Quen é Natividade Fernández?

Natividade, garda nas súas memorias, nos arquivos en papel e nas fotografías, o retrato do rural dos anos oitenta. Esta mestra de Chantada experimentou a transformación educativa de diversos puntos da xeografía galega, e ponlle voz a todo un colectivo (xeralmente de mulleres) que entraron ás escolas unitarias para facer grandes revolucións pedagóxicas, sociais e culturais.

 

Estudos e primeiros pasos profesionais

Chantadesa de nacemento (1960) e maior de cinco irmáns, estudou na vila ata o momento de mudarse á universidade. Logo mudouse a Lugo para estudar Maxisterio e, durante aquela tempada, pasou tanto tempo na facultade coma nas Costas do Parque de Rosalía, lugar que lle permitía observar a estrada que ía camiño da súa casa e contar os días que faltaban para que fose venres.

Á finalización dos estudos regresou á casa para preparar as oposicións, algo que combinaba coas clases particulares. No ano 1982 saíu a primeira promoción de mestrado con habilitación para o ensino da Lingua Galega. No ano 1983, Natividade superou as probas e, pouco despois, marchou para Vigo, algo que sí que recorda coma un cambio forte. Viviu unha cidade de oportunidades e apertura, pero recoñecendo que non se atopaba no medio que ela escollería por vontade. O primeiro centro no que botou todo o curso foi o CEIP García Borbón, situado na área céntrica da urbe. Foi alí onde coincidiu con Suso Jares (pedagogo galego e impulsor de Educadores pola paz, falecido no 2009), quen tiña unha pequena horta que xestionaba co seu alumnado no Colexio.

Logo sucedéronse diversos lugares provisionais (Tui, Salceda de Castela, O Porriño,..) ata que chegou a praza definitiva, en A Veiga (Ourense). Alí atopouse con outras mestras e mestres lucenses. Durante os tres anos que durou a experiencia naquel lugar sucedéronse infinidade de recordos marabillosos que non só posúe Natividade, senón tamén outras persoas que participaron do momento, como puido ser Aurora Besteiro, tamén mestra, natal de Riotorto. Na escola viviron o desprazamento do alumnado de A Veiga a Viana do Bolo, para poder formarse na EXB. Valora aquel feito coma un cambio importante e de características negativas, xa que a mobilización implicou que crianzas de 11 anos pasasen a vivir entre a semana fóra do fogar.

De alí trasladouse a Viana do Bolo, onde estivo oito anos, e do que tamén garda grandes e boas lembranzas. De aquí a Chantada, tres anos no CEIP Xoán de Requeixo.

A aquela experiencia seguiulle xa na que continúa no presente: é orientadora no CEIP Eloísa Rivadulla (Chantada) catro días á semana, e un no CEIP Xosé Luis Taboada (A Barrela). A mobilización cara a vila de Chantada estivo impulsada, fundamentalmente, polo feito de que a familia tanto de Natividade coma do seu compañeiro, Tito, se atopaba alá. Coa entrada dos pais na vellez faríase máis importante situarse preto, polo que a familia se moveu cara este núcleo.

 

Educación e rural

A escola exerce unha importante acción socializadora para aquelas crianzas que se atopan vivindo en pobos nos que xa non quedan nenas ou nenos. A baixa presenza de poboación infantil é un dos retos principais da comunidade educativa do presente, pero tamén da sociedade, xa que a presenza de cativas e cativos é un dinamizador da zona. 

Defensora da presenza necesaria de unha escola por concello, é consciente de que as vivencias serán diferentes se se fala de realidades nas que soamente hai unha persoa por promoción, habendo ás veces ausencia de matrícula en determinados cursos. Non ve como ideal a relación única e bidireccional entre os docentes e os estudantes (algo que se produce cando non hai máis compañeiras/os que poidan compartir actividades ou proxectos na aula), xa que iso semellaría unhas clases particulares. Sen embargo, sinala que as relacións que se establecen nos centros con baixa poboación son dunha importante calidade afectiva, tanto co alumnado coma coas familias. Compara esta realidade coas dos grandes centros, que teñen varias liñas por curso, e expresa que o ve un tanto máis despersonalizado, algo que comprende se analiza a simple capacidade humana dos docentes. A posibilidade de flexibilizar e adaptar o currículo e de relacionarse coa contorna é maior nas opcións educativas que se atopan con aulas máis liberadas, cuestión que se sinalou tamén a raíz da crise da Covid-19. Como sinalou CIG-Ensino e ANPAS Galegas, o curso académico 21/22 comezou coa volta da superación do máximo ratio en Educación Infantil e Primaria, con 25 estudantes por aula.

Natividade pertence ao Colectivo Estiño, unha asociación lucense que loita pola defensa do rural dende as escolas. Procúranse as escolas que se sitúan a carón do día a día, que se enchoupan da realidade diaria, da veciñanza e da cultura. Todas esas actuacións, que ano tras ano implican á maior parte dos centros de ensino da Provincia de Lugo, son recollidas tanto en forma de almanaques coma na súa revista Miuzallas.

