O Correlingua lanza desde Monforte un berro a prol da lingua con estudantes de oito centros educativos
Monforte acolleu este mércores a primeira das tres festas do Correlingua na provincia, que este ano animan á rapazada a usar o galego co lema “Co galego no corazón facemos revolución”.
A deputada de Cultura Iria Castro participou no acto, que reuniu alumnas e alumnos do IES A Pinguela, IES Daviña Rei, IES Río Cabe, IES Val do Asma, CEIP A Gándara e CEE Infanta Elena de Monforte, do CEIP Doutor López Suárez do Saviñao, do CEIP Virxe da Luz de Portomarín e do IES Cosme López Rodríguez (A Rúa), nunha marcha pola lingua e unha festa final coa actuación da banda Cuarta Xusta.
A Vicepresidencia da Deputación apoia a organización das actividades do Correlingua, enfocadas en reivindicar o uso do galego a través de actividades colectivas, lúdicas e de interacción entre o alumnado. As vindeiras festas do Correlingua na provincia serán o 20 de maio en Ribadeo e o 27 de maio en Lugo.
