Quen é Paula Carrera Sotelino?

Paula defínese a sí mesma coma unha muller que busca, a partes iguais, aprender e desaprender. Escolleu o rural para poder continuar no seu proceso de crecemento, escapándolle a outras realidades das que xa non se sentía tan partícipe. Educadora Social e cofundadora de Outonía Sociedade Cooperativa Galega, defende que as revolucións se poden comezar (e manter) dende calquera lugar.

 

RL

 

Estudos e primeiros pasos profesionais

Paula naceu nunha aldea preto de Pazos de Borbén (Pontevedra) e medrou alá ata os dez anos, momento no que se moveu a Redondela xunto cos seus pais. Naquel momento sentiu que era un cambio radical: pasando da liberdade que tiña nun lugar máis pequeno á supervisión que acompaña ás crianzas nas vilas.

Con 16 anos deixou de estudar e comezou a traballar (hostalaría, fábricas de peixe) pero decatouse de que continuaba a ter fortes inquedanzas no eido formativo. Decidiuse pola Formación Profesional, no campo da Integración Social, fundamentalmente atraída pola Cooperación Internacional. Aquilo levouna a comprender a importancia das accións que se poden facer dende a pequena realidade de cada quen para facer unha suma global. Posteriormente pasou a estudar Educación Social na Universidade de Santiago de Compostela (USC), momento que foi sobre todo importante a nivel político-social: traballar nunha institución deixou de ser unha prioridade para Paula, quen comezou a explorar na educación a través dos grupos e no medio natural. Recoñece que aquela decisión de volver ao medio rural chegou aos poucos, e maioritariamente no momento no que ela fixo un traballo de análise sobre a sociedade que buscaba. Neste caso, dalgún xeito foi un núcleo urbano coma Compostela a que propiciou o alento para o retorno.

 

Regreso ao rural e emprendemento: Outonía Sociedade Cooperativa Galega

“A pequena gran revolución” de Carrera implicaba, necesariamente, un achegamento ao rural, á sostibilidade e á xestión xusta da comunidade. Antes de rematar a carreira comezou a camiñar xunto ao seu compañeiro, quen xa estaba a desenvolver un proxecto de dinamización en Vieiros (O Courel); tentábase recuperar a vida, os usos e as costumes do lugar. Non tendo nin el nin Paula ningún tipo de vínculo nesta aldea da Provincia de Lugo, ambos decidiron achegarse ao lugar como maneira de comezar un proxecto de vida. As dúbidas iniciais apareceron nesta muller, máis ca nada entendidas coma o medo á falta de rede social e tamén a non poder desenvolverse profesionalmente. Primeiramente, a soidade aparecía como alternativa a sumarse ao proxecto da súa parella, consistente na xestión de apartamentos turísticos. Naquela necesidade de buscar no amplo espazo exterior un oco para sí mesma, traballou prestando coidados nos servizos de Axuda a Domicilio, algo que lle permitiu coñecer o lugar e tamén ás persoas. Seguido diso, focalizouse no Mestrado de Dirección de Actividades Educativas na Natureza (USC, campus de Lugo), algo que a levou a conectar coas actuais compañeiras de Outonía (Tania Sánchez e Araceli Macías).

 

RL

 

Arremuiñáronse tres mulleres que habitaban puntos de montaña distanciados entre sí ao longo da xeografía galega. A idea que xurdiu era a necesidade de aportar para contribuír, non coa pretensión de “salvar” o medio nin de transformalo. Pouco a pouco comezaron a xestar o que sería Outonía, momento que combinaron con outros empregos (Paula traballou durante un ano na Aula da Natureza, en Moreda, aos pés da Devesa da Rogueira), ata que en Febreiro do ano 2021 a iniciativa colleu pés e identidade. Un obxectivo primordial era revindicar a potencialidade dos territorios, apoiándose nos medios telemáticos para darlle visibilidade tanto ás montañas do Courel, ó Macizo Central e Trevinca.

 

RL

 

A educación ambiental, a diversidade e o xénero, a sexualidade e o desenvolvemento comunitario son as liñas que conectan todo o fío que envolve esta idea. Comezaron as súas intervencións contando cunha importante aceptación social, algo que Paula agradece de xeito notable e que considera imprescindible para toda iniciativa. Tamén recoñece que, alén daquel apoio, houbo unha importante dose de traballo, de exploración de iniciativas e de creación de sinerxías entre persoas. Pese a que Outonía non fixo máis ca comezar son xa numerosas as iniciativas que engrosan a experiencia desta cooperativa que lembra que o rural é diverso tanto en canto ás persoas que o habitan coma ás ocupacións destas.

 

 “Neorrurais”

Parece existir unha pequena tendencia de repoboamento e de busca de emprego nun rural que, entre diversos colectivos xuvenís, “mola”. Sen embargo Paula recoñece que existe un pensamento negativo, que consiste en crer que o rural está faltoso de recursos e de persoas, sendo agora o momento de achegarse para “salvar” eses modelos de vida. Considera que non é capaz de determinar ata qué punto os núcleos precisan de achegas de xeito urxente. Se ben é imprescindible a consolidación de servizos de carácter básico, non se debe esquecer que cada comunidade ten a súa propia identidade, con usos e costumes xa establecidos aos que sería bo facer achegas, pero no con fin de impoñer un modelo sobre do outro. As persoas que poden soster eses novos influxos son as que habitan o territorio, polo que as iniciativas propostas deben de ter moi en conta as necesidades da comunidade.