 

Educación e cultura

Cando se teclea en calquera buscador “entroido ribeirao”, sucédense as entradas que falan do turismo, ca cultura e da Ribeira Sacra. Esta mostra etnográfica, característica de Chantada, ten por protagonistas os volantes, que se agrupan en diversas comparsas nas que se participa de bailes e representacións diversas. Á chegada de Natividade ao CEIP Eloísa Rivadulla (fai quince anos) estableceu esta cuestión coma algo prioritario a traballar dende o Proxecto Educativo de centro. O último ano pasaron a formar parte do proxecto de Biblioteca tanto o Entroido coma o Folión de Carros, unha mostra etnográfica de oficios e labores sobre carros tirados por vacas.

É imprescindible tanto a comprensión da tradición coma a potenciación de que ese pasado se continúe, coas transformacións oportunas, no presente. A este respecto é importante involucrar os centros educativos nas festividades emblemáticas, estendéndose a escola á comunidade. Aquilo que se experimenta dende a nenez é máis probable que se continúe na xuventude ou na adultez.

 

Formación e emprendemento

Como habitante do lugar pero tamén como orientadora, ou profesional que se atopa preto desa busca da identidade tamén a través da profesión, Natividade analiza a actualidade do sector laboral na contorna.

En xeral hai unha falta de persoas autóctonas para traballar en determinados sectores, sendo máis forte a presenza das persoas foráneas. No IES Val do Asma cóntase con diversos graos de Formación Profesional (FP), aínda que, como recoñece esta mestra, é preciso conectar aos estudantes coas necesidades laborais da contorna, para potenciar a consolidación da poboación. Un proxecto dos que se impulsou, e que ela sinala como exemplo, dentro da  FP, tivo que ver coa enoloxía. Tratábase dunha iniciativa que implicaba o sector xa existente para dinamizar o futuro da Ribeira, pero que finalmente non tivo cabida dentro do plan formativo do centro.

 

Mestras e contorna

Foi naquelas escolas pequenas, unitarias, onde Natividade comezou a vivir as reunións dun claustro, eminentemente feminino, que buscaba traballar por proxectos nos anos noventa. Era prioritario coidar a comunidade e involucrarse na mesma. Na experiencia de A Veiga había algo único, que era o feito de que a maior parte das mestras vivían e traballaban dentro do pobo. Iso implicaría unha maior dificultade para a desconexión, pero tamén a oportunidade para crear e idear man a man con todos os axentes educativos.

Durante o tempo que Natividade foi mestra na zona viviu, xunto co seu compañeiro Tito e cos seus fillos, en Viana do Bolo. Que a familia dos mestres acompañase nos cambios de destino era algo habitual, xa que, ao principio, non se entendía o destino rural coma algo tan accesible para os desprazamentos diarios. O seu fillo Paulo chegou a Viana con un ano e estivo alá ata os trece. Aínda que hoxe dixese que é de Chantada, Natividade sabe que el é vianés. Con isto exemplifica o determinante que é o lugar no que as crianzas pasan a primeira nenez, momento no que se fan unhas amizades que poden ter unha continuidade vital.

Natividade ponlle face a unha xeración de mulleres que habitaron lugares que lles eran alleos pero que as acolleron coma se fosen fillas dos mesmos. Por iso recoñece que é duro regresar cando pasaron vinte anos, dende a pel de visitante. A pesar disto, nas últimas visitas que ela fixo, volveu sentir a forza e o arrastre da comunidade, que continuaba a recoñecerlle o seu espazo. As amizades, o alumnado, as compañeiras de profesión,... moitas persoas seguen presentes en múltiples puntos da xeografía rural galega pendentes de dar esas apertas que reivindican unha identidade que abarca máis esferas que a laboral.

 

Identidade e rural

O medio rural defínese, nesta historia de vida, coma aquilo que contén a paisaxe, o territorio, as costumes e a propia identidade de todo un pobo que comprende o territorio galego. A posibilidade de gardar as maneiras de vivir (de facer rede, de cooperar, de comprender a veciñanza) é máis típico de lugares máis pequenos, chegando case a desaparecer ou a mudar completamente nas urbes.

Fronte á rápida transformación das vilas e das cidades atópase ese cambio (tamén presente pero máis paulatino) que se dá nas aldeas. Quizais ese cambio menos agresivo para as persoas que as habitan é o que fai que sempre se fale de calidade de vida cando se pensa no rural. Despois de coñecer diversas “ruralidades” (que se situarían nun segmento entre A Veiga e Vigo), Natividade pecha o seu discurso lembrando o grao de apertura que caracteriza as comunidades máis pequenas. É preciso loitar para que existan menos desigualdades, fundamentalmente nas comunicacións, e para que as persoas vexan no medio unha posibilidade para desenvolverse. Dende as escolas pódese axudar a querer o que nos é propio, algo que é fundamental para a permanencia. “O noso” está nos pobos e nas persoas que creen na súa potencialidade; como diría Suso Jares: “A esperanza está plagada de soños que soñamos espertos”.