Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación apoia o traballo de documentación da tradición do ferro de Riotorto

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
FEIRA DO FERRO
ARTESANÍA DO FERRO
Riotorto
Xabier Díaz abrirá a Feira do Ferro de Riotorto cunha actuación o 18 de abril

A Vicepresidencia da Deputación apoia o traballo de documentación da tradición do ferro de Riotorto

 

Xabier Díaz abrirá a Feira do Ferro de Riotorto cunha actuación o 18 de abril

 

 

Lugo, 31 de marzo de 2026.- A deputada Iria Castro trasladou á Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto o apoio da Vicepresidencia da Deputación na súa labor de recuperación e documentación da tradición do ferro en Riotorto.

 

Unha actividade que intensificaron nos dous últimos anos coa colaboración da área de Cultura e que permitiu catalogar e rexistrar ferramentas e técnicas propias dos oficios vinculados ao ferro, así como afondar nos precedentes dunha actividade que a mediados do século XX empregaba a máis 200 persoas no concello.

 

Nesa liña, nos últimos meses, a Asociación recreou as chamadas “ferrerías de monte” nas que se obtiña ferro mediante un proceso de reducion química, do mesmo xeito que se fixo durante milenios.

 

A deputada reiterou o compromiso da institución provincial durante unha visita a unha das moas de auga nas que se afiaban as ferramentas elaboradas polos ferreiros, parte do patrimonio etnográfico que a asociación reivindica como recurso para a dinamización social e turística do concello.

 

Iria Castro subliñou “a importancia de conservar e dar visibilidade ao patrimonio etnográfico e ao coñecemento xerado arredor da artesanía do ferro, que é unha sinal de identidade de Riotortoe destacou que “afrontar o reto colectivo que implica dar continuidade a este oficio e manter o seu legado patrimonial esixe memoria e orgullo do propio, que é o que nos trasladan cada vez que temos a oportunidade de reunirnos cos ferreiros de Riotorto”

 

Xabier Díaz abrirá a Feira do Ferro de Riotorto o 18 de abril

 

Ademais de seguir apoiando a actividade da Asociación, que este 2026 ten previsto un intercambio de experiencias coas ferrerías de Navarra, a Vicepresidencia da Deputación colaborará na programación da Feira do Ferro cun concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre o 18 de abril.

 

A actuación amplía o impacto dinamizador da Feira a toda a fin de semana e pon en valor o traballo de montaxe previo ás demostracións e obradoiros dos ferreiros, que se desenvolve durante esa tarde.

 

A actuación encádrase na programación que a área de Cultura organiza por toda a provincia en colaboración co tecido asociativo e cos concellos para fomentar a presenza da música tradicional e dos artistas e bandas de música en galego en festivais, festas e celebracións populares.