A Vicepresidencia da Deputación colabora co programa das festas de Piñeira, en Monforte, esta fin de semana
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora no programa das festas de Piñeira, en Monforte, que se celebrarán do 27 ao 29 de xullo, coa actuación de Os Parentes de Sober. O deputado de Mocidade Daniel García reuniuse coa Asociación de Festexos de Piñeira, que ultima os preparativos para tres xornadas de música tradicional, xogos populares e verbenas.
Daniel García valorou “a dedicación das persoas que organizan festas por toda a xeografía, facendo posible a continuidade de espazos de encontro e de celebración para a veciñanza” e explicou que a colaboración coa asociación de Piñeira se encadra “nas distintas programacións que a Vicepresidencia da Deputación pon en marcha para impulsar a presenza da música tradicional, da animación de rúa e da música en galego en citas festivas e culturais de todas as comarcas, reforzando a actividade que desenvolve o tecido asociativo”.
A través destas programacións, a área de Cultura ten programadas máis de 80 actuacións musicais e lúdicas nas comarcas de Lemos, Quiroga e Chantada ao longo do ano.