Quen é Isabel Gómez?

Isabel é filla de emigrantes, e por ela circulan lembranzas galegas e belgas. É copropietaria da marca TraloAgro a cal se dedica á produción e venda de mercancías ecolóxicas, especialmente de cárnicos. Defensora da formación para o sector primario, non dubidou en importar os aspectos que lle resultaban interesantes para a súa empresa dende calquera recuncho do planeta.

 

RL

 

Estudos e primeiros pasos profesionais

Isabel Gómez é filla de emigrantes, aínda que os seus pais eran orixinarios do Burgo de Negral (Pacio, Friol). Primeiramente emigrou o seu pai a Bruxelas e logo tamén súa nai. Isabel e máis o seu irmán naceron nese país e criáronse alá ata os trece anos, momento no que os seus pais comezaron a pensar na dificultade de regresar á comunidade galega de non facelo nos primeiros anos da vida das crianzas.  Por este motivo os pais de Isabel decidiron afastar deles aos dous irmáns e envialos a vivir a Lugo a unha escola en réxime de internado (Seminario de Lugo e Compañía de María).  Durante aquel tempo, Isabel pasaba todas as fins de semana no Burgo de Negral acompañada polos seus avós,  e o seu irmán uníase una vez ao mes.

Pasaban todas as vacacións en Bélxica e durante o curso escolar retornaban a Galicia.  Un dos negocios que se xestionaba era  a Casa de Galicia de Bélxica (fundada no ano 1979). Aínda que isto influenciou que os rapaces mantivesen o contacto coa realidade cultural galega, o que foi determinante de cara a sentirse parte do medio rural foi o tempo que pasaron na casa dos avós. A nai de Isabel lembraba que cando os rapaces viaxaban a Friol para pasar o verán percibían aquela realidade coma unha constante aventura, e non dubidaban en contalo ao regreso a Bélxica. Durante todos os veráns da súa mocidade moveuse, xunto cos seus pais e irmán de novo a Bélxica, co obxectivo de cubrir a tempada de festas de verán. Isto foi así ata o ano 2019, momento no que xa se quedaron de xeito definitivo en Galicia. Este regreso e permanencia estivo motivado, sobre todo, polo pai de Isabel, que sempre quixera regresar á casa familiar. Nas súas visitas durante o verán aproveitaba para seguir mercando fincas ou bens, sempre coa idea de poder facer vida en Friol ou incluso de emprender.

Isabel estudou Administración e Dirección de Empresas en Santiago de Compostela. Sempre soubera que quería emprender, algo que estivo tamén motivado pola forte presenza que tiveran tanto ela coma o seu irmán nas empresas familiares. As prácticas obrigatorias da súa carreira fíxoas nunha xestoría fiscal co obxectivo de comprobar se estaba acertada ou non en canto ao autoemprego. O resultado daquel período de aprendizaxe foi visualizar de xeito máis nítido, se cadra, o seu futuro en Traloagro.

 

Retorno ao rural e emprendemento: Traloagro

Traloagro naceu en Burgo de Negral e, tamén de aí, bebe o seu nome. A zona de tralo agro era a localización que os avós paternos escolleran para edificar aquela casa á que Isabel e o seu irmán acudían con frecuencia. Comezar este proxecto de vida necesitou tomar a decisión de establecerse de xeito permanente na Provincia de Lugo, coa conseguinte renuncia que iso implicou de cara aos negocios externos. A pesar disto, a influencia de todo o experimentado no outro lugar nunca deixou de estar presente no negocio actual. Sen ir máis lonxe, a tenda de Traloagro en Friol ten unha enorme similitude física coas granxas belgas.

 

RL

 

Os irmáns souberan sempre que aquilo que fixeran estaría na casa dos avós, pero non tiñan clara a idea empresarial. Contaban con vinte cabezas de gando vacún, con gana de traballar no sector da avicultura e tamén de dedicarse á agricultura. Decidiron iniciar, cando tiñan 35 anos, o seu plan de incorporación, unindo a explotación de gando á de polos. Isabel recoñece que adiaron a decisión de emprender en Friol porque unha das súas necesidades era ausentarse durante tres meses ao ano para poder viaxar a Bélxica a ocuparse das outras actividades económicas. Cando solicitaron a comercialización de polos aínda non había maneira de vender o seu produto como ecolóxico, polo que estiveron, durante un tempo curto, criando baixo o selo de polo campeiro. Pouco tempo despois solicitaron o selo CRAEGA tanto para a explotación avícola e de vacún.

O proceso de aprendizaxe pasou tanto pola formación coma polo proceso de proba-error. A gandería de Traloagro comezou en semi extensivo, pero atopáronse cun importante problema: 15% de mortalidade das crías e enfermidades. A realidade era que, en ecolóxico, non podían tratar con fármacos ás súas crías, polo que escoitaron o consello dun profesional da veterinaria que lles recomendou pasar directamente a extensivo. Aquilo supuxo mercar fincas e facer recuperación de terras abandonadas (tendo a axuda, para isto último, da Deputación de Lugo), así como facer peches e acondicionamentos para poder coidar o gando.

Hoxe en día, a nivel vacún, Traloagro certifica Tenreira Galega pero non Suprema, xa que sacrifican o seu gando con preto de catorce meses (na distinción “Suprema” os animais teñen un ciclo de vida de oito meses). Ademais da tenda de Friol, Traloagro conta cun posto de venda na Praza de Abastos de Lugo. Asemade, o negocio ten un servizo de venda por internet que permite vender dende Friol a calquera parte do mundo.

