A zanfona en Galicia está intimamente ligada ao Obradoiro de instrumentos musicais da Deputación de Lugo desde que, no ano 1951, fose creado. Os seus primeiros directores, Faustino Santalíces e Paulino Pérez, foron os artífices da súa recuperación. Nese momento, as zanfonas tiñan un tamaño moi similar e a tonalidade non estaba definida, aproximábase ao ton de DO. A afinación con diapasón xeneralizouse a partir de 1975.
Contando cos traballos de Paulino, nos que xa tiña introducido variacións no tamaño da caixa harmónica, e a inspiración motivada polo modelo francés de gran caixa, utilizado por Faustino Santalices nas súas gravacións, no ano 1976 Antón Corral e Xesús Pérez inician, por primeira vez, o camiño cara a dúas tonalidades diferenciadas, por outra parte, o rexurdimento da música popular galega facía necesario concretar e precisar as afinacións de instrumentos tradicionais. As zanfonas, a partir de entón, encadraríanse nas tonalidades de DO e SOL, con tiros de corda e disposición do teclado diferentes.
En 1983, ponse en marcha a Escola de gaitas e zanfonas. É a primeira experiencia en Galicia que combina o ensino do instrumento co solfexo e con profesores internacionais invitados, pero unha década despois a zanfona segue sen acadar un posto dentro das formacións musicais, así, co fin de impulsar e popularizar o seu uso, Luciano Pérez promove un novo modelo tendo en conta a ergonomía, funcionalidade e baixo custo ao facilitar a súa construción mecanizando gran parte do proceso.
O modelo foi rapidamente aceptado e significou un importante impulso, favorecendo a creación de escolas para a aprendizaxe e a xeneralización actual de modelos similares. Hoxe, un bo numero de artesáns están a construír modelos similares de alta tecnoloxía.
GALERÍA DE IMAXES DESCARGABLES
EQUIPO DE TRABALLO:
Antonio Franco
Carlos Galván
Luciano Pérez
Xesús Pérez
Xermán Arias