A Vicepresidencia da Deputación achega ao alumnado do IES Dionisio Gamallo de Ribadeo á música en galego coa mostra Galegoza

O IES Dionisio Gamallo de Ribadeo acolle desde hoxe a exposición Galegoza. A canción en galego, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para dar a coñecer ao público máis novo a amplísima oferta musical no noso idioma.
O deputado de Mocidade Daniel García participou este mediodía na inauguración da mostra na que o comisario e crítico musical Pepe Cunha repasou co alumnado os contidos dos paneis, un percorrido histórico pola música en galego desde os anos sesenta ata a fornada actual no que se sinalan, entre outras, achegas de artistas da Mariña como Ugía Pedreira e Nuno Pico ou formacións como Adufeiras de Salitre, da que forman parte as mariñás Iria Penabad e Carolina Vázquez.
O responsable provincial presentou a exposición como "unha mostra de que o galego non ten límites, de que en galego se fai música de moitisima calidade e de todos os estilos e de que a nosa tradición musical interesa e se escoita en todas as partes do mundo".
Galegoza. A música en galego
A exposicion está formada por unha trintena de paneis que repasan o percorrido histórico da música en galego desde os anos sesenta ata a revolución creativa actual, a través das bandas e solistas máis influíntes en diferentes estilos -ritmos tradicionais revisados e actualizados, pop, rock, canción de autoría, experimentación e electrónica, músicas urbanas, hip hop ou rap-.
A mostra incorpora códigos QR cunha ligazón directa a unha lista de reprodución propia do proxecto para poder escoitar unha escolma de temas representativos da evolución descrita nos paneis.
A mostra, deseñada pola directora de arte Belén Freijeiro, estreouse o pasado 9 de outubro no IES Xograr Afonso de Sarria e, nas últimas semanas, estivo no IES Pedregal de Irimia de Meira, no IES Lucus Augusti, no IES Río Cabe de Monforte, no IES de Quiroga e no IES Lama das Quendas de Chantada.
.