Quen é Marta Álvarez?

Marta é unha desas persoas que fan futuro arredor dos seus pés. Traballadora e xestora da súa propia granxa (Granxa Maruxa) é unha emprendedora do sector lácteo, pero tamén de algo máis. É xerme de cultura e de diversidade e sostén, como primeira regra do seu decálogo de granxeira que “se deben ver oasis onde os demais só ven desertos”.

 

RL

 

 

Estudos e primeiros pasos profesionais

Marta naceu en Vigo (1971) pero volvía durante os veráns e as vacacións de Semana Santa a Cumbraos de Abaixo (Monterroso) para visitar aos seus avós. As lembranzas do tempo na aldea están enchoupadas de persoas tanto adultas coma cativas; ela era da “Casa grande de Cumbraos”, nome que xa facía referencia á cantidade de xente que albergaba no seu interior. Naquela casa había unha granxa de vacas de leite que estaba rodeada de centos de metros de prado onde as aventuras se sucedían de xeito constante.

Cando escolleu formación e campus, Marta decidiu mudarse a Lugo para estudar a Diplomatura en Empresariais. Daquela época destaca a enorme posibilidade que tivo de recoñecerse a sí mesma nas rúas da cidade. A zona de Campo Castelo emerxía con locais coma o Emo, a Candonga ou a Calma Chicha que permitían que a xuventude se relacionase dun xeito libre. A aceptación da diversidade sexual que viviu naquel momento é un dos motivos de que hoxe Marta sosteña que, de vivir fóra de Monterroso, seguramente trataría de facelo en Lugo.

Saír da esfera habitual e viaxar é case comprendido por esta muller coma unha materia obrigatoria. Fixo diversos intercambios de estudos, dous deles en Oxford, e participou tamén no proxecto Aventura 92 (precursor do que sería a Ruta Quetzal) no ano 1989.

Non chegou a exercer no eido no que se formou, simplemente fixo pequenas colaboracións levando a contabilidade de pequenas empresas de amizades. Con 29 anos decidiu moverse a Monterroso para facerse cargo da granxa familiar.

 

Retorno ao rural: Granxa Maruxa

Granxa Maruxa foi fundada polo pai de Marta (Pepe), quen bautizou con este nome o espazo para lembrar á súa compañeira. Pouco a pouco, Pepe foi facéndose con terreos de uso agrario, chegando a unir preto de vinte hectáreas que rodearían a granxa. Mary Quintero (nai de Marta) comezaba daquela a ser unha referente no eido da fotografía, chegando a ser pioneira no emprego do proxector de fondos e do retoque fotográfico en España. A que sería, no 1981, galardoada como Mellor Fotógrafo de España fixo da fotografía a súa ocupación principal, e Pepe acompañouna durante esta viaxe, deixando así a granxa e movéndose a Vigo. Esta pasou a estar en aluguer ata que Marta se fixo cargo da mesma.

 

RL

 

Coa finalización do contrato de arrendamento que outra persoa tiña sobre a granxa, no ano 2000 Álvarez achegouse á mesma xa pensando dende o principio en facer da granxa un espazo especial. En diversas entrevistas afirmou que “as vacas a foron a buscar”, xa que un día abriu a porta da casa (situada a un quilómetro da granxa) e atopou o gando espallado ao seu redor. Achegouno de novo e atopouse con que aquilo era unha tarefa que lle gustaba e que lle parecía sinxela. Pese a toda aquela vitalidade e optimismo, ela non sabía nada sobre o mundo vacún, o que levou á xente do pobo a apostar sobre o tempo que permanecería no sector. Sen embargo aquela idea transformouse nun proxecto de vida que construír aos poucos, e así comezou a ser “una empresaria de la leche”.

Recoñece (en presente) que a gandaría é un emprego multidisciplinar, onde hai que saber dende mecánica ata veterinaria ou meteoroloxía. Cando comezou non sabía nin conducir o tractor nin afrontar un parto, e todo aquilo coincidiulle nun ano no que choveu case os 365 días. A base da experiencia e de apoiarse na comunidade que a rodeaba aprendeu o básico: muxir, o nome das vacas e cómo coidar unha vaca cun teto seco (mastite). Fixo tamén o curso de Capacitación Agraria en Monforte, pero realizou a formación mentres remataba a súa carreira, polo que aínda non tiña o contacto coa realidade que lle permitiría asentar as aprendizaxes. Naquela época traballaba máis de 14 horas diarias pero, por cuestións de sanidade, tivo que renovar o seu gando. Aquel golpe saldouse con 16 novas vacas e unha granxa renovada. As novas instalacións permitíronlle ter máis tempo libre, o que a levou a viaxar a París, onde viu todos os escaparates decorados con motivos vacúns. E alí comezou o divertido. Xunto cos seus irmáns renovou a cara da granxa: pintouna, encheuna de música e fixo dela un espazo creativo.

