A mostra sobre música en galego Galegoza, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación, chega ao alumnado do IES Pedregal de Irimia de Meira
A mostra Galegoza. A canción en galego, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para dar a coñecer ao público máis novo a amplísima oferta musical no noso idioma, chegou este xoves ao IES Pedregal de Irimia de Meira.
A deputada de Cultura Iria Castro achegouse ao centro meirego para inaugurar a exposición, que repasa o percorrido histórico da música en galego desde os anos sesenta ata a revolución creativa actual, a través das bandas e solistas máis influíntes e representativos en diferentes estilos -ritmos tradicionais revisados e actualizados, pop, rock, canción de autoría, experimentación e electrónica, músicas urbanas, hip hop ou rap- e incorpora códigos QR cunha ligazón directa a listas de reprodución propias do proxecto para poder escoitalas.
Iria Castro convidou “ao alumnado a deterse na exposición e achegarse a través dela á música que se está a facer en Galiza” e destacou “a potencialidade das cancións en galego como ferramentas para a dinamización da lingua, subliñando que o momento excepcional que está a vivir a música en galego e as facilidades de escoita que ofrecen as novas tecnoloxías supoñen unha oportunidade que, con iniciativas coma esta, tratamos de aproveitar”
A mostra comisariada por Pepe Cunha e deseñada pola directora de arte Belén Freijeiro estreouse o pasado 9 de outubro no IES Xograr Afonso de Sarria, e, despois da súa exposición en Meira, visitará o IES Monte Castelo de Burela, o IES Dionisio Gamallo de Ribadeo, o IES da Terra Chá en Vilalba, o IES Lama das Quendas, en Chantada, o IES Río Cabe de Monforte e o IES de Quiroga.
Cada centro contará para a inauguración da mostra cunha charla de Pepe Cunha e cunha unidade didáctica arredor da exposición para facilitarlle o traballo ao profesorado e introducir a música en galego noutros proxectos.