Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepesidencia da Deputación convida a "mover os marcos" cunha xornada pola diversidade e a lingua con concertos de Mondra e De Vacas, o 20 de xullo en Sarria

A área de Cultura impulsa un programa con música, literatura, activismo e gastronomía en lembranza do promotor cultural Marcos López

 Sarria vivirá o vindeiro 20 de xullo unha xornada de reivindicación do poder transformador da cultura arredor do lema "Move os teus marcos", impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Tras aprazarse o 18 de maio por  unha forte treboada, retómase a celebración deste encontro que conxuga música, literatura, activismo e gastronomía en lembranza do promotor cultural sarriao Marcos López, figura imprescindible da xestión cultural e do audiovisual galego nas dúas últimas décadas.

Os concertos de Mondra, unha das voces máis destacadas do tradi, e o cuarteto De Vacas destacan no abano de propostas fiadas arredor da diversidade e do compromiso coa lingua e o territorio, que se desenvolverán entre a terraza da cervecería Don Pepe Pub e O Meigallo.

O programa inclúe actividades e espazos para a creación e a reflexión,  cun recital poético musical, intervencións artísticas colectivas ou unha palestra sobre dereitos das persoas LGBTIQA+ , dereitos linguísticos e Palestina nun contexto de auxe dos discursos de odio, así como unha ampla axenda pensada para a cativada, con contacontos,  obradoiros e espazos de lecer libre. A programación é de balde e aberta a todos os públicos.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e a deputada de Cultura Iria Castro convidaron a asistir aos concertos e participar de todas as actividades que se celebrarán ao longo da xornada, que pretenden converter Sarria nun punto de encontro para público de toda Galiza.

Os responsables provinciais destacaron “a calidade da proposta musical con Mondra e De Vacas, referentes da fornada de artistas que están a revolucionar o panorama da música en galego” nun programa “artellado coa premisa de crear unha axenda que anime ao público a quedar en Sarria durante toda a xornada”.

Move os teus marcos conta tamén coa implicación do tecido cultural e asociativo de Sarria, cun paseo teatralizado en colaboración con Ultreia et Suseia, no que se representarán historias sobre Sarria, o seu patrimonio e o Camiño de Santiago, e no que participarán Meigas e Trasgos, Peleriños, Rebuldeira Teatro e Silvia Mondelo. Ademais, para a hora do xantar, no Meigallo, celebrarase unha  foliada aberta coa participación de Sarricanta, Meigas e trasgos e Peleriños. O recinto da festa acollerá tamén unha zona gastronómica cunha selección de produtos da comarca.