A transición a ecolóxico fíxose no ano 2007, e se agardou este tempo (7 anos) foi porque non había aínda canles de comercialización do produto e porque ela tamén precisaba coller máis rodaxe. A difícil situación do sector lácteo galego levouna a preguntarse sobre a idea de ampliar o seu negocio, que se atopaba duramente castigado polos baixos prezos de venda. Unha das primeiras vías de innovación veu da man da nata do leite, a cal permitía elaborar unhas galletas (Maruxas) que serían pioneiras en Galicia. Esta iniciativa, que levaba a cabo xunto a unha socia, valeulle o premio Alimentos de España (Ministerio de Agricultura), aínda que, tras a ruptura da sociedade, as Maruxas deixaron de estar dentro da granxa.

A cosmética apareceu como alternativa para conseguir darlle saída a aquel leite que non se comercializaba. Xunto a outras empresarias da comarca da Ulloa (Milhulloa, participantes no presente proxecto de investigación) apareceu a posibilidade de poñer en funcionamento unha empresa de cosmética baseada no leite ecolóxico e nas plantas medicinais. Da combinación dos elementos naceu un leite corporal, unha crema facial e unha loción capilar de alta gama, que se vende baixo a firma Muuhlloa. Empresas como Soboral, Toupiña, Ribela ou Mar de Ardora participan destes produtos prestando tamén a súa colaboración.

 

RL

 

Socia da ganadaría A Cernada, envasa e transforma outra parte do seu leite ecolóxico a través da cooperativa As Vacas da Ulloa. O que hai detrás de todas estas iniciativas é un intento de regresar ás orixes: de consumir produtos próximos, que non estean adulterados e que respecten o sistema. Como expresou na conferencia TED que impartiu no ano 2018, o leite dos cartóns viaxa moito máis ca moitas das veciñas e veciños de Cumbraos.

 

Sector primario e sociedade

Cando viaxa, Marta visita a sección de lácteos dos supermercados, e alí observa se o leite está ou non nos refrixeradores. A maior cantidade de botellas de leite fresco listo para consumir pode presupoñerse unha maior conciencia de preservación do sector primario. É preciso reeducar no valor que teñen os produtos de calidade, e na importancia de apoiar os mesmos a través da nosa compra diaria. Granxa Maruxa envasa o seu leite en botella de vidro retornable e realiza un reparto periódico por Palas, Antas, Taboada, Friol, Melide, Arzúa, Santiago, Lugo, A Coruña e Culleredo.

Durante a vida dun tenreiro, Marta aliméntao un total de dúas veces por día durante dos anos, o cal implica máis de 1400 comidas. É inadmisible que o litro de leite se pague a trinta céntimos, e isto obsérvase nas altas taxas de abandono que ten a actividade. Cando esta muller tomou o temón da súa granxa, había máis de 60.000 granxas compañeiras; no ano 2013 non chegaban ás 10.000, e en ecolóxico eran só 39.

Doutra banda, a capacidade para xerar sinerxías é imprescindible en calquera ámbito ou lugar, como lembra Marta “2+3=7”. Na Comarca da Ulloa estáse a ver a importancia de traballar en rede para dinamizar o territorio e innovar, algo que se produce de xeito maioritario entre a poboación feminina.

 

Rural e diversidade

O festival Agrocuir da Ulloa naceu (2015) coma unha forte aposta por reivindicar a diversidade pero tamén para poñer de manifesto que o rural é “un lugar activo, sostible a habitable” (como afirman no vídeo da campaña do VI Festival). Tal e como expresa o Colectivo Agrocuir da Ulloa para a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, este termo agrocuir propón un modelo alternativo ao urbano, sendo capital a liberdade e o compromiso coa contorna. Creouse no rural porque, a pesar das dificultades existentes (e como explica Marta) é máis sinxelo ser libre para se vivir.

Durante anos este encontro celebrouse na Granxa Maruxa, que xa tiña experiencia na celebración de eventos. No ano 2015 celebrouse o MonterroSon, un festival de músicas a redor do gando, no cal participaron moitas das persoas que posteriormente organizarían o Agrocuir. Escolleuse a granxa por todo o que representaba, tanto en canto á diversidade persoal coma ao vínculo co medio e ca sociedade. No último ano de celebración o volume de persoas xa impediu continuar coa situación habitual, e fixo que a celebración se trasladase ao pobo, onde as persoas poden explorar de xeito máis libre a contorna.

Houbo moitas réplicas desta iniciativa (coma o Cocido Gay en Lalín) que o que permiten é espallar múltiples xeitos de vivir por todo o agro galego. Como di Marta, sería marabilloso que as granxas se comprendesen coma espazos abertos de dinamización comunitaria dende os cales sumarse ás loitas sociais.

 

Identidade rural

Para definir o medio rural, Marta precisa dun tempo para afirmar que “en vez de medio debería chamarse enteiro”. Entendido dende o emprendemento, o rural ofrece a posibilidade de crear un espazo de vida e de traballo e de idear iniciativas que vaian en consonancia co estilo de crecemento que se pretende. Granxa Maruxa non busca as grandes superficies xa que defende a presenza do produto nas tendas pequenas e nos locais de proximidade.

É non só posible senón tamén necesario cambiar o mundo dende o rural. Cada vez son máis as persoas que se achegan ao mesmo sostendo discursos de coidado e respecto polo medio, o cal permite aventurar que o futuro terá unha importante tintura de esperanza.