Quen é Modesta Álvarez?

Modesta é as decisións que tomou. A decisión de aprender a coser, de marchar, de regresar, de romper as convencións sociais e de transformar un saber familiar nunha liña de negocio. Propietaria da Queixaría Galego e tamén dun Centro de Hospedaxe e Servizos BTT, esta habitante de Pedrafita do Cebreiro é un axente de dinamización e transformación dende fai máis de sesenta anos.

 

Estudos e primeiros pasos profesionais

Modesta naceu no ano 1956 en A Porfía (Pedrafita do Cebreiro). Ata os dez anos asistiu ás clases que lles daba unha mestra a todas as crianzas da contorna (sobre vinte). Aquel modelo educativo non estaba sustentado en escolas físicas, senón en locais veciñais (ou casas particulares) que se cedían para fins relacionados co ensino. Posteriormente abriuse a Escola Unitaria de O Seixo, na cal estivo ata os catorce anos.

De mente inqueda, Modesta non atopaba no formato educativo das aulas unha realidade capaz de absorbela. No inverno dos seus catorce anos moveuse a Lugo para aprender a coser nunha academia, ocupación que escollera por vontade propia debido ao gusto que tiña pola mesma. Na súa tempada de estudante viviu na cidade de Lugo (xunto coa súa irmá e outras rapazas) de luns a venres, feito que considera que foi favorable para o seu propio desenvolvemento. Sen embargo, todas as fins de semana implicaban o camiño de regreso a Pedrafita. Naquela paisaxe de montaña, gardábase a liberdade e a nenez; todas as obrigas e responsabilidades que se lles esixían para vivir na cidade desaparecían á chegada ó fogar.

Rematados os dous anos de formación en costura, os tíos de Bilbao ofrecéronlle vivir con eles durante uns meses mentres traballaba nun taller de confección. Lembra aquela primeira experiencia laboral remunerada coma un importante contacto coa realidade. No taller operábase seguindo os principios da produción en cadea, algo que implicaba a comparación e análise constante do rendemento das traballadoras. Era de supoñer que se alguén conseguía poñer unha cremalleira en cinco minutos, entón todas poderían facelo. Os tempos de descanso ou de atención ás necesidades máis básicas eran tamén descontados do tempo de produción, polo que os respiros eran o máis breves posible.

Aínda que aquela experiencia foi, en xeral, positiva, no verán os tíos regresaron de vacacións a Pedrafita. Modesta, que era unha cativa a ollos da súa familia, emprendeu o camiño de regreso con sentimentos encontrados; se ben sabía que non podía quedar soa en Bilbao, tampouco tiña claro que non quixese continuar escalando no mundo da confección. Asentada de novo no lugar, coñeceu ao que sería o seu compañeiro, namoraron e, con dezaoito anos, casou.

Fonfría (tamén pertencente a Pedrafita do Cebreiro) acolleuna nunha casa familiar ocupada polos seus sogros, a súa parella e outras persoas da familia política. Aquel cambio non lle impediu á parella desfrutar a súa xuventude; no seu coche achegáronse a todas as festas e eventos da contorna, ocio que compatibilizaban co traballo na explotación familiar. A actividade que estaba funcionando na casa era unha pequena gandería de vacas de carne, a cal sufriu unha importante transformación cando faleceu o sogro de Modesta. Naquel momento a parella viuse á fronte de todo o traballo á vez que criaban ao seu primeiro fillo, ao que rapidamente lle seguiría unha nena.

 

Casa de Labranza e turismo rural

Na casa que habitaban había algunhas habitacións que non estaban ocupadas, polo que Modesta e o seu marido pensaron en abrilas para as persoas que se achegaban á zona nun sentido turístico. No ano 1985 ofrecían tanto a posibilidade de aloxamento coma de participar na realidade das tarefas dunha casa de labranza. Foron os primeiros da contorna que se lanzaron ao sector turístico e fixérono nun momento no que tampouco o Camiño de Santiago mostraba unha importante afluencia. Comezaron a funcionar, nas fins de semana, con parellas mozas de A Coruña, Vigo e Pontevedra, as cales se achegaban para explorar a contorna de Os Ancares e O Courel. Cinco anos despois xa comezou a coller forza a ruta de peregrinación, o que fixo que a casa se enchese tanto de xente nacional coma internacional. Foi precisamente a xente de fóra de Galicia a que máis se interesou pola realidade da casa, polos produtos e polas actividades que se facían na mesma, chegando incluso a facer o camiño de regreso dende Santiago a Fonfría para levar as xudías que probaran.

En canto que a avoa estivo pola casa, a Casa de Labranza seguiu funcionando. Aínda que ela era xa maior estaba sempre no fogar e ocupábase da recepción de visitantes, algo que a ela lle encantaba. Modesta lembra a súa sogra coma unha muller “adiantada para os seus tempos”. Posteriormente, a avoa moveuse a Lugo xunto cos netos, xa que estes remataban a escolarización en Pedrafita do Cebreiro e debían continuar noutro lugar. Aquela muller cambiou, case con oitenta anos, Fonfría polas rúas que rodean a muralla da capital. Para ela fora unha época de descubrimento durante a cal non só coidou dos netos senón que tamén fixo unha importante rede de amizades.

Daquela época de acollida e intercambio nacerían novos proxectos pero tamén amizades. Hoxe por hoxe, a casa Galego aínda recibe paquetes selados en diversas partes do mundo, os cales non só conteñen presentes físicos, senón un cúmulo de lembranzas.

