Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo apoian a mobilización convocada por Queremos Galego para o 23 de febreiro

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
QUEREMOS GALEGO
LINGUA VITAL XA

As áreas de Cultura e Lingua da Deputación de Lugo e do Concello de Lugo convidan á veciñanza a participar na mobilización convocada por Queremos Galego para o vindeiro 23 de febreiro, coincidindo co Día de Rosalía.

A deputada Iria Castro e a concelleira Maite Ferreiro sinalaron que "ademais de situar o fomento do uso do galego no centro das nosas políticas, ás institucións comprometidas coa lingua correspóndennos situarnos a carón das iniciativas que traballan a prol do idioma, especialmente nun momento tan crítico para o seu uso como o actual" .

Nesa liña, defenderon a necesidade "dunha gran mobilización social a favor da lingua para frear a perda de falantes e o retroceso no uso do galego, que constatan o fracaso das políticas de normalización lingüistica da Xunta de Galicia e o dano ao idioma do decreto do plurilinguismo no ensino".

A plataforma Queremos Galego, que agrupa decenas de colectivos culturais de todo o país, lanzou esta semana a convocatoria da manifestación, que se celebrará en Compostela -saída as 12.00 horas desde a Alameda- baixo o lema "Lingua Vital Xa".