Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputacíon organiza a cuarta edición do curso de interpretación de instrumentos de música medieval Sons dos Camiños

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
MÚSICA MEDIEVAL
CENTRO DE ARTESANÍA E DESEÑO
O curso, con intérpretes de recoñecementos internacional, desenvolverase do 23 ao 26 de abril no Centro de Artesanía e Deseño

O Centro de Artesanía e Deseño acollerá do 23 ao 26 de abril a cuarta edición do curso de  música medieval Sons dos Camiños, na que as persoas asistentes poderán perfeccionar a interpretación de instrumentos como arpas medievais, cítolas e laúdes, salterios ou organistros.

Intérpretes de recoñemento internacional como Manuel Vilas, Begoña Olavide, Paloma Gutiérrez del Arroyo, Peppe Frana e Francisco Luengo, que se encarga tamén da dirección e da coordinación, impartirán o curso, que inclúe clases individuais e grupais, sesións teóricas e un concerto final.

Trátase da cuarta edición do curso que situou Lugo nun lugar de referencia en formación e  interpretación da música antiga e medieval e que pón en valor o patrimonio musical que alberga o Centro de Artesanía e Deseño (Centrad), nomeadamente as reproducións de instrumentos medievais da Colección de Instrumentos.

O alumnado poderá empregar no curso estes instrumentos creados polo Obradoiro de Instrumentos do Centrad a partir da iconografía do Pórtico da Gloria e do Pazo de Xelmírez.

Horarios e inscrición

O curso desenvolverase en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas.  O último día -26 de abril-, as alumnas e alumnos ofrecerán un concerto coas obras individuais e grupais preparadas durante o curso. A inscrición no curso, gratuíto, require inscrición previa en info.centrad@deputacionlugo.org.

Profesorado

Canto: Paloma Gutiérrez del Arroyo
Sempre dedicada á música e doutora en biofísica polo CSIC-UAM, Paloma Gutiérrez del Arroyo dedícase á música medieval desde 2009. Estudou repertorios vocais medievais principalmente en París (Univ. Sorbona, París IV-Conservatorio Superior de París, CNSMDP) e Basilea (Schola Cantorum Basiliensis) con grandes mestres e intérpretes destes repertorios. A día de hoxe, actúa principalmente cos conxuntos Proyecto EVOCA e Cantaderas e a dúo co arpista Manuel Villas. Xunto a estas dúas últimas formacións, gravou dous discos  para os selos Et'cetera-records e Arion.  En 2016 fundou a Escuela de Música Medieval y de Tradición Oral dentro da Institución Libre de Enseñanza (Madrid), e imparte regularmente cursos invitados por conservatorios, universidades, museos e outras institucións de España, Francia, Suíza e  Italia

Arpa medieval: Manuel Vilas
Vilas colaborou con numerosos grupos de música antiga en festivais de Europa e América. Tamén realiza concertos como solista con programas centrados na música barroca ibérica, americana e italiana e participou en máis de 100 discos con diversas discográficas e grupos musicais especializados, como solista ou acompañante. Asemade, é pioneiro no estudo e investigación de certos tipos de arpas hoxe totalmente esquecidas, coma a arpa xesuítica chiquitana (Bolivia, século XVIII), a arpa dobre da coroa de Aragón do século XIV e, recentemente presentou no Festival de Música e Musicoloxía iberoamericana (Montevideo, Uruguai) o seu estudo sobre a arpa do Virreinato do Perú e a reprodución da arpa de Santiago Apóstol de Huachacalla (Oruro, Bolivia, século XVIII).

Corda pulsada, cítolas e laúdes: Peppe Frana
Afeccionado á música rock e metal, aos 20 anos, quedou fascinado pola música modal grazas ao traballo de Ross Daly e comezou a estudar o laúde turco (vde) e outros cordófonos tocados con plectro, realizando frecuentes viaxes a Grecia e Turquía, especialmente no contexto do Labyrinth Musical Workshop en Creta. Alí tivo a oportunidade de aprender dalgúns dos mestres máis renombrados: Yurdal Tokcan, Omer Erdogdular, Murat Aydemir, Daud Khan Sadozai e o propio Ross Daly. Un encontro cos membros do Ensemble Micrologus espertou o seu interese pola música medieval europea e o laúde de plectro. Rapidamente converteuse nun dos solistas e profesores máis apreciados, especializado no repertorio italiano do trecento. En 2013 comezou a estudar laúde medieval na Schola Cantorum de Basilea, Suíza, baixo a dirección de Crawford Young, marcando a súa primeira experiencia en estudos académicos de música. Ten unha licenciatura en filosofía do Instituto Universitario «L’Orientale» de Nápoles. Colabora regularmente con moitos artistas e proxectos musicais no ámbito da música antiga, oriental e non clásica e é director artístico de Labyrinth Italia.

Salterios medievais: Begoña Olavide
Olavide conta cun amplo percorrido musical que arrancou na década dos 80 e que lle permitiu levar a súa arte por países de toda Europa, América, Asia ou África. Na actualidade adícase ao Salterio e fundou Cálamus e Mudéjar, grupos que contribuíron no panorama da música antiga estatal con innovadoras propostas para a súa evolución

Corda frotada, violas, gigas e organistrum: Francisco Luengo
Francisco Luengo será o encargado da formación en corda frotada, violas, gigas e organistrum. Comezou a aprender a viola da gamba con José Vázquez en1981, ingresando na Höchschule für Musik de Viena en 1988 e dirixiu Capela Compostelana dende a súa formación.