Quen é Ana Díaz?
Ana criouse en As Pontes de Gatín, pobo que se atopa no límite entre Becerreá e Cervantes. Estudou no CPI de Cervantes debido a que ese centro ofrecía mellores posibilidades de transporte escolar. Considera que valorou o feito de ter estudado nunha escola rural no momento no que saíu da súa comunidade e viu a importancia das prácticas educativas que nela se desenvolven. Ana valora como imprescindible na súa educación o contacto tanto coa natureza coma coa contorna, así como tamén o feito de educarse en galego.
Estudos de capacitación profesional e primeiros pasos profesionais
Rematados os estudos en Cervantes, na moveuse a Becerreá para estudar o Bacharalato, o cal a ela non lle supuxo ter que deixar a súa casa xa que se atopaba a unha curta distancia. Cree que o feito de ter que abandoar o fogar para poder continuar cos estudos é un factor de exclusión do sistema, xa que existen familias que non poden asumir o gasto do aluguer dun piso ou persoas que, directamente, non queren asumir esa marcha.
Despois disto marchou a estudar Publicidade a Pontevedra, experiencia que lembra con moito agarimo e que a leva a recomendarlle a todo o mundo que saia do seu lugar para conectar con persoas e ambientes distintos. Logo de rematar a súa formación fixo prácticas en diversos lugares (entre eles Reggio Calabria, cunha beca Leonardo). Logo traballou en A Coruña no departamento de marketing de Estrella Galicia, o cal lle permitiu coller un importante pulo profesional así como asegurar moito a súa autoestima profesional. Deixou aquel campo para mudar ao comercio electrónico nunha empresa de Corcubión, que facía do feito de estar na periferia o seu sinal identitario (Galinus). Pese a que se tratase dunha empresa diferente (máis pequena) non descendeu a calidade profesional comparativamente coa experiencia anterior, o cal lle permitiu seguirse formando durante tres anos. Na crise do 2008 achegouse á oficina de emprego de Corcubión, onde descubriu que podía exportar o seu paro a calquera país da Unión Europea. Aquilo significou un novo cambio para Ana, e tomou a decisión de moverse de localidade en só quince días. Londres aparecía no porvir coma unha posibilidade de explorar un lugar pero sen un traballo definido. O proceso de busca de emprego dende Galicia foi quizáis un tanto atípico. Esta publicista comezou por ver un programa emitido na Televisión de Galicia chamado “Galegos en Londres”, o cal lle permitiu fixarse en Inma Gil (xornalista na BBC, nada na provincia de Vigo). Resultou finalmente que Inma buscaba aupair galegofalante para vivir na zona un de Londres, e Ana non dubidou en agarrar as maletas e o idioma e viaxar de novo. Durante aquel tempo aproveitou para mellorar o inglés e para continuar formándose. Alá xurdiu a dúbida de se se prantexaba facer unha vida londinense, e visto que aquilo non encaixaba en sí mesma a longo prazo, retornou.
Ó seu regreso fixo unha entrevista para unha das grandes axencias de publicidade de Barcelona e comezou a traballar nun eido da publicidade no que tiña pouca experiencia pero moita capacidade resolutiva. Traballou con grandes empresas (Nestlé, Turismo de Andorra, Coca-Cola, etc) ata que, despois de tres anos, lle ofreceron achegarse a Galicia parando en Bueu, para traballar en comercio electrónico. Durante dos anos profundizou no e-comerce de productos de tecnoloxía nunha das empresas pioneiras no sector dentro de Galicia, ocupándose por enteiro do departamento de marketing.
Arela Comunicación Sostible naceu debido a que tanto Ana coma o seu socio, David, querían emprender no seu sector. Crearon unha marca común que lles permitía traballar para negocios pequenos e de xeito honesto e individualizado. Marcáronse o reto de buscar un novo impacto social a través da publicidade e crear influencias positivas. Aínda nos principios do negocio, Ana continuaba vivindo en Vigo, ata que se comezou a cuestionar que podía realizar aquel mesmo traballo dende calquera outro lugar. O retorno ao fogar (As Pontes de Gatín) foi sinxelo e permitiulle comprender que o seu centro de operacións, tanto no presente coma no futuro, serán Os Ancares, independentemente de que volva moverse.
Arela defende a sostibilidade comprendida tanto como a rendibilidade como o asentamento e coidado do territorio. Tamén comprenderon que a publicidade depende moito da capacidade que se ten para conectar co cliente, motivo polo que, por exemplo, estableceron o galego como vehículo preferente da súa empresa. A empresa xestiónase dende dous puntos case opostos de Galicia. Ana, pola súa banda, traballa dende a súa casa en As Pontes de Gatín, mentres que David o fai dende a Costa da Morte.
