Iria Castro clausura o curso de cestería do programa Mans Artesás en Labio, en Lugo
Lugo, 4 de novembro de 2026.- A deputada Iria Castro asistiu a clausura do curso de cestería que a artesá Beatriz Valín impartiu durante o último mes en Labio, en Lugo, no marco do programa Mans Artesás da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Durante as sesións de formación, que se impartiron os martes no local da asociación, as participantes adquirirán coñecementos e habilidades básicas deste oficio tradicional facendo as súas propias pezas: cestas de diferentes tamaños para uso doméstico ou agrario, pero tamén elementos ornamentais.
Iria Castro encadrou a iniciativa na “rede de apoio que desde a Vicepresidencia da Deputación se ofrece ao tecido asociativo, con programas que amplían as actividades culturais ou lúdicas que desenvolven con propostas que poñen en valor o noso patrimonio cultural, neste caso, os oficios tradicionais”.
Unha vintena de cursos no mes de novembro
O programa Mans Artesás, que se puxo en marcha este ano, organiza cursos, demostracións e obradoiros de artesanía a todo a provincia, atendendo ás demandas de colectivos culturais e veciñais. Así, ao longo do mes de novembro, impartiranse unha vintena de cursos: de cestería, en Orbazai (Lugo) e en Gondulfe (Taboada), en Adai (O Corgo) e en Distriz (Vilalba); de traxe tradicional, en Ínsua (Vilalba); de cerámica, en Palmeiro (Xove), en Pino (Cospeito), en Sarria, en San Vicente de Pedreda e en Santa Cristina de San Román (Lugo); de restauración de mobles en Sante (Trabada), Muras, Santa Cruz (O Valadouro), Saldoira (A Pontenova) e Rumareda (Castroverde); de coiro en Vilaronte (Foz) e en San Cosme de Nete (Vilalba) ou de artes florais en Ligonde (Monterroso) e na Devesa (Ribadeo).
A convocatoria amplía o apoio que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo ofrece á artesania, un sector que conserva, difunde e actualiza coñecementos e técnicas que forman parte do noso patrimonio inmaterial e que desenvolve unha actividade económica sostible, ligada ao territorio e ao consumo responsable.
