Ao longo do camiño de Santiago atopamos numerosas representacións artísticas que achegan información, ás veces única, de instrumentos musicais do pasado. Estas imaxes son obxecto de estudo da iconografía musical e da organoloxía e constitúen fontes documentais excepcionais para recuperar o son doutros tempos. A cidade de Santiago de Compostela, meta da peregrinación, destaca con dous centros excepcionais: o Pórtico da Gloria da catedral Compostelá e o Pazo de Xelmírez.
Este conxunto monumental dos séculos XII e XIII foi obxecto dun proxecto multidisciplinar de investigación e reconstrución impulsado pola Deputación de Lugo no ano 1993.
Un equipo de historiadores, artesáns, músicos e investigadores reunidos no Obradoiro de instrumentos musicais: Jesús Pérez, John Wright, Carlos Galbán, Christian Rault, Antonio Franco, Ramón Yzquierdo, Xermán Arias, Francisco Luengo, e Luciano Pérez estudou os instrumentos musicais tallados na pedra en diferentes posicións, o que permitiu obter detalles de tódolos ángulos, e poder así acometer con certas garantías a reconstrución en madeira. O resultado foi unha colección única de réplicas de instrumentos de corda desta época, tanto desde o punto de vista acústico como ergonómico. Unha selección de aqueles instrumentos amósase agora ó público que visita esta plataforma e todo o conxunto, na Colección de instrumentos musicais, obxectos sonoros e Arquivo documental do Centro de Artesanía e Deseño.
Achégate para coñecer este espazo arquitecónico, e descubre onde se atopan cada un dos instrumentos musicais representados.
Música do grupo Por que trobar... e Capela Compostelana
Coñece cada un dos elementos escultóricos (ménsulas) do Pazo de Xélmirez, nas que se representan os diferentes instrumentos musicais presentes na colección.
Explora virtualmente dende o teu móbil este espazo singular e síntete como se estiveras alí. Nel poderás escoitar a música creada cos propios instrumentos da colección.