O Museo Provincial de Lugo acolleu a lectura do manifesto polo Día Mundial da Síndrome de Down
No acto inaugurouse a exposición fotográfica Tan coma ti, organizada por Down Lugo e a Rede Museística
Lugo, 21 de marzo de 2025.- O Museo Provincial de Lugo acolleu esta mañá a lectura dun manifesto con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down, que se conmemora o 21 de marzo. Representantes de Down Lugo puxeron voz á declaración, en que se reivindicaron como persoas autónomas e independentes e reclamaron as mesmas oportunidades no eido do estudo, do traballo, das relacións sociais ou do ocio para a plena inclusión na sociedade.
Trala lectura do manifesto, inaugurouse a exposición “Tan coma ti”, organizada pola Asociación Down Lugo en colaboración coa Rede Museística Provincial: unha mostra formada por máis de medio cento de imaxes que buscan achegar á cidadanía a realidade actual das persoas coa síndrome de Down, rompendo mitos e prexuízos.
A deputada de Cultura Iria Castro lembrou no acto a vocación inclusiva dos museos provinciais, cunha longa traxectoria de colaboración co asociacionismo e co terceiro sector tanto na programación expositiva como nas actividades divulgativas e didácticas que acollen durante o ano.
O acto contou coa participación de representantes do Concello de Lugo e da Subdelegación do Goberno en Lugo.