A deputada de Cultura abre o ciclo Envellecer na diversidade, da Cátedra da Cruz Vermella da USC
A deputada de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo Iria Castro foi a encargada de abrir o ciclo Envellecer na diversidade, da Cátedra da Cruz Vermella da Universidade de Santiago de Compostela, xunto ao director do programa Arturo X. Pereiro Rozas. O salón de actos do Vello Cárcere acolleu a presentación desta actividade que se alongará ata o xoves 18 de xullo en horario de mañá e tarde. Entre os aspectos analizados tratarase a identidade de xénero, o perfil socio-demográfico das persoas maiores no Estado, o envellecemento nas persoas con discapacidade e os fenómenos migratorios e a súa implicación no proceso de envellecemento. Castro destacou a importancia de intentar reducir as barreiras e recordou que “o envellecemento xa é un reto para a sociedade na que vivimos, por iso ciclos como este que nos axudan a reflexionar cara onde queremos ir e mellorar a sociedade do futuro traballando na diversidade”.