Castro de Carballedo celebra o vindeiro domingo a Festa da Carne ao Caldeiro, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

Castro de Carballedo celebra o vindeiro domingo -13 de abril- a XXII Festa da Carne ao Caldeiro, organizada pola Asociación de Veciños O Bubaíño coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e as responsables da organización Hita Gomez e Isabel Méndez presentaron a festa na que se prevé servir máis dun milleiro de racións de carne ao caldeiro e de carne richada, receitas tradicionais que enxalzan a calidade da carne de vacún da zona e que, grazas ao impulso da asociación, se mantén como recurso de dinamización da vida nesta parroquia de Carballedo durante todo o ano, como grande reclamo das feiras mensuais.
O vicepresidente da Deputación valorou o traballo da asociación na organización desta cita que “ademais de amosar a gastronomía e outros recursos culturais do concello ás persoas visitantes, é punto de encontro e de recoñecemento para a veciñanza da parroquia de Castro e de todo o munipio” e encadrou a colaboracion coa feira no “apoio da Vicepresidencia da Deputación ao tecido asociativo e cultural, que cumpre unha función fundamental na dinamización do rural”.
Na contorna da praza, celebrarase un mercado de produtos locais e artesanía con 14 postos. Ademais, a organización aproveita a cita gastronómica para a difusión do patrimonio arquitectónico, cunha ruta polas igrexas románicas do municipio.
A agrupación de música tradicional Falcatrueiros animará a festa, na que tamén se poderá ver a exposición de fotografías antigas “Mulleres construíndo futuro” na Oficina de Turismo.