 

RL

 

 

Formación e sector primario

Traloagro pertence á Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, a cal lles proporcionou un importante asesoramento sobre o pasto e sobre como mellorar a duración do mesmo. Tamén foi preciso cursar no Instituto De Formación Profesional Alta Montaña De Becerreá a titulación de Capacitación Agraria para a incorporación. Naquela última experiencia Isabel reparou na importancia que ten ter acceso a unha formación de calidade dentro do sector primario.

Actualmente en Galicia hai tres Centros de Promoción Rural (EFA): A Cancela (Pontevedra), Piñeiral e Fonteboa (A Coruña). O obxectivo destas iniciativas educativas é contribuír á promoción profesional, cultural e social do medio rural a través da formación das persoas. O sector primario atópase ante o importante reto de superar a tendencia decrecente de incorporacións que se vén manifestando dende fai décadas. A mobilidade xeográfica implicou, ás veces, unha desagrarización, mentres que noutros casos se produciu unha incorporación laboral preferente ao sector servizos. Os discursos positivos sobre o sector primario potencian que as persoas mozas, e sobre todo aquelas que xa teñen explotacións na casa, analicen este tipo de actividade coma algo digno e válido. Isto incide de xeito positivo no fortalecemento das unidades de produción, consumo e residencia, así como noutras cuestións de corte social. Unha das actuacións que se realizan en Fonteboa está relacionada coa educación ás familias que xa traballan na gandería en novas maneiras de produción. Isto facilita o entendemento interxeracional á hora de implantar novas prácticas nos negocios.

Doutra banda, cando comezaron co proxecto, sabían que traballarían na comercialización da carne. Por este motivo era importante coñecer tamén as boas prácticas que debían facerse dende o eido da carnizaría, polo que se inverteu nunha formación de carácter privado. Durante aquel período estiveron tres meses en carnizaría e logo en sala de despece.

 

Muller e sector primario

Unha das dificultades coas que se atoparon Isabel e a súa cuñada, relacionadas cos estereotipos de xénero, tivo que ver co acceso ás salas de despezado. Unha vez conseguiron romper aquela primeira barreira de xénero atopáronse cun importante número de homes que lles axudaron e que as acompañaron no seu proceso de aprendizaxe.

A formación desta muller é constante dende que iniciou o seu percorrido empresarial. Ve imprescindible conectar a súa iniciativa con outras de diferentes territorios, motivo polo que participa nun proxecto da Fundación Juana de Vega para internacionalizar a súa empresa. Á marxe do seu proxecto, algo que Isabel sempre procurou foi darlle visibilidade ao medio rural e ao papel que a muller xoga no mesmo, xa que está a observar que hai moita presenza feminina nas iniciativas de creación máis recente.

 

Ecoloxía e medio rural

A iniciativa de Traloagro está claramente influenciada por unha educación baseada na ecoloxía e feita en gran medida en Bélxica. Neste país faise moito esforzo por facer a compra a pequenos productores e tamén por distribuír produtos a través de mercados que se sitúan nos barrios. Gómez aínda recorda a chegada do agricultor que vendía patacas subido no seu tractor ao centro da cidade. Ela criouse coa realidade do recoñecemento social que os produtores tiñan na comunidade, o que poñía o foco de interese no sector primario.

Traloagro experimentou unha certa reticencia, por parte dos tratantes de gando, a vender o produto que se producía como ecolóxico, xa que consideraban que non lle atoparían canles de distribución. As carnizarías convencionais non estaban dispostas a pagar más polo ecolóxico porque non crían que se fose amortizar, de tal xeito que o mercado se atopaba bloqueado. Vendo aquel problema, Isabel comezou a realizar un estudo de mercado sobre a demanda de ecolóxico, e observou que se incrementaba nun 37% entre ano e ano.

O sentido de crear un establecemento un pouco máis grande do que precisarían para a súa explotación é poder comercializar a carne ecolóxica de outras persoas produtoras. Trátase de conseguir que, quen aposta por este modelo de negocio, poida ter tamén un beneficio económico asociado (os cereais de alimentación ecolóxicos son un 30% máis caros que os normais).

Isabel considera que entre as persoas do rural existe unha maior necesidade de coidar a alimentación, entendida dende o punto de vista de coñecer a calidade do alimento que se consume. Nas urbes existe máis hábito de comprar de xeito rápido e de facelo de xeito puntual na semana, levando así máis alimentos que aguanten máis tempo.

 

RL

 

 

Identidade rural

Isabel pertence á xeración de persoas que actuaron como soporte das xeracións que habían de vir. Non obstante, recoñece que foi complexo manterse se as familias (e particularmente as nais ou os pais) non apoiaban no proceso de permanecer e de buscar proxectos de vida que soster. A cultura do éxodo puido rebaixarse un pouco entre as persoas máis novas, o cal tamén se relaciona coas oportunidades de mobilidade que hai na sociedade de hoxe en día.

A calquera persoa nova, Isabel recomendaríalle apostar pola permanencia e polo crecemento profesional dende o rural. Lembra tamén que hai ruralidades diversas, que permiten vivir en zonas máis ou menos afastadas e cun nivel maior ou menor de servizos. O futuro da nosa sociedade pasará por reflexionar sobre os lugares que decidimos habitar. E non debe esquecerse que, o tempo de ocio e descanso, é tan imprescindible e necesario como o tempo de traballo.