Nun primeiro momento a Covid-19 dificultou o traballo dende Arela, xa que a clientela caía constantemente durante o primeiro mes. A pesar disto, o feito de traballar dende un negocio que non ten uns fortes gastos puideron asumir aquelas perdas que se centraron no primeiro mes. Pasado este momento comezou a dispararse o comercio electrónico e sufriron o pico da tendencia que se viña marcando anteriormente respecto ao posicionamento na web.
Educación e medio rural
Quizais unha das cuestións que esta muller defende con máis asiduidade ou paixón sexa a importancia de continuar tendo servizos educativos de calidade. Lembra con nostalxia o peche dos centros de Doiras e de Donís e a influencia que aquel fenómeno tivo no éxodo das familias cara a contorna urbana. Coida que os colexios rurais non poden medirse exclusivamente en termos de sostibilidade económica, senón no papel crucial que xogan de cara a fixar poboación.
Futuro e medio rural
Ana considera que o futuro do medio rural pasa polo aproveitamento dos recursos. Complementariamente con esta idea, ela cree que é necesario que as veciñas e os veciños se involucren tanto na xestión coma na revalorización dos mesmos.
Falando dos prexuízos habituais sobre o feito de vivir en comunidades rurais, Díaz cree que hai novas tendencias que poden facer albiscar un futuro optimista. O retorno de determinadas persoas senlleiras, as correntes de reflexión e diálogo que se están abrindo ou a normalización dun determinado modelo de vida contribúen a desbotar prexuízos e estereotipos. Os discursos familiares que fomentan o apego e a valoración positiva do estilo de vida configúranse, unha vez máis, coma un factor de protección en canto ao feito de habitar.
Falando de estereotipos, cabe recordar a existencia dun rural ideal que xera frustración tanto para as persoas que chegan ao medio (carecendo antes de vínculos) coma para aquelas outras que xa os posúen en desexan continuar facendo vida no mesmo. Ese lugar, habitualmente publicitado, onde soamente parece caber o descanso ou a filosofía do turismo slow non é a realidade que se experimenta cando se vive de xeito constante na contorna.
Despoboamento e medio rural
Ana parece ser cada vez máis consciente de que habitar o medio rural é vivir unha enorme e diversa escala de cores. Pon o exemplo de As Pontes de Gatín para recordar que se sitúa a cincuenta minutos do centro de Lugo e a dez da cabeceira de comarca. Isto facilita tanto o feito de estudar como de traballar nun núcleo máis grande e habitar un lugar máis pequeno.
Como publicista, Ana reclama a importancia de divulgar o medio rural dende o punto de vista da emoción para fomentar o vínculo e a cohesión. Expresa que a vida nun lugar coma o que ela habita lle permite xestionar mellor o seu tempo de descanso. Neste tempo de ocio, nas cidades acostúmase facer un gasto material, mentres que no seu hábitat actual ten outras alternativas que non pasan tanto polo intercambio económico.
Así mesmo recorda que é calidade de vida o feito de estar perfectamente comunicada a nivel telemático. Sen embargo, Ana comprende que aínda existen zonas que non teñen o seu mesmo servizo, polo que reclama unha mellora xeral neste eido. Se ten que sinalar algunha dificultade do seu estilo actual de vida, poría o énfase (a nivel profesional) en que habitualmente ten que facer longos desprazamentos para visitar iniciativas situadas en Galicia. Aínda que ela non precisa servizos de conciliación de menores, cuestiónase se sería viable continuar co seu proxecto de rehabilitación de vivenda se empeorase o sector servizos.
Recorda, como profesional, que aquelas iniciativas que veñen de fóra para dentro non funcionan. Hai moitas campañas contra o despoboamento pero moi poucas que se fagan dende sectores internos, como poden ser os propios concellos ou os individuos. Non se pode comprender o despoboamento como unha cuestión holística, xa que o máis probable é que a unha persoa do rural lucense non lle aporte case nada unha campaña feita para potenciar o retorno en Castilla la Mancha. As oportunidades son diversas en cada territorio e están condicionadas tamén polas administracións, o cal fai que varíe segundo o lugar. Evidencia a importancia de proxectos coma “O argueiro de Ancares” ou “Leiras e Marcos” que permiten fomentar o debate e visibilizar novos puntos de vista.
Identidade rural
Se puidese deixar algunha aprendizaxe de vida, Ana escribiría que é importante que as persoas comprendan do lugar do que veñen e que se lles axude a valorar ese medio no que están. Sen embargo cree que é igual de necesario saír de viaxe e contemplar outras maneiras de proceder e de comprender a realidade. Para ela, unha cousa é estar no medio rural e outra (ben distinta) é atoparse illado/a. Habitar unha determinada comunidade non implica manterse á marxe das tendencias do presente. Recorda, por último, a importancia de relacionarse e apoiarse na veciñanza para crear un sistema real; debemos deixar de vivir de porta adentro para poder vivir, tamén, ás persoas que nos rodean.