Os vestixios, que a tradición medieval deixou nas diferentes manifestacións da cultura popular e da expresión artística, achegan un alto valor moi válido para a revitalización da memoria colectiva e a paisaxe sonora. Neste contexto, documentos do patrimonio literario e escultórico como o das igrexas de San Xoán de Portomarín e Santo Estevo de Ribas de Miño, na Ribeira Sacra, ou as semellanzas con algúns instrumentos tradicionais e musicas de tradición oral revalorizan os instrumentos musicais do pasado para interpretar a música do presente, evolución sen perder a esencia. Destaca o legado musical da resplandecente tradición lírica en lingua galega que coincide, a partir do século XII, coa aparición dos primeiros trobadores coma Martín Códax ou o lucense Johan Romeu, focos de irradiación de valores e coñecementos que, tamén, motivan este novo traballo arqueomusical achegámonos, esta vez, a un personaxe mítico e lendario para recuperar as máis fieis representacións dunha xiga e unha rota, os seus instrumentos máis representativos.
A figura bíblica do rei David, ca. 1040-966 a. C., inicia unha etapa crucial na historia da humanidade, comeza pastoreando ovellas e remata como rei de todo Israel e conquistador dun imperio. Unha vida chea de complexidades e contradicións cunha forte presencia na Biblia onde o seu nome aparece máis de mil veces. Como di Jonathan Kirsch “contra os esforzos dos moralistas que esgrimen a Biblia e buscan facérmonos sentir mal por ser como somos, o relato bíblico de David está aí para recoñecer e validar o que os homes e mulleres senten e fan realmente”. En vida é louvado como o rei ao que Deus elixiu para gobernar a terra e, xa morto, transfigúrase como un soberano que reinará desde as alturas pasando a ser un símbolo teolóxico, de aí as numerosas representacións iconográficas, unha das máis estendidas na Idade Media foi como intérprete musical.
En Galicia, Serafín Moralejo ten estudado toda a súa iconografía que vai desde o tímpano da igrexa de San Miguel do Monte en Chantada, onde aparece cunha danzarina e un músico con pandeiro ata o conxunto catedralicio compostelá no que se conservan dúas estatuas-columna, unha con rota na fachada do Pórtico da Gloria, antiga porta da Trindade do ano 1188, e outra cunha xiga na porta de praterías, orixinalmente esculpida para a porta norte da catedral, datada entre os anos 1102 e 1105.
Contidos relacionados
EQUIPO DE TRABALLO
Dirección
Luciano Pérez Díaz
Investigacións
Christian Rault, Carlos Paniagua, Francisco Luengo e John Wright
Mestres artesáns
Antonio Franco, Carlos Paniagua, Christian Rault, Marco Gamarra Blanco e Xermán Ärias
Alumnado
Álvaro Fernández Ferreiro, Álvaro Méndez Fernández, Francisco Maañón Álvarez, Iago Salgado Álvarez,
Iván García Méndez, Luciano Pérez Díaz, Marco Gamarra Blanco, Marta García Díez,
Miguel Bande Ramudo, Norka Pérez Noguera, Pedro Carballo López, Roberto de Caso Piñeiro
Coordinación administrativa
Santiago Rodríguez Túñas
Revisión lingüística
Montserrat González Álvarez