Alumnado do IES SanXillao de Lugo participa nunha proxección e coloquio arredor da serie interactiva “Amnesia 3.0”
Alumnado do Bacharelato de Artes do IES San Xillao de Lugo participou este xoves nunha sesión sobre ficción dixital, na que se proxectou a serie interactiva “Amnesia 3.0”, a primeira en galego no seu xénero, escrita e dirixida pola lucense Irene Pin. A autora compartiu co estudantado a súa experiencia no proceso creativo e na produción da serie, finalista do Premio Mestre Mateo á Mellor Serie Web.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo promoveu a actividade que se repetirá mañá na Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón de Lugo e no IES Monte Castelo de Burela, co obxectivo de achegar contidos audiovisuais en galego á mocidade e visibilizar a obra de novas creadoras.