Quen é María do Mar Pérez Fra?

Mar foi habitante do rural xa moito antes de vivir no mesmo. Educada en Madrid ata os 12 anos, sempre tivo presente a realidade dos pobos coma un lugar ao que regresar para continuar desenvolvéndose. Docente e Investigadora no departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, ocúpase  dos procesos de cambio agrario e da avaliación e deseño de políticas de desenvolvemento rural.

 

Mar

 

Estudos e realidade profesional

O pai de Mar, que se definía coma un “desertor do arado arrepentido”, calzábase en zocas no Madrid dos anos 70 e 80, para loitar contra aquel sentimento de desprezo da época cara as comunidades periféricas. Nun momento de mimetismo coa contorna urbana, tanto a Mar coma ás súas irmás e irmáns educáronos para comprender o rural coma un lugar ao que regresar, non do que fuxir. Nada en Lugo e membro dunha familia de catro crianzas viviu en Madrid ata os 12 anos. No seu comedor da casa da cidade había un hórreo de cerámica, unhas zocas que o avó de Mar lle regalara de pequena, un cadro co himno galego e outro co conxuro da queimada. O primeiro libro que lle regalou o seu pai en galego foi Memorias dun neno labrego, e eses detalles fóronse sumando para construír a súa propia identidade.

Tataraneta, bisneta e neta de persoas labregas, ao seu  regreso a Galicia (porque volver sempre fora unha meta) instalouse coa familia nun piso da cidade lucense. Posteriormente estudou Económicas na Universidade de Santiago de Compostela, rama que deixaría a un lado para centrarse na investigación relacionada co medio rural, dedicándose de xeito central ao deseño da política pública.

 

Regreso ao medio rural

Todas as persoas teñen un paraíso na nenez, e o de Mar era a casa dos avós maternos e paternos. Aquela liberdade extrema contrastaba coa que experimentaba na cidade, que non era tan prohibitiva para as crianzas como pode ser hoxe en día, xa que existía máis vida de barrio e de comunidade. Un dos recordos máis especiais da súa infancia madrileña é o paquete de comida que, mensualmente, chegaba dende o pobo. Cheo de pan da casa, de chourizos,... O que conseguía era enviar todo un sistema de vida nunha caixa de menos de 10 quilogramos. Quizais nese paquete se resuma o por qué do retorno tanto de Mar coma das demais irmás e irmáns a pobos de Galicia. A posta en valor do rural, e dende un punto de vista incluínte que lles permitía a estas catro crianzas saber que eran parte dese sistema, foi o que alimentou a crianza diaria tanto en Madrid coma en Lugo.

O regreso a habitar o rural sucedeu porque nunca se plantexou outra cousa. A cidade era un momento de paso para poder vivir nun pobo, realidade que se materializou no momento no que ela e o seu compañeiro puideron acceder económicamente a unha vivenda. A chegada a unha comunidade descoñecida foi estupendo xa que a xente foi sempre moi amable. Ocorre que no lugar no que vive a familia hai moita xente maior, polo que acabaron establecendo moita relación con outras persoas que estaban tamén relacionadas co colexio. Tamén descubriron a asociación vinculada á xestión veciñal do monte, e axiña se animaron a formar parte da mesma.

 

Políticas de desenvolvemento rural e muller

Moitas das políticas rurais son percibidas por esta muller como defensivas, xa que se pon o foco no problema e non na análise da situación. Exemplifica este argumento falando da demografía, a cal é unha consecuencia derivada da falta de emprego e da dificultade de acceso á vivenda. O futuro do rural pasa, ineludiblemente, polas mulleres, pero cun sutil (e importante) matiz: é preciso facer o rural atractivo para elas, non ver o papel feminino ligado á reprodución. Aínda poñéndose na situación de que aumentase de xeito notable a natalidade, o que ocorrerá será un incremento da pirámide da poboación ata a etapa dos 18 anos. Esa poboación, segundo as estatísticas, migrará, e faráo maioritariamente o sexo feminino.

As mulleres vanse do medio rural despois de botar unha serie de contas que veñen influenciadas pola nosa sociedade machista e patriarcal. A ausencia de servizos asistenciais para o coidado de menores e maiores e a presión social á que aínda se enfrontan nas pequenas comunidades propician o éxodo dun estilo de vida que non se adapta ás súas necesidades. Se ben, matiza, esta realidade mudou notablemente entre as mozas, as mulleres máis maiores están máis suxeitas ao rol que lles tocou vivir. As estatísticas sobre coidados e tarefas no fogar seguen a presentar unha relación entre este traballo e xénero, e tamén segue a ser unha distribución maior das horas no contexto rural ca no urbano.

 

Autoestima e identidade rural

Unha cuestión que determinará de xeito notable a fuxida ou a permanencia nas comunidades rurais é o afecto ou o apego que se transmite polas comunidades rurais. Existe aínda a tendencia de transmitir a necesidade de saír, aínda que está a cambiar. O primeiro día de curso académico, dende fai 25 anos, Mar pregúntalle ao seu alumnado de Enxeñaría Agrícola e Forestal o seu nome, o concello do que proveñen e se se ten unha explotación na casa. Os primeiros anos deuse de conta de que existían persoas que, aínda tendo explotacións, primeiramente dicían que non. Hoxe en día detecta unha vontade de formación para facerse cargo das explotacións, e esas rapazas e rapaces senten un profundo orgullo polas súas raíces, o que demostran na súa maneira de transmitir a realidade da que proveñen.

