A Vicepresidencia da Deputación impulsa o festival Tremeterra, no Incio
O Incio celebra esta fin de semana a terceira edición de Tremeterra, unha proposta cultural da Asociación Cultural Arandela e a Asociación Cultural Sonsistema que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A deputada de Cultura Iria Castro presentou esta cita xunto aos organizadores Jessica Moledo e Alba Vázquez no Pazo de San Marcos.
Tremeterra conta con actividades e concertos de balde arredor da cultura Soundsystem, na contorna do Encoro de Vilasouto. Este encontro naceu co obxectivo de axudar no eido local, creando unha alternativa de ocio para a xente da zona e introducindo propostas culturais á vangarda.
Iria Castro valorou “o traballo de entidades que permiten sumar propostas á axenda musical e cultural da comarca de Sarria e de todo o país cun festival para o que chegan grupos galegos, estatais e tamén internacionais” e reiterou “o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo coas propostas do tecido asociativo que permiten tamer dar impulso económico ao territorio asía como dar a coñecer o noso patrimonio”.
O programa comeza o venres 30 de agosto ás 17.30h con Chapamama, e continuará con Baboon Prophecy&High Paw, Higher Meditation&Nia Songbird, Weeding Dub, Mr. Xebre e Dub Mono Hifi, que pechará de 1.30h a 4.30 horas a primeira xornada. O sábado o programa comezará ás 15.30 horas con Amandub, Ital Roots&Lasai, Lewis Bennett, Ginette Prod, Radikal Guru, Wandem SoundSystem&The Hornsmen Section, High Nebre&Le Faune Stepper e Toroki.