A gala dos XXIV Premios Mestre Mateo celebrarase o 21 de marzo en Lugo

Iria Castro: "Iria Castro: “Reivindicamos o audiovisual lucense, a provincia e a cidade. Somos centro en creatividade e talento”
A gala da XXIV edición dos Premios Mestre Mateo terá lugar en Lugo, no Auditorio Fuxan os Ventos, o vindeiro 21 de marzo de 2026. O anuncio realizouse este martes nunha rolda de prensa celebrada no Auditorio, na que participaron Lucía Veiga, presidenta da Academia Galega do Audiovisual; Carmen Méndez, vicepresidenta da Academia; Efrén Castro, vicepresidente da Deputación de Lugo; Iria Castro, deputada provincial de Cultura; Rubén Arroxo, tenente alcalde do Concello de Lugo; e Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua.
A presidenta da Academia Lucía Veiga subliñou que é unha "honra" poder levar os Premios Mestre Mateo a Lugo. "Cumprimos unha débeda histórica xa que é a primeira vez que a gala do audiovisual galego se celebra na cidade de Lugo", apuntou Lucía Veiga. "Estamos moi emocionadas porque este encontro non só é unha celebración, senón tamén unha oportunidade para compartir e facer comunidade arredor do noso audiovisual”.
Pola súa parte, os representantes das institucións locais coincidiron en sinalar a importancia de acoller un evento desta magnitude, que non só reforza a proxección cultural da cidade, senón que tamén terá un impacto positivo no sector turístico e na economía local, atraendo profesionais e medios de comunicación de toda Galicia.
A deputada provincial de Cultura, Iria Castro, cualificou o anuncio de “día histórico para Lugo”. “Por primeira vez na historia, os Mestre Mateo vanse celebrar na provincia de Lugo. É un pracer poder anuncialo neste auditorio porque isto é un acto de xustiza e froito dunha aposta política e económica. A pesar de ser periferia da periferia, somos a casa dos irmáns Coira, de Melania Cruz, de Xoán Fórneas, de Margarita Ledo ou de Carmen Méndez, persoas que rompen teitos e barreiras cos seus proxectos. Exportamos moitísimo talento e é hora de que estes Mestre Mateo sexan un punto de inflexión. Queremos que se mire cara a provincia, para que sexa lugar de máis proxectos e se converta no epicentro do cinema galego de agora ata 2026”, apuntou Iria Castro.
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, destacou pola súa parte que esta celebración supón tamén saldar unha débeda co audiovisual galego: “Creo que, ademais dunha débeda histórica, por fin traemos os Mestre Mateo a Lugo. Non só esa gala, senón todo o proceso que vén detrás. Son moitas as persoas que proceden de Lugo, que teñen talento e que están espalladas por todo o país. Queremos que sintades Lugo como a vosa casa, que vos sintades acollidos e cómodos, e convidarvos a compartir con nós esta celebración”.
O Auditorio Fuxan os Ventos converterase así no epicentro da cultura galega, acollendo unha das citas máis importantes do ano, na que se darán a coñecer as gañadoras e gañadores dos XXIV Premios Mestre Mateo.
O camiño cara á gala arrinca no próximo mes de outubro de 2025, cando se abrirá o prazo de inscrición de obras. A finais de xaneiro de 2026 coñeceranse as finalistas en cada categoría e en febreiro terá lugar a tradicional Xuntanza de Finalistas e darase a coñecer o Premio de Honra Fernando Rey.
Xa en marzo, Lugo converterase na capital do audiovisual galego con diferentes actividades paralelas que se desenvolverán na cidade nos días previos á gala, e que se darán a coñecer nas vindeiras semanas.
Os premios, que recoñecen a excelencia do audiovisual galego, supoñen unha oportunidade para visibilizar o talento, a creatividade e a diversidade de proxectos que se realizan no noso país. Nesta edición prevese a participación de arredor de 200 profesionais e a implicación de máis de 50 empresas privadas, consolidando o evento como o gran escaparate da colleita do audiovisual galego, que nos últimos anos acadou unha notable presenza en festivais internacionais e unha gran repercusión tanto dentro como fóra de Galicia.