Nunha ocasión díxolle un alumno de Castro: “Con isto (referíndose ao medio rural) pasa coma co do galego. Ti estás en Castro e falas galego porque é algo normal, pero vés a Lugo e claro... cambias. Ti dis que a xente cambia, e que aquí dicimos orgullosos que temos unha explotación, pero dincho a ti, na clase. Cando saen de copas non o din!” Sen embargo, Mar detecta un cambio abismal, e que estas persoas xa procuran quedarse, sempre e cando as familias o potencien e o permitan.

Neste proceso de construción da autoestima rural é preciso analizar cales son os ideais que se perseguen. Hai unha tendencia á idealización das comunidades dos anos 40 e 50 que provén, xeralmente, das persoas que non experimentaron aquela realidade tamén complexa.

 

Despoboamento e medio rural

O discurso sobre a España baleira pode comprenderse coma descritivo, pero tamén dende un punto de vista crítico. Establecer o punto de análise no número de persoas que habitan un territorio implica o risco de homoxeneizar as densidades de poboación, sen ter en conta o histórico das mesmas. Existen territorios que sempre tiveron unha demografía baixa e outros que, verdadeiramente, están a perder poboación. Doutra banda atópase a cuestión do límite en canto ás densidades que se buscan.

É preciso cuestionarse qué aldeas son susceptibles de ser habitadas, aínda que esta sexa unha opinión polémica. Hai entidades de poboación que non sempre existiron e débense comprender os asentamentos coma ciclos, sabendo que o abandono e a repoboación forman parte dunha constante. Mar non pon tanto o énfase no abandono coma na xestión do territorio. Á perda de patrimonio pode seguirlle a perda de certos recursos produtivos que poden permitirlle ás persoas unha boa calidade de vida.

Non se debe esquecer a xestión do territorio a través das masas forestais autóctonas. Non sería tampouco unha traxedia que existan espazos que non se dediquen fins produtivos, pero para elo deberíase contar cunha estratexia. Do lado administrativo é necesario realizar unha ordenación do territorio, xa que dos 2.700.000 habitantes que ten Galicia, son propietarias de terreo rústico 1.700.000 persoas. Facer unha ordenación seria implica un beneficio a longo prazo, escapando das regularizacións esporádicas e cambiantes.

Dentro da dinamización débense buscar grupos a través dos cales se poida chegar mellor a determinadas comunidades. Nas zonas nas que a demografía está moi deteriorada habería que buscar estratexias diferentes ás que hoxe en día se propoñen (ao abeiro do programa Leader), chegando ás persoas de maneiras diversas. Non pode, tampouco, poñerse todo o peso da dinamización comarcal sobre os Grupos de Desenvolvemento Rural, xa que moitas veces o persoal que leva a xerencia atópase completamente saturado por cuestións burocráticas e pola gran extensión territorial.

A perspectiva de futuro é indispensable para crer e loitar por un modelo de vida rural. Isto non implica ser menos crítica coas realidades, senón ir traballando socialmente para coidar os impactos individuais, que finalmente tamén poden transformar o contexto. Nesta labor de dinamización é indispensable o asesoramento ao longo da vida, así como do acompañamento e da integración daquelas persoas que chegan ás novas comunidades.

 

Crianzas e medio rural: construíndo identidade

As dúas crianzas de Mar estudan no CEIP Dr. López Suárez (Friol), algo do que ela se sente orgullosa. Lembra a calidade do ensino público e a capacidade que moitas escolas rurais teñen para facilitar a conciliación, xa que hai servizos de recollida das crianzas no fogar, comedor con cociña diaria e ratios de dez persoas por aula. Anima a calquera a cuantificar o custo dese tipo de educación nunha escola privada, coa intención de reflexionar sobre o modelo educativo que se quere apoiar.

Nunha ocasión, o seu fillo pequeno díxolle: “Mamá, hoxe dixen unha mentira na clase... Díxenlles que nós tamén tiñamos unha vaca!”. Nunha ocasión, na aula do cativo, pedíronse unhas fotos sobre as profesións das persoas da familia coa intención de facer un concurso sobre a popularidade das profesións. Evidentemente gañaron aqueles que tiñan unha granxa con 20.000 pitiños.

Aínda que Mar atopa que na adolescencia hai un pequeno matiz negativo na valoración sobre o rural é algo que vai evolucionando coas persoas. Se ben durante a nenez as crianzas non querían ir de vacacións ás cidades, porque os limitaba en canto á liberdade, recentemente xa reclaman achegarse ás mesmas como opción de ocio. O importante de todos estes momentos é educar para que as diversas realidades (as máis rurais e as máis urbanas) non confronten entre sí. É esencial recoñecer as cuestións positivas de cada unha, vixiando non ir en contra das realidades máis pequenas, aquilo que os pais de Mar fixeron tan ben coas fillas e fillos.

 

Identidade rural

O medio rural, que é complexo para Mar á hora de definilo de xeito non técnico, é o sentimento de agrado por habitar un determinado lugar. É un espazo de creación de comunidade, e estes vínculos que se crean entre a veciñanza permiten tamén a aceptación e o respecto cara a diversidade.

As esferas deben ir mudando para poder acoller ás persoas que as habitan, e isto soamente se consegue coa presenza diaria e coa capacidade para compartir espazos. No rural caben moitas realidades, non só as agrarias idealizadas. O caso será ir tecendo para que, cada quen, se quede con aquilo que precise para poder facer vida do mellor xeito posible.