Comezan as proxeccións das obras finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo nos Cines Códex, en Lugo
A Academia Galega do Audiovisual inaugura mañá en Lugo as proxeccións das longametraxes e documentais finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo, iniciativa que forma parte das actividades previas á gala que se celebrará o vindeiro 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos.
As proxeccións terán lugar nos Cines Códex, con acceso gratuíto ata completar capacidade, e estarán acompañadas pola presentación dos equipos das obras e un coloquio co público, moderado pola guionista Clara Coira. O obxectivo desta programación é achegar o audiovisual galego á cidadanía e fomentar o encontro directo entre creadores e espectadores.
A primeira sesión celebrarase mañá martes 10 de febreiro ás 19.00 horas coa proxección da longametraxe Antes de nós, que contará coa presenza do seu actor protagonista Xoán Fórneas e da presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, e a deputada de Cultura, Iria Castro, que darán a benvida aos asistentes.
As proxeccións continuarán ao longo dos meses de febreiro e marzo, sempre ás 19.00 horas nos Cines Códex, coa seguinte programación:
11 de febreiro: 360 Curvas.
18 de febreiro: Ao son da nova regueifa.
19 de febreiro: Sirât
24 de febreiro: San Simón
25 de febreiro: O silencio herdado
3 de marzo: As liñas descontinuas
4 de marzo: Deuses de pedra
Proximamente confirmaranse as presentacións do resto de proxeccións. Con esta programación, Lugo convértese durante varias semanas nun punto de encontro do audiovisual galego, reforzando o seu papel como cidade anfitrioa da gran noite dos Premios Mestre Mateo.
Ademais das sesións de cinema, a programación previa dos XXIV Premios Mestre Mateo en Lugo inclúe dous encontros abertos ao público. O día 20 de febreiro celebrarase no salón de actos da Deputación de Lugo a charla Detrás dos Premios Mestre Mateo, na que os responsables de organización e prensa da gala compartirán detalles e curiosidades sobre o funcionamento interno do evento. Pola súa banda, o 5 de marzo terá lugar no Auditorio do Vello Cárcere un encontro cos presentadores da gala e coa persoa galardoada co Premio de Honra desta edición.
Toda a información detallada sobre as actividades previas e o calendario completo está dispoñible na web www.premiosmestremateo.gal.
