), e co trío de música clásica e contemporánea Eixos Cromáticos (2020) así como o quinteto de jazz Límbico (2021).
 
Compuxo e interpretou música orixinal para o cinema e a publicidade, entre os que destacan a banda sonora do curtametraxe “Rompecabezas”, de Nicolás Ferglez, ou o espectáculo de danza de Alfonso Rivera, “Good Luck”.


VENRES 19 DE XULLO – 20.30 h Capela de Santa María

MARTA VERDE E JOSÉ VENDETTI (Galiza e Arxentina) 

Marta Verde e José Vendittison un dúo de artistas que levan desenvolvendo xuntos e xuntass performances audiovisuais desde 2015. No seu traballo exploran os límites da melodía e o ruído, harmonía e tensión, repetición e aleatoriedad, nun exercicio de equilibrio entre composición e libre improvisación. Na maioría dos seus proxectos fixeron especial foco na exploración das experiencias místicas ou espirituais que atravesaron aos seres humanos ao longo da historia. 

Tanto xuntos como individualmente presentaron traballos e proxectos artísticos en espazos e eventos como Museo Nacional Raíña Sofía, Teatro Circo Price, Festival In Sonora, L.E.V, Festival Mira, Centro Cultural Conde Duque, Espazo Fundación Telefónica, A Casa Acesa, Círculo de Belas Artes, Media Lab Prado, SEMINCI Valladolid, Tabakalera Donosti, Festival Volumens, Festival Internacional de Arte Sonora de Montevideo, Museo da Memoria de Montevideo (Uruguai), Heritage Space in Hanoi (Vietnam) ou Sonic Dreams Festival (Ireland).