A Asociación Cultural Avelino Díaz e A Quenlla presentan en Lugo o disco homenaxe ao poeta, “Na lírica emoción”
O vindeiro luns -12 de agosto - a Asociación Cultural Avelino Díaz e A Quenlla presentan no xardín do Pazo de San Marcos o disco “Na lírica emoción”, no que a histórica formación pon música a doce poemas de Avelino Díaz (Órrea-Riotorto, 1897- Buenos Aires, 1971)
O traballo discográfico, editado en novembro de 2023, culmina o compromiso que A Quenlla manifestou coa causa de Avelino Díaz e para o que contou co acompañamento da asociación cultural, creada en 2014 para impulsar o estudo e divulgación da vida e da obra do autor, cunha ampla produción poética e xornalística pouco coñecida en Galiza e aínda hoxe, en parte, inédita.
A entidade cultural, que leva unha década reivindicando a figura de Avelino Diaz no ámbito educativo, académico, institucional, cultural e social, colaborou no financiamento do disco e promove, nos últimos meses, diferentes accións para ampliar a súa difusión e distribución.
A presentación en Lugo -desde ás 19.00 horas e aberta ao público – contará con representantes da entidade cultural e do grupo A Quenlla, que explicarán o proceso de creación do disco e interpretarán algúns dos temas.
O acto suporá un adianto do que será a primeira interpretación en directo do disco, cun concerto que se celebrará o 23 de agosto na igrexa monasterial de Meira.