Cultura
Deputación de Lugo

A obra “Cvstos Lvci” de Fernando Yáñez dá a benvida a visitantes no Museo Provincial de Lugo durante o Arde Lucus

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
FERNANDO YÁÑEZ
arde lucus
O cadro do artista lucense, que representa a confluencia entre a cultura castrexa e o legado de Roma, pode verse no Refectorio do Museo

O Museo ofrece visitas guiadas centradas nas coleccións e salas relacionadas coa cultura caltrexa e a romanización

O Refectorio do Museo Provincial de Lugo acolle desde hoxe e durante a vindeira semana a obra “Cvstos Lvci” (O gardián de Lucus) de Fernando Yáñez, un cadro de gran formato no que o artista lucense quixo representar a confluencia entre a cultura castrexa e o legado de Roma como elemento central na tradición e historia da cidade de Lugo.

A obra, que representa un gardiá protector da cidade, exhíbese na sala de entrada ao Museo coincidindo coas datas de celebración do Arde Lucus, convidando ao público a profundizar nos fondos museísticos relacionados coa cultura castrexa e romana.

A deputada de Cultura Iria Castro participou este mediodía na inauguración da peza, onde agradeceu “a xenerosidade de Fernando Yáñez, que coa cesión desta obra amplía a colección artística do Museo e remarca o interese dos fondos do Museo para o estudo e coñecemento da cultura castrexa e da romanización”.

A carón do cadro, proxéctase un vídeo sobre o proceso de creación da obra, incluída dentro da serie Yiban, formada por retratos de media cara, o último proxecto do artista lucense, cunha ampla traxectoria creativa, académica e profesional vinculada ás artes plásticas.

Ademais de expoñer as súas obras en exposicións individuais e colectivas en diferentes espazos culturais, Fernando Yáñez é recoñecido tamén polos seus proxectos murais, entre eles, “Rosalía” pìntado para Art for Dent na rúa San Roque, en Lugo.

Visitas guiadas ás 17.00 horas

Coincidindo coas datas do Arde Lucus, o Museo Provincial de Lugo ofrecerá a vindeira semana, todos os días ás 17.00 horas, visitas guiadas centradas nas salas e coleccións relacionadas co pasado castrexo e romano, entre as que destacan as pezas da Colección de Ourivería Álvaro Gil Varela, as moedas e medallas da Sección de Numismática, as epigrafías do Claustro ou a Sala dos Mosaicos.