Estudantes do IES A Pinguela destacan na fase galega da Olimpíada de Xeoloxía que se celebrou este mércores no Pazo de San Marcos
O Pazo de San Marcos foi este mércores unha das sedes da fase galega da XV Olimpiada de Xeoloxía, un certame dirixido a alumnado de Secundaria e Bacharelato que pretende fomentar o interese polos contidos desta materia e do conxunto das Ciencias da Terra.
Corenta alumnas e alumnos de institutos de Lugo (IES Fontem Albei da Fonsagrada e IES Río Cabe e IES A Pinguela de Monforte) e Ourense (IES O Ribeiro, IES Otero Pedrayo, IES Lagoa de Antela e IES de Trives) participaron nas probas, que se celebraron no Salón de Actos e na contorna da Praza de San Marcos.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro entregou os premios do certame, en que destacou o alumnado do IES A Pinguela. Tres estudantes do instituto monfortino lograron os tres primeiros premios: Uxía Pumpkin Trail Bates (1ª), Adrián Rodríguez Pacio (2º) e Ángel Seijas López (3º). Brais Migúelez Cendón, do IES O Ribeiro, foi recoñecido cun accesit.
O Pazo de San Marcos foi a sede lucense da fase galega, con probas tamén na Escola de Minas da Universidade de Vigo, na Facultade de Bioloxía da USC, en Compostela, e no Xeoparque de Cabo Ortegal, que reuniron máis de 250 participantes. Sete deles clasificáronse para participar na fase española da proba, que se celebrará o 5 de abril en Lleida.