Quen é Branca Villares?

Nada no 1980, en Lugo, Branca non só é filla de gaiteiro, senón que se criou nunha casa na que sempre se cantou. Seu pai era natal de Baralla, motivo polo que ese vínculo coa montaña se acentuou. Foi á “Universidade da Montaña”, maneira que ela ten de denominar todo o aprendizaxe que fixo das mulleres e dos homes que, de xeito oral, lle transmitiron o seu saber.

 

Branca Villares

 

Primeiros pasos profesionais e retorno ao rural

De formación regrada, Branca é Bióloga. Traballou como Técnico Químico nun laboratorio antes de dedicarse profesionalmente á música. Non obstante, pouco a pouco as clases foron gañando protagonismo no seu día a día e tamén apareceron como a mellor opción laboral para conciliar a crianza da súa familia nun entorno rural. Durante os seus últimos anos en Compostela, Branca traballou en análise de solos como técnico e, posteriormente, entrou a traballar como educadora ambiental en O Courel e Monforte, co que comezou o seu retorno laboral á montaña. Durante todo este tempo Branca non deixou nin de tocar nin de impartir aulas (traballo que fai dende a súa adolescencia). Aquel contacto maioritario cun entorno diferente do urbano levou a Branca e a Pablo a valorar o retorno, aínda que non tiñan claro con qué clase de proxecto: tanto tiñan en mente un proxecto productivo coma un proxecto de cultura tradicional.  Tivo sempre en mente que, volver traballar ao lugar, era a maneira de devolver aquilo que a xente lle ofrecera de xeito desinteresado.

Co nacemento dos seus fillos cada vez evidenciouse máis a necesidade de modificar hábitos ou actividades para poder conciliar. O seu traballo como educadora ambiental obrigábaa a moverse moito por Galicia, pero pouco a pouco o traballo no eido musical foi aumentando tamén en zonas de proximidade. Pouco a pouco a vida foi sendo máis compatible derivando cara as aulas, e acabouse producindo unha transformación da actividade laboral.

 

Muller e emprego

O día a día de Branca é diverso e variado. O feito de vivir nunha contorna rural lévaa a moverse quizáis máis do que lle gustaría. Almorza cos seus fillos e acompáñaos ao autobús da escola e, posteriormente, dedícase a sí mesma un tempo: tempo para camiñar, para saudar a veciñanza ou para facer pilates. Así mesmo, durante a mañá, prepara o material que impartirá polas tardes nas súas aulas. A segunda parte do día é, por tanto, máis movida, sendo o habitual que imparta clases en máis de dous concellos. Esta tarefa compártea co seu compañeiro (Pablo Pintor), o cal tamén lles permite xestionar mellor a conciliación. Imparte todas as aulas que pode na montaña pero tamén se chaga durante dous días a Lugo (é docente na Tradescola e tamén en O Xeito). O seu alumnado roza case o rengo de idade de cero a cen, o que lle permite establecer un importante contacto xeracional.

Ten aulas agrupadas e grandes en Lugo e nas Escolas Municipais de Rábade e Outeiro de Rei. Na montaña, Branca é docente en Baralla, Becerreá, Doiras, Pedrafita, Triacastela, Castroverde, O Courel,... E a lista continúa. Tanto imparte clases regulares coma talleres ou actividades puntuais, pero o contacto é continuado no tempo.

 

Feminismo e rural

 

Branca Villares

 

Un traballo senlleiro que Branca e Pablo realizaron tivo que ver coa violencia que se exerce contra as mulleres nas cantigas tradicionais. Na súa aula de Becerreá xurdiu a necesidade de reflexionar sobre a tradición que se herda e que non se cuestiona, senón que simplemente se reproduce e incluso se canta sen ser interpretada. Baixo o paraugas do vinte e cinco de Novembro e no ano que acababa de ser asasinada Ana López a mans da súa parella, nas clases de ana pensouse sobre aquilo que se cantaba. Isto non só se produciu nesta aula senón que se estendeu a outras moitas. Aquilo culminou nunha performance que se fixo no concello de Becerreá, pero non só se quedou nun día; periodicamente nas aulas de Branca revísanse temas e debátese sobre os mesmos.

A tradición é importante pero non debemos esquecer que, en ocasións, se están a cantar textos de outros tempos en novos contextos: denigracións a vellas, e mulleres ou increpacións sexuais son algunhas das realidades que aínda habitan nos nosos cancioneiros. A maior parte das veces que se pide que se leva música ás vilas é porque se trata do día do patrón ou de algunha outra festividade. Branca expresa que non todas as cancións eran alegres, tamén se cantaba sobre a tristeza, sobre a soidade ou sobre a coacción. Nas súas aulas, finalmente, crea un espazo tamén para o acompañamento e o diálogo, cuestión que traspasa o aprendizaxe en sí.

 

Branca Villares

 

Vivenda e medio rural

Cando Branca decidiu establecerse en Baralla, o primeiro pensamento lóxico foi ocuparse da casa paterna e arranxala. Sen embargo atopouse con que o custo de reparar unha vivenda que estaba deshabitada ascendía moito máis do que se podía permitir, motivo polo que, xunto co seu compañeiro e os seus dous fillos, valorou vivir de alugueiro (Neira de Rei, tamén no concello de Baralla). Atoparon unha casa que cumpría as necesidades que precisaban, e o formato do aluguer tamén lles permitía valorar, dende unha posición máis sinxela, se realmente o medio rural era o formato que mellor se lles adaptaba. Convén recordar que Branca vivira sempre en Lugo cidade e Pablo en A Coruña, polo que o risco de non afacerse ao medio estaba aí.