En Vieiros non había máis xente habitando o pobo, algo que Paula bota moito de menos. A ausencia dun pasado ten fortes implicacións no presente, pero ela intenta mitigar esta cuestión a través da conexión con outras persoas do territorio.

 

RL

 

 

Despoboamento e medio rural

Esta profesional analiza unha existencia nun cambio de discurso nas crianzas de hoxe en día. Deixar de transmitir o rural coma un modelo de vida negativo é a clave para apoiar a permanencia das persoas, así como a creación dun vínculo con ese espazo. Non se debe esquecer que as metas persoais xogan un importante papel á hora de buscar un lugar no que permanecer, e que as mesmas van cambiando a medida que as persoas se van desenvolvendo.

Na educación das crianzas é preciso achegar a contorna tanto á educación informal (máis centrada na familia) coma á formal (escola), para poder comprender o medio coma un sistema cheo de recursos pero tamén de necesidades de preservación e conservación. Nun proceso de transformación social evidente, non se pode tratar de achegarlles a realidade ás crianzas tratando de “fotocopiar” as tradicións, sen aceptar os cambios dentro das mesmas. A interdependencia que había anteriormente era moito maior ca agora, simplemente por unha cuestión de supervivencia. Hoxe en día son redutos aquelas actividades que, no seu momento, foron necesarias para a vida (as mallas, a recollida do liño, etc), pero é preciso conservalas na memoria.

É preciso superar a mera análise dos datos demográficos que evidencian a perda de poboación e cuestionarse os motivos polos que as persoas se afastan das comunidades pequenas. Tal e como se sinala dende a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR), o 63% das persoas que abandonan o medio rural son mulleres. É preciso, por tanto, crear ruralidades que sexan atractivas tamén para elas. Nesta cuestión deberán entrar a consecución da autonomía económica e o acceso a servizos relacionados tanto coa poboación infantil coma coa poboación maior, xa que as mulleres continúan experimentando unha forte responsabilidade no eido dos coidados.

 

Cultura e medio rural

Na casa que habita Paula, tras dunha das portas de madeira que agochan o interior, agóchase O Patio da Tola, un espazo cultural que podería semellarse a un auditorio rural. Unha das últimas actuacións que acolleron foi a das Efémeras, un grupo pontevedrés que escolleu o lugar para presentar o seu cuarto disco. As Tanxugueiras, grupo que conta cun importante percorrido, escolleu tamén este patio para gravar o videoclip da súa “Xota de Bembibre”. Nesa obra musical e visual son capaces de lembrar a importancia dos espazos habitados e cheos de xente que se xunta para bailar, partillar e, en definitiva, facer de calquera lugar un momento de desfrute.

Doutra banda, A casa das Tecedeiras naceu como proxecto do compañeiro de Paula, aínda que hoxe en día ambos se atopen involucrados no mesmo a distintos niveis. Trátase da rehabilitación dun fogar que dará aloxamento a un máximo de 11 persoas, xa que conta con dous apartamentos que poden, tamén, converterse nunha soa casa. A casa, que está en pleno funcionamento dende este verán, é moito máis ca un aloxamento turístico, achegándose a unha experiencia de ecoturismo. Este negocio defende a conexión das persoas visitantes coa realidade da vida diaria que teñen as persoas que habitan a aldea. Isto fomentaría a aprendizaxe, a reflexión e as experiencias significativas, que finalmente contribúen a deixar pegadas positivas tanto na contorna coma en quen se achega ás realidades. Os recursos naturais que rodean a zona (fervenzas e rutas) complementan perfectamente un plan de ocio que se explica dende o agarimo  e o respeto. A figura das tecedeiras aparece neste lugar para lembrar á mellor tecedeira da contorna, que habitaba o lugar xunto coa súa irmá (María). Daquela época consérvanse tres mantas e un tear, diversos obxectos e moita historia.

 

Identidade rural

Explicar o que é o medio rural é, para Paula, estender a man cara o val que a rodea, coma nun xesto de presentación do lugar. A posibilidade de traballar no lugar permitiulle desfrutar daquelas cousas positivas que veñen, fundamentalmente, do contacto coa contorna. Comprende que a decisión de vivir de xeito permanente en Vieiros a obrigou, de xeito necesario, a mudar os seus contactos diarios. Noutras épocas vitais, nas que se atopaba máis preto dos núcleos urbanos, era máis sinxelo acudir a formación presencial ou participar de movementos activistas, e iso é algo que bota de menos no lugar.

Sen embargo reivindica que facer vida en calquera lugar do medio rural é tamén un acto de revolución, xa que loita contra esa idea do despoboamento e presenta unha realidade habitada, que tamén é sinxela e amable. Pese a que a realidade rural non é fiel á idealizada (que ás veces se vende en certa publicidade turística), é tamén agradable vivir nun lugar que permite facer pequenas desconexións aínda cando o volume de traballo sexa elevado. Podería dicirse, por tanto, que a identidade rural non é máis (nin menos) que a necesidade de habitar un sistema natural, sen prototipos a seguir, aceptando crear un modelo de vida propio e non perseguindo a reprodución daqueles que xa pasaron.

Esta historia, que é a de Paula pero que tamén implica e absorbe a moitas outras persoas, é a da procura das xanelas de oportunidades. E, nesta busca, é tamén preciso contar coa invención e incluso retar as leis que, ata o momento, se consideraron universais. Quizais a mellor maneira de expresar esta identidade, tan chea de revolución, sexa a través da música que as Tanxugueiras levaron ao Patio da Tola. E é que, como elas cantan, ás veces ocorren cousas tan marabillosas coma que “polo mar abaixo vai un cereixal que bota cereixas no mes de Nadal”.