Cultura
Deputación de Lugo

Iria Castro destaca o papel pioneiro dos museos provinciais en xenerar contidos para a educación histórica e patrimonial

Xornadas Internacionais de Educación e Museos
REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL
IRIA CASTRO
As xornadas, que comezaron este mércores no Museo Provincial de Lugo, reúnen profesionais de museos, investigadores universitarios e profesorado de secundaria de todo o Estado

O Museo Provincial de Lugo acolleu esta tarde as primeiras ponencias das Xornadas Internacionais de Educación e Museos, na que se expuxeron as potencialidades dos museos para xenerar contidos e situacións de aprendizaxe para a educación histórica e patrimonial.

Profesionais de museos e expertas en didáctica e formación do profesorado trasladaron nas súas intervencións os resultados do proxecto "Ensinanza da historia e difusión do patrimonio cultural Trasnferencia de investigacións sobre formación do profesorado, recursos dixitais e métodos activos” no que participaron unha vintena de museos e universidades de todo o Estado e que se ven desenvolvendo desde comezos de ano.

Na inauguración das xornadas, a deputada de Cultura Iria Castro destacou “que a elección de Lugo, e da Rede Museística Provincial, para presentar as conclusións deste proxecto de ámbito estatal reforza os museos provinciais como promotores de iniciativas pioneiras de cara ao cumprimento dos dereitos culturais”, ademais de ofrecernos “unha gran oportunidade para proxectar o noso patrimonio en todo o Estado”.

Tras o relatorio inaugural, a cargo da escritora e catedrática de didáctica das ciencias experimentais Marilar Alexandre, que incidiu no papel emancipador da educación, Encarna Lago, xerente da Rede Museistica Provincial, Pilar Alcántara Peyres, do Museo Nacional de Arqueoloxía Subacuática, Eloisa del Alisal Sánchez, do Museo da Memoria de Andalucía e Ramón Cózar Guitíerrez e María del Mar Simón García, da Universidade de Castilla-La Mancha conduciron un coloquio no que se valorou a potencialidade de pezas dos diferentes museos para abordar temáticas como as migracións, a diversidade funcional ou as causas de situación de risco de exclusión.

A orixe das xornadas

O proxecto, cuxa presentación de resultados ten lugar nestas xornadas, xorde dun meticuloso proceso de traballo que comezou en xaneiro e no que participan 14 museos -o Museo Nacional do Prado, o Museo Arqueolóxico Nacional, o Museo Nacional de Altamira, o Museo Nacional de Arqueoloxía Subacuática, a Rede Museística de Lugo (Museo Provincial de Lugo, Museo San Paio de Narla, Museo Pazo de Tor, Museo Provincial do Mar), o Museo de Pontevedra, o Museo do Pobo Galego, os Museos do Concello de Vigo, o Museo Arqueolóxico de Alicante e o Museo da Memoria de Andalucía – e  seis universidades -a Universidade de Murcia (coordinadora), a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Granada, a Universidade de Almería, a Universidade de Valladolid e a Universidade de La Laguna -, ademais de profesorado de centros de secundaria de Murcia, Castilla -La Mancha e Cantabria.

O intercambio de coñecementos e experiencias entre as institucions educativas e os museos frutificou no deseño de situacións de aprendizaxe creadas a partir de pezas conservadas nos diferentes museos, como referencia para ofrecer narrativas sobre desigualdades sociais e económicas, persoas en situación de dependencia na historia, violencia machista, historia e migracións, racismo e escravitude, seguridade no traballo ou a España democrática.  Ademais de exporse nas xornadas desta semana, as situacions de aprendizaxe recóllense no libro “Educación histórica e museos” da editorial Octaedro.

A Rede Museística, asesora en Dereitos Culturais

Durante a presentación das Xornadas, adiantouse a participación da Rede Museística Provincial no grupo de traballo creado polo Ministerio de Cultura -Dirección Xeral de Dereitos Culturais – para desenvolver un Plan de Dereitos Culturais de ámbito estatal.

Máis información sobre o programa en https://comunidadermpl.gal/xornadas-internacionais-sobre-educacion-e-museos/