Quen é Antía Fernández García?
Antía é panadeira, traballadora social e sarriá. Non se podería dicir cal dos adxectivos a define mellor xa que, aos seus 28 anos, mostra un discurso con importantes trazas dos tres ingredientes. Defensora da calidade de vida, atópase desafiando a percepción da falta de relevo xeracional nos negocios do rural.
Estudos e primeiros pasos profesionais
Antía ten 28 anos e naceu e criouse en Sarria. Foi unha nena que medrou entre as sacas de fariña e os fornos de leña, xa que na súa casa rexéntase a Panadería Pallares.
Marchou a Santiago de Compostela para estudar un Grao en Traballo Social, o cal non recorda coma un cambio importante debido a que se moveu xunto coas súas compañeiras e compañeiros de estudos de Sarria. Despois fixo un Mestrado en Proxectos de Intervención Social, o que a levou a vivir durante uns meses en Arxentina desenvolvendo un proxecto de prácticas e de voluntariado. Sempre quixera achegarse ao lugar debido ao vínculo este que ten coa emigración galega e da súa propia familia. Aínda que ela o levaba todo amañado e non tivo que marchar por obriga sí que experimentou a vida noutro lugar e nunha comunidade diferente.
Ao seu regreso xa freou en Sarria. Daquela tiña importantes dúbidas sobre o futuro que perseguía, e tampouco nunca deixara de colaborar no negocio familiar durante as fins de semana ou para cubrir vacacións ou baixas puntuais. Durante dous ou tres anos traballou con Protección Internacional nun proxecto, e xa nin sequera se cuestionou buscar novos proxectos. Coma nun discorrer natural, decidiu empregarse de xeito exclusivo na panadaría.
Nova etapa laboral: Panadería Pallares
No ano 1876 abriu, o tataravó de Antía, un forno que comezou cocendo pan, non tanto elaborando. Logo xa se pasou a facer a masa propia, e aquela idea de negocio pasou á bisavoa, logo ao avó e, por último, á nai (e á filla). Fai anos asociábase certa parte do traballo co mundo masculino, maiormente a que tiña que ver coa carga de peso. Pero se hoxe seguen abertas moitas das panadarías galegas é porque moitas mulleres se mantiveron ao cargo dos obradoiros de pan. Está a haber un cambio moi importante nesta tendencia, aínda que para os postos de obradoiro se seguen a presentar menos mulleres.
Cando era pequena era habitual que a Antía lle preguntasen se ía continuar co negocio familiar, contrapoñendo esa opción de vida á opción de estudar. Ela considera que o traballo é tan satisfactorio e gratificante coma o que desenvolvía como traballadora social, e sabe que se o seu discurso é positivo de cara ao sector é tamén polo que percibiu dende a súa familia. Se ben a panadaría sempre foi un espazo que continuou fabricando produtos de orixe tradicional, sempre estivo aberta á innovación. Cada vez inténtanse retrasar máis os procesos e tamén se emprega o frío para producir con mellor calidade alimentaria e para mellorar as condicións das persoas que traballan.
As funcións desta muller traspasan as propias da panadaría xa que, debido a que se trata dunha empresa pequena, atende a necesidades diferentes, como pode ser a administración ou tamén a relativa á xestión do persoal. Actualmente, o mandil da Panadaría Pallares póñeno trece persoas, das cales tres son membros da familia e xestores (ela acompaña ao seu pai e á súa nai). O 70% das persoas de Pallares son mulleres, as cales proveñen maioritariamente da Comarca de Sarria. Nun horario normal da panadaría, as persoas que exercen coma xefes ou xefas botan moito tempo no negocio (entre 8 e 10 horas diarias). Sen embargo, as persoas que traballan teñen mellores condicións laborais, contando cun importante tempo de descanso.
Este negocio local ten tamén outra parte esencial, que é a que está ligada ao patrimonio material e inmaterial. No portal que está pegado á panadaría está situado o Museo do Pan, onde se recrea o proceso de elaboración do pan e se expoñen diferentes útiles da vida cotiá de fai case cen anos. O que comezou sendo case un almacén para todas as cousas antigas que había na casa é hoxe unha parada obrigada cando alguén se achega á Rúa Matías López.
Emprego e rural
A Comarca de Sarria é ampla, o que implica que a mobilidade pendular (a que une o punto de traballo coa residencia) sexa elevada. Antía fai énfase en que hai distancias que, nas cidades, se aceptan e non son cuestionadas, mentres que nos municipios rurais se analizan como dificultades para o acceso ao emprego. Certamente o transporte público é deficitario, e non todas as persoas dispoñen dun coche privado para poder achegarse a certos puntos.
Por outra banda, e para revitalizar o emprego nas zonas do medio rural, será preciso equiparar os salarios entre os traballos do rural e os da cidade, así como dar a posibilidade de conciliar a vida social e a vida laboral. Este tipo de melloras precisarán dun cambio en certos modelos produtivos, que se aposte por I+D+i pero tamén pola sostibilidade das accións. A importancia de transformar o negocio aplícaa Antía a outros sectores, como pode ser o gandeiro. Anima a calquera a repensar o seu negocio e a valorar a medida na que pode compatibilizar a man humana co apoio doutros servizos tecnolóxicos.
