Cultura
Deputación de Lugo

Iria Castro abriu en Mondoñedo unha xornada sobre o papel das mulleres nas comunidades rurais a partir dos achádegos arqueolóxicos en San Vicente de Trigás

mulleres rurais
mondoñedo
Iria Castro abriu en Mondoñedo unha xornada sobre o papel das mulleres nas comunidades rurais a partir dos achádegos arqueolóxicos en San Vicente de Trigás

Mondoñedo, 10 de outubro de 2026.-  A deputada de Cultura Iria Castro participou esta mañá na xornada Coidar o rural, organizada no marco do proxecto de investigación Coidarq coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Durante o encontro, celebrado no Pazo de San Tomé, en Mondoñedo, presentáronse as conclusións preliminares do estudo “Axencia feminina, coidados e memoria: unha aproximación transhistórica ao rural galego desde O Combarro, San Vicente de Trigás, Mondoñedo”, que afonda no papel das mulleres na construción, sostemento e transformación das comunidades rurais ao longo da historia a partir de testemuños recollidos a veciñanza e persoas vinculadas a San Vicente de Trigás.

O estudo, desenvolvido polas investigadoras Celtia Rodríguez, Iria Vázquez e Antía Caramés, suma a investigación etnográfica e sociolóxica aos achádegos arqueolóxicos realizados no lugar de Combarro, en San Vicente de Trigás, en 2023, que avanzaron na documentación de restos dunha aldea altomedieval nesta parroquia mindoniense e que abriron novas vías de coñecemento sobre as comunidades rurais nese periodo histórico. Na exposición, as autoras remarcaron a contribución das mulleres á configuración e conservación das paisaxes a través das tarefas agrarias.

Na presentación da xornada, Iria Castro valorou “o enfoque de xénero e o interese pola investigación da cotidianidade nas comunidades rurais que guían o proxecto” e sinalou que “a divulgación en encontros coma este contribúen a reforzar a sensibilidade cara ao patrimonio e ampliar o coñecemento sobre a nosa propia historia”. A responsable provincial avanzou ademais que “a Vicepresidencia da Deputación manterá a colaboración co proxecto de investigación en 2027”.

O encontro, no que tamén se proxectou un vídeo resumo dos traballos desenvolvidos, contou tamén coa participación das investigadoras Rebeca Blanco Rotea e Marga Fernández Mier, que  coordinan proxectos de investigación sobre o papel das mulleres na xestión do rural nas universidades de Minho e Oviedo.