A MÚSICA NOS MANUSCRITOS DE LEONARDO DE VINCI
Leonardo nace na cidade estado de Florencia o 15 de abril de 1452 e morre en Francia o 2 de maio de 1519. Foi un revolucionario, un xenio e un visionario, foi a expresión culminante da cultura renacentista que se caracterizou pola estreita interrelación entre artes e ciencias.
Na súa obra ocupouse tamén da música á que definiu como “alimento da alma e a máis sublime de todas as artes”, son numerosos os bosquexos, debuxos e notas manuscritas que se conservan nos códices: manuscrito do Instituto de Francia, París 1487-1499; códice Atlántico da Biblioteca Ambrosiana de Milán 1478-1518; códice Arundel que se conserva no Museo Británico de Londres 1503-1505 e os códices Madrid I e II conservados na Biblioteca Nacional de España 1492-1505, neles podemos ver unha gaita de fol continuo e un órgano de man coa importante novidade de dispoñer o teclado en vertical, conseguindo, así, un movemento máis ergonómico da man e anticipándose tres séculos á invención do acordeón.
Destacan, igualmente, a gran cantidade de debuxos dedicados ao estudo da viola organista, instrumento de corda experimental que comparte dous elementos comúns co organistro e a zanfona: a roda é a solución técnica do teclado para producir a melodía. Este instrumento sería precursor do geigenwerk, construído por Hans Hayden, a finais do s. XVI, e Fray Raimundo Truchado, no 1629, que conta con varias rodas de fricción.
No ano 2003, Villamonte editores reuniu a un equipo internacional para materializar os soños, as súas teorías científicas e técnicas na creación de novos instrumentos musicais e así son reconstruídos un conxunto de 19 instrumentos que se presentan no proxecto Leonardo da Vinci y la música, na Biblioteca Nacional, en Madrid, coa participación do Ministerio de Educación Cultura e Deporte. Un pequeno grupo destes instrumentos pódense contemplar na colección de instrumentos musicais, obxectos sonoros e arquivo documental do CENTRAD.
GALERÍA DE IMAXES
EQUIPO DE TRABALLO
Dirección
Alfredo Melgar, Villamonte editores
Investigacións e Mestres artesáns
Akio Obuchi, Joaquín Lois, Joaquín Saura, Luis Payno, Luciano Pérez, Simone Vignato
Coordinación administrativa
Paloma Feito, Villamonte editores