 

Queixería Galego

Na casa natal de Modesta sempre había produtos lácteos, case na mesma medida que se podían atopar derivados do porco. O queixo e a manteiga comezáronse a facer en Fonfría cando había excedentes de leite, xa que eran produtos apreciados tanto pola familia coma polos viaxeiros. Se as vacas non producían o suficiente, entón ela achegábase á Porfía e levaba leite ou queixos feitos.

 

RL

 

Nunha ocasión pariu unha vaca na casa,  pero no parto perdérase a cría, o cal supoñía unha perda económica moi importante. Modesta deu en muxila coa idea de facer queixos e vendelos, tendo unha produción de tres ou catro queixos diarios. Comezou a comercializar en O Cebreiro e en Noceda nunha época na que aínda ningunha queixería estaba funcionando. Con trinta anos sacou o carné de conducir para poder mover máis os seus produtos, decisión que tivo unha influencia moi positiva no negocio.

Pouco despois aquela vaca secou, pero ela non contemplou cesar a actividade. Así foi como lles dixo na casa que non pararía de servirlles aos clientes, polo que tería que mercar leite a algunha gandaría. Aquilo foi coma se caese un foguete de sete estalos no fogar: non só ninguén apoiaba a decisión senón que tampouco se cría na viabilidade da mesma. Pola noite, despois de debatir durante todo o día, agarrou Modesta o seu coche e achegouse (en segredo) ao Viduedo (Pedrafita do Cebreiro) para conseguir a materia prima. As vacas tampouco tiñan alí leite, así que regresou para a casa e comezou a pensar onde podería conseguilo. Lembrou as vacas pintas de Lamas (Pedrafita do Cebreiro) e achegouse alí ao día seguinte. Negociou o leite a unha peseta máis do que se pagaba no mercado, e regresou para Fonfría cun bidón enteiro. Na casa nada se dixo, ela mercou unha pota máis grande e comezou a cociñar unha perspectiva de futuro. Despois comezáronse a mercar vacas de leite tamén para a casa, o cal xa permitía traballar co que se producía e controlar mellor a cantidade de queixos que se facían.

Hoxe en día xa contan con pouco gando e están tratando de deixar a actividade gandeira, aínda que non a produción de derivados lácteos. Modesta considera que a queixaría terá un relevo xeracional que operará mercando o leite, sempre procurando traballar con materia prima que proveña de gando que viva en extensivo. Máis de corenta queixos diarios non saen das olas de Fonfría, e en parte iso é debido a que ela rexeita industrializar o proceso, o cal asocia a importantes transformacións na maneira de producir.

 

Centro BTT e Hospedaría

A última experiencia na que esta muller se meteu de cheo (a cal comezou a funcionar este verán) está relacionada coa apertura dun centro de hospedaxe e de servizos de ciclismo BTT. Foron as lembranzas da casa de labranza as que a levaron a achegarse outra vez ao sector turístico, aínda que recoñece que é xa nun formato diferente.

Na casa había unha nave moi grande que cumpría as funcións de almacén de maquinaria. Cando a actividade gandeira foi cesando, comprenderon que a construción quedaría abandonada, polo que decidiron buscarlle unha nova utilidade. Xa pensada nun momento no que o Camiño de Santiago estaba consolidado, a actividade botou a andar no verán do ano 2021 colgando o cartel de completo case de xeito diario. Aínda que no inverno non abrirán, debido á baixa que se produce no turismo, será na vindeira primavera do ano 2022 cando o centro reabra as súas portas.

 

A ventá da autoestima

Modesta explica a achega que lle deixou o turismo coma se se tratase da apertura dunha ventá. Por aquela xanela ela puido observar novas vidas e xeitos de pensar, intercambiou experiencias e crenzas e viaxou case sen saír da aira da casa. A valoración que facían as persoas que se achegaban de todos os produtos que se servían na mesa era sempre excepcional, o que a levou tamén a ela a apreciar aínda máis o que se producía.

Aínda que a produción de queixos chegou despois de que todas aquelas persoas iniciaran o paso pola Casa de Labranza, as aprendizaxes que fixo na época foron determinantes para afrontar o que viría. A sociedade criticaba que ela fixese queixo coa intención de vendelo, xa que aquel feito se asociaba cunha importante deficiencia económica. Debido a que ela tiña vacas de carne era habitual que tivese que mercar o leite, o cal acrecentaba aínda máis as críticas recibidas. Sen embargo ela nunca lle deu importancia a aqueles feitos; sabía que realizaba unha actividade que tiña un sentido e que, á vez, a levaba a sentirse realizada profesionalmente. 

 

Presente e futuro do medio rural

De xeito necesario, o futuro da comunidade pasa pola presenza na mesma da xente nova. Aínda que Modesta considera indispensable saír da mesma para observar novas maneiras de facer, cree que é tamén relevante permitirlles ás persoas facer vida no rural. Facendo análise do tempo pasado e do presente afirma, sen deixarlle espazo á dúbida, que é posible habitar este tipo de espazos cunha importante calidade de vida. As telecomunicacións contribuíron a conectar as aldeas con calquera parte do mundo, o que permite acceder case a calquera servizo ou produto que poida mercarse.

 

Identidade rural

O rural é un “todo” que leva a palabra liberdade tatuada na primeira páxina. Por este motivo, a calquera muller recórdalle a importancia da independencia, da autonomía levada a todas as  esferas da vida. Probablemente o que había dentro daquel primeiro bidón que ela mercou en segredo non era leite, senón afouteza. A defensa da propia liberdade é quizais o acto máis revolucionario e necesario que se debe facer dende calquera parte do mundo, e soamente a través da mesma se poderá habitar con calidade calquera espazo.