Sinala Branca que un dos grandes problemas do medio rural é o acceso á vivenda. Existen moi poucas persoas dispostas a alugar a pesar de que hai máis poboación itinerante nos lugares. Así mesmo existen casas a disposición que teñen un baixo grao de habitabilidade pero moitas casas en moi boas condicións pechadas. Branca comprende que as persoas que están nun lugar afastado (Barcelona, Madrid) non se queiran desvincular do lugar ou mesmo das lembranzas, pero recorda que a mobilidade da propiedade non lle afecta soamente ás construccións senon tamén ás fincas que están en propiedade dunha casa. É necesaria a xestión do territorio para evitar que a paisaxe se deteriore.

 

Cultura e medio rural

Defensora das escoliñas pequenas de música e baile tradicional, considera que estas actividades son esenciais debido á vida que lle aportan ós pobos e ás comarcas. Por tanto, aínda que para os docentes non sexan tan rendibles en termos económicos, sí o son dende un punto de vista social. O papel do asociacionismo na recuperación das tradicións é, por tanto, esencial.

Unha cuestión que Branca destaca respecto das asociacións coas que ela ten contacto é que están sostidas, na súa maioría, por mulleres que, nalgúns casos, se manteñen invisibilizadas. Falando tamén de música tradicional recorda que o legado da música tradicional perviviu e se transmitiu grazas ás mulleres, na maior parte cantareiras.  Os grandes gaiteiros de A Fonsagrada ou Navia recoñecéronlle a Branca que, co instrumento, arremedaban a voz que cantaba a peza. Ben é certo que ela insiste en non poñer ningunha figura por enriba da outra, pero recorda que aos homes se lles recorda de xeito individual mentres que as mulleres se lembran en colectividade.

Defínese como “traballadora da cultura de base” e rexeita considerarse unha artista das grandes. Cree que para este tipo de traballo hai e haberá sempre traballo, xa que hai moitos sectores que o reclaman. Sen embargo tamén expresa que, para impartir aulas nas vilas e pobos pequenos, hai que estar dispostos a comprender que será un papel diferente do que se pode xogar na cidade. Recorda que dende as asociacións se leva a cabo traballo dinamizador moi diverso que implica todo o que teña que ver coa comunidade, e que apoiar este tipo de iniciativas debería ser obrigado dende calquera administración.

 

Conciliación e medio rural

A música, ou o seu xeito de entendela, permitiulle a Branca establecerse no medio rural xunto coa súa familia. Sempre quixo unha contorna coma a que ten en Baralla para poder educar as crianzas, xa que valora especialmente o contacto coa comunidade ou o espazo exterior onde poder explorar e desenvolverse.

 

Diversidade e medio rural

Non só debido ao seu lugar de residencia, senón tamén ao moito que se move entre concellos, Branca observa que están aumentando as comunidades de persoas estranxeiras que, de xeito descontinuo, se asentan en poboacións rurais. Lembra a importancia de acoller a todas as persoas e do beneficio que acarrea a entrada de xente nova.

 

Branca Villares

 

Despoboamento e medio rural

A creación de ocio e de redes de contacto é fundamental para que a xente decida establecerse no medio rural, motivo polo que Branca defende as pequenas escolas distribuídas en pequenos lugares. Dende que ela fai música atopouse con que as aulas son tamén unha “escusa” para que as persoas se reencontren, máis alá de ser ou non alumnado. Pon o exemplo da asociación Os Xardois, en Cervantes: todos os anos no magosto escollen unha ruta a facer por tres pobos do concello, e rematan o día facendo festa nunha palleira de algunha casa, como se fixera sempre.

Así mesmo, o feito de ter unhas clases de música semanais fai que a xente siga vinculando o ocio ao medio rural. Sen embargo, Villares sinala a existencia dunha fase crítica para o despoboamento que comeza a partir dos dezaseis ou dezaoito anos. O feito de marchar tanto para estudar como para traballar propicia a saída temperá das familias, motivo polo que ese lugar de encontro, de xeito momentáneo, se pausa. Non obstante ela sinala que, independentemente de producirse a fase de reencontro ou non, o pouco do aprendido permanece.

O vínculo que se establece neste tipo de actividades é de outro nivel do que pode crearse na escola: ten un compoñente interxeracional e extenso que o enriquece moito.

 

Presente e futuro do medio rural

Villares afirma, sen dubidar, que a contorna rural ten moitas posibilidades tanto para vivir como para desenvolver calquera actividade profesional, independentemente de que hai aínda cuestións tecnolóxicas que deben resolverse. Reclama que se debe incentivar o traballo no sector primario porque considera que non só se pode soster o sistema con empregos no sector servizos.

Optimista nata, cree na posibilidade de atopar novas maneiras de entender a comunidade. Defensora das tradicións, cree que se debe velar polos vestixios pasados pero tamén continuar creando novas realidades. Non afirma no baleiro, senón que observa que moitas persoas novas que foron alumnas dela emprenderon un retorno.