Se ben, como se indica no Documento de Acción “Listado de medidas para loitar contra a despoboación en España” da Comisión da Despoboación da Federación Española de municipios e provincias, o problema do despoboamento non é consecuencia directa e unívoca da economía, sí que hai unha relación causa-efecto. Esta comisión sinala distintas medidas que poden impulsarse a diferentes estratos, como poden ser as bonificacións/deducións en impostos, a implantación de servizos de asesoramento técnico para promover o relevo xeracional, os plans de apoio a persoas autónomas ou a posta en marcha de programas de detección de novos xacementos de emprego.
Pan e identidade
Son moitas as persoas que teñen asociado o pan á casa, á vida comunitaria, a un momento anterior repleto de sabores e ledicias onde roxar os fornos era case un sinónimo de festa. Esta panadeira considera que nas aldeas pequenas se segue mantendo esta costume, xa que os xoves e os venres venden importantes cantidades de fariña e fermento. Cree que é algo propio da Provincia de Lugo, xa que non atopa estas mesmas experiencias na conversa con outras compañeiras do sector dentro de Galicia. O ritmo apurado da vida leva ás persoas a non ter tempo para amasar, para deixar levedar, para roxar ou para facer o recheo das empanadas.
Antía cree que é fundamental que se continúe con este tipo de tradicións xa que implican que as persoas valoren máis o produto, tanto no prezo coma na calidade. Recoñece que alguén que fai pan para a vida diaria non adoita facer toda a variedade que se ten na panadaría, polo que nunca é competencia este tipo de actividades, se non que suman.
Futuro e sector
Aínda que houbo unha época anterior na que se valoraba máis o prezo do produto que a calidade do mesmo, as panadeiras e panadeiros están a afondar na importancia de consumir alimentos de produción artesá ou tradicional. Por este motivo, Antía cree que é necesario abrir os obradoiros e explicar o que hai detrás do bolo que se consume. As escolas adoitan visitar o negocio, e as crianzas móstranse curiosas por todo o proceso. Fai un tempo que regresou unha das nenas participantes á panadaría, a cal lle lembrou á nai de Antía todo o que experimentara no obradoiro.
Débese sumar o valor engadido que este tipo de negocios teñen para a comunidade. Nos mesmos adóitase contar cunha parte importante de clientela que ve na tenda un punto de contacto e de apoio. Fronte ao individualismo e á despersonalización que ocorre nas urbes, as tendas pequenas continúan facendo do feito de vender un pan un motivo para departir sobre a vida.
Unha das metas que Antía ten para a panadaría é a redución do horario de traballo, o cal sería positivo para todas as persoas. Sen embargo recoñece que sería necesario facer un cambio na sociedade, xa que cada vez se están estirando máis os horarios de apertura. A xente ten xornadas máis longas, co que as grandes superficies ampliaron os horarios, ao que tamén se tivo que adaptar o pequeno comercio. Nunha sociedade na que se conta con procesos que facilitan a mecanización, as xornadas de traballo seguen a ser demasiado longas, o cal non é positivo para mellorar a produción.
Medio rural e días vindeiros
As vilas pequenas poden ser lugares predilectos de cara ao asentamento. Cada vez hai máis persoas que poden traballar dende os fogares e as comunicacións con outras zonas máis grandes son máis aceptables. Unha das vantaxes máis grandes que ofrecen os lugares desta tipoloxía é que contan cun importante número de servizos nun radio de distancia pequeno. A importante presenza do asociacionismo dinamiza de xeito forte o ocio e o tempo libre do lugar. Concretamente Antía forma parte da Asociación Cultural Peleiriños de Sarria, participou das Escolas de Baloncesto e ten vínculo coa Escola de Idiomas. Hai persoas ás que soamente coñecería de vista se non fose polas actividades de dinamización que se realizan, o cal recoñece que ten un punto divertido.
O valor deste tipo de actividades é tamén o grupo; hai amizades que se manteñen soamente en certas asociacións, non noutros aspectos da vida diaria. Pese a que nas cidades hai tamén movementos de asociacionismo, a mobilidade das persoas é maior, co que aumenta tamén o cambio de actividade.
Identidade rural
O “medio rural” debúxase na mente de Antía coma se fose un espazo de seguridade. Toda a súa familia se criou no mesmo, polo que alí ten a súa rede de apoio e tamén de recursos. Vive con desalento o despoboamento das aldeas pequenas, xa que cree que o rural debería xogar un papel fundamental na sociedade. Concretamente, na zona de Sarria, o rural é un motor fundamental. Esta vila, que ten moito movemento, débelle unha importante parte da súa realidade a aquelas persoas que orbitan ao redor habitando os pobos pequenos.
Nada na vida é estático, e o mesmo pasa co rural. Antía comprendeu que as profesións se mesturan e que as titulacións acompañan, pero que non nos deben condicionar no futuro que se escolle. A vida no rural pode ser igual de emocionante ca nunha cidade, sempre e cando unha se saiba meter de cheo na mesma; igual que farían as mans de quen sabe facer o pan á hora de traballar a fariña.