Cultura
Deputación de Lugo

O Courel acolle unha nova edición do Festival dos Eidos do 23 ao 25 de agosto, co apoio da Vicepresidencia da Deputación

FESTIVAL DOS EIDOS
Courel
IRIA CASTRO
FUNDACION UXÍO NOVONEYRA

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Cultura, colabora un ano máis na organización do Festival dos Eidos, unha cita cultural organizada pola Fundación Uxío Novoneyra. Parada do Courel acolle este encontro do 23 ao 25 de agosto no que se inclúe unha gran programación cultural que inclúe poesía, exposicións, música ou mesmo rutas ornitolóxicas.

A deputada de Cultura Iria Castro, o xerente da Fundación Uxío Novoneyra Uxío Novo e a presidenta da fundación Branca Novoneyra presentaron esta cita no Pazo de San Marcos que celebra a obra de Uxío Novoneyra e particularmente o poemario Os Eidos, que celebra o 70 aniversario da súa primeira edición. Castro alorou o traballo da Fundación Uxio Novoneyra e lembrou “a colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa entidade para contribuír á súa labor de divulgación da obra de Uxío Novoneyra que é tamén unha labor de dinamización cultural e social do Courel e unha labor de proxección fóra das nosas fronteiras da nosa lingua, da nosa literatura e da nosa cultura, a través de programas e intercambios con outros países europeos”.

O festival comezará o  venres 23 de agosto ás 16 horas coa apertura da exposición “Romance de Manuel de Ribadaira”, de Manuel González Allere e continuará cun acto homenaxe ao poeta Carlos Oroza. A xornada continuará ás 18.30 horas coa presentación “Enciclopedia perplexidade”, unha antoloxía da obra poética de Antón Reixa na que participarán o autor e o poeta Xabier Cordal. A xornada rematará co espectáculo de Leo Matamá, “Verba estirpe” e os concertos de Dúbida e Familia Caamagno.

Xa o sábado as rutas ornitolóxicas polo entorno da aldea de Parada, guiadas polo biólogo Xavier Vázquez Pumariño, abrirán o programa. Antón Lopo e María Sanchez manterán un coloquio encadrado no programa “Afinidades electivas” do Ministerio de Cultura e o espectáculo musical e poético Kennebec pechará a xornada matinal. A partir das 18 horas está previsto o recital dos poetas galegos Luz Pichel, Isaac Xubín e Brenda Alborada xunto ao portugués André Tecedeiro, e o espectáculo musical “Popsía” de Fran Amil. Será o artista Iván Torres co recital “Alta montaña” e o DJ Tristón os que despidan a segunda xornada da cita.

O domingo 25 farase a partir das 10.30 horas un percorrido guiado pola arquitectura tradicional da man de Xosé Alegue e continuarase coa presentación dunha nova edición de “Os eidos”. O programa péchase co espectáculo “Literatura afinada” e a actuación do músico Sergio Canay.

Os asistentes contarán ademais cun servizo de transporte lanzadeira de Seoane a Parada con horario de volta de mañá, tarde e noite.