Laura LaMontagne e Nebra abren a programación conmemorativa do Día de Rosalía, que recupera as primeiras traducións ao inglés de Cantares Gallegos

A Rede Museística repartirá láminas conmemorativas da data que lembran as primeiras traducións ao inglés de Rosalía de Castro, da man de Ruth Matilda Anderson
A música e a tradución centrarán as actividades do Día de Rosalía que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a área de Cultura do Concello de Lugo propoñen para conmemorar esta data, que celebra o legado da poeta coincidindo co aniversario do seu nacemento.
A axenda arranca o venres coa actuación de Mamá Cabra, grupo pioneiro na música infantil en galego, e co festival As literatas para Rosalía de Castro, con concertos de Laura Lamontagne e Nebra, e continúa o domingo 23 cun reparto de láminas conmemorativas da data nos museos provinciais que destacan as primeiras traducións ao inglés de Rosalía de Castro da man de Ruth Matilda Anderson.
A deputada de Cultura Iria Castro e a concelleira de Cultura Maite Ferreiro explicaron que “un ano máis promovemos unha ampla programación que convida a achegarse á figura e a obra de Rosalía de Castro desde unha perspectiva actual, reivindicando o seu papel como referente cultural e feminista”.
As literatas para Rosalía de Castro
A área de Cultura organiza por segundo ano consecutivo a xornada musical “As literatas para Rosalía de Castro”, que destaca a influencia da poeta como precursora e inspiradora da creación artística contemporánea.
As protagonistas serán a poeta e música Laura LaMontagne, coñecida por musicar poemas de Rosalía de Castro, e o grupo musical Nebra, que tamén mantén un vínculo coa literatura ao poñerlle música a un dos célebres poemas galegos de Federico García Lorca.
As actuacións, gratuítas e con entrada libre ata completar aforo, serán o o venres 21, a partir das 20.00 horas, na Capela de Santa María.
Laura LaMontagne
Curiosa por natureza e coa experimentación por bandeira, Laura LaMontagne (Lugo, 1993) flúe entre a música e a poesía até desembocar en espazos sonoros que mesturan tradición e vangarda. Logo de anos colaborando co produtor PicoAmperio reinventando xuntos a lírica medieval galaico-portuguesa, LaMontagne volve a escena cunha nova proposta acompañada da violinista Sara Ember, despregando un abano único de música e referencias literarias que non deixará indiferente a ninguén.
Nebra
Nebra é un proxecto musical inspirado na estrutura das cantigas tradicionais, pero con sons de electrónica, baixo e percusión máis afastadas do concepto tradicional. A banda nace no 2020 en Lugo da man da cantante e mestra de canto Sara Pérez Cruz (Sara Nebra), en colaboración co baixista Ángel Boquete e o batería Ro Muñoz. Logo de musicalizar o poema de García Lorca “Danza da lúa en Santiago”, o trío lanzou en 2022 o seu primeiro disco “Sereas”. No mesmo ano foron finalistas na categoría Músicas do Mundo dos Premios Martín Códax da Música Galega.
Mamá Cabra, 25 anos de música infantil en galego
Durante a tarde do venres, a programación dirixirase á cativada cunha actuación de Mamá Cabra, grupo pioneiro na música infantil en galego. A banda de Gloria Mosquera ofrecera na rúa Quiroga Ballesteros de Lugo o concerto “Mama Cabra.25 anos” en que repasará os temas máis exitosos da súa traxectoria, desde o seu primeiro disco Cantos Rodados ata A fraga do meu avó, o seu último libro CD sobre o amor pola natureza e polos animais.
Caraveis e láminas na Rede Museística
Durante toda a xornada e como xa vén sendo habitual, os catro museos da Rede Museística Provincial – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e o Fortaleza de San Paio de Narla- agasallarán ás visitas un caravel e unha lámina conmemorativa do Día de Rosalía, que este ano destaca a primeira tradución ao inglés da obra de Rosalía de Castro da man de Ruth Matilda Anderson.
A lámina, cunha ilustración da deseñadora gráfica Laura Alonso, reproduce as estrofas de “Castellanos de Castilla” que a etnógrafa e fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson incluíu no ensaio Gallegan provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña (The Hispanic Society of America, 1939), resultado do traballo investigador e fotográfico que realizou en Galiza nos anos 20 do século pasado.
Este tema centrará tamén o Encontro de Saberes Arredor de Rosalía que se celebrara o luns – 24 de febreiro, ás 19:00 horas- na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, coa participación da tradutora Alba Rodríguez Saavedra, quen coa súa labor investigadora sinalou a Ruth Matilda Anderson como a maior tradutora de Rosalía de Castro dende o galego ao inglés até 1964.