Falar do obradoiro do traxe tradicional é falar de conservación, protección e promoción da rica tradición que o traxe tradicional ten na nosa comunidade autónoma.
Cada comarca de Galicia dispón de traxes con características propias e moi diferenciadas, existindo múltiples variantes en función da zona onde se elaboran.
A confección dun traxe tradicional pasa por procesos moi laboriosos, nos que interveñen outros oficios, como o encaixe, os tecidos tradicionais, o bordado, etc.
Este obradoiro trata de acadar os obxectivos e fins anteriormente mencionados a través da formación e da divulgación tanto a alumnos e alumnas como a todas aquelas persoas interesadas en coñecer e aprender a traballar as diferentes técnicas de bordado, deseño e elaboración dos traxes tradicionais que forman parte da etnografía galega.