Quen é Carlota Pérez?
Estudos e primeiros pasos profesionais
Carlota Pérez naceu en Monforte pero está empadroada en Chantada, xa que ata os dous anos viviu en San Cristóbal de Muricios, a sete quilómetros da vila. Aínda que logo se moveron a Coruña, todos os seus veráns discorreron no pobo xunto cos seus curmáns e curmás e outras crianzas da contorna. A Coruña foi unha cidade que nunca habitou con gusto, quizais tamén porque contrapoñía esa realidade á que vivía en San Cristobo, onde non só había espazo senón tamén oportunidade de experimentar e participar de realidades diferentes.
Moveuse a Santiago de Compostela para estudar Historia da Arte e especializouse en Cinema e Arte Contemporáneo. En canto rematou, a súa nai permitiulle mudarse a Madrid a estudar Cinema e Televisión e, a partir de aí, creou en Galicia a Asociación para o Desenvolvemento da Arte Galega (ADAG). A decisión de regresar de Madrid para poder crear esta iniciativa respondía tamén a que a cidade tiña un punto de demasiado estres, algo que facía que tras tempadas de seis ou sete meses Carlota tivese a necesidade de saír.
No ano 2000 creou a súa empresa Trevellar, que había de ocuparse do eido da xestión cultural. Dende A Coruña, ela e mais o deseñador gráfico ideaban proxectos para empresas maiores. Idearon, entre outras moitas iniciativas, un Festival de Danza na Rúa e outro Festival de Teatro na Rúa con Caixanova e Caixa Galicia.
No ano 2003 a necesidade de volver ao eido da danza, no que comezara con seis anos, manifestouse con forza, polo que montou a súa propia compañía ExperimentaDanza. Naquel inicio, a compañía gañou un premio en Portugal o que a animou a seguir con forza, aínda que seguía facendo pequenos proxectos de xestión cultural. Foi tamén con esta compañía coa que realizou importantes espectáculos de danza inclusiva.
No ano 2006 a compañía abrazaba o seu mellor momento pero foi tamén aquel momento no que Carlota precisou afastarse daquela realidade. A aquilo seguiulle unha tempada dura a nivel emocional, durante a cal se focalizou en sí mesma e na súa saúde física e emocional.
Ao seu retorno abriulle a unha experiencia máis social dentro do seu sector. A través dun amigo comezou a traballar con persoas que estaban na cadea de Monterroso, lavando á institución un ano de formación que culminaría nun espectáculo final. A ese proxecto seguíronlle cinco anos de intervención na cadea de Teixeiro. Aquelas experiencias levaron a Carlota a reparar na forza corporal para a expresión emocional.
Regreso ao medio rural: Sacra Experience
Con dezaoito anos, Carlota coñeceu a Ribeira Sacra da man dunha amizade. Naquela época achegouse ao Pincelo e frecuentou tanto a cantina de Esther Teijeiro coma o negocio de barcas de Luisa. Tras a morte dun tío seu nun accidente de automóbil, decidiuse a procurar aquilo que realmente a satisfacía na súa vida. Con 42 anos e dúas crianzas puxo en venda o seu piso de A Coruña e entrou a unha casa que lle vendería, precisamente, Esther Teijeiro. No momento no que se cuestionou qué querería ver no momento da súa morte atopou a resposta na paisaxe da Ribeira que se estendía diante dela dende O Pincelo.
Achegouse á vida no rural de xeito progresivo, combinando a súa realidade en A Coruña con pequenas estancias na aldea, ata que a Covid-19 entrou en escena. Habitante diaria da aldea dende o confinamento, considera que a chegada á realidade rural está tinguida de experiencias moi diversas. Fala do contacto comunitario e das diferenzas que existen entre as persoas que viven no pobo, pero tamén da experiencia de habitar de xeito máis individual unha construción ou un lugar.
Nesta apertura a habitar o espazo, e nesta chegada á Ribeira Sacra, Carlota iniciou o proxecto Sacra Experience uns anos antes de mudarse definitivamente a vivir ao Pincelo. A iniciativa achega os artistas aos espazos naturais a través de múltiples formatos. Ten tres patas fundamentais: Sacra Forma, Sacra Festival e Sacra Experience. Sacra Forma coida os talleres formativos artísticos; Sacra Festival impulsa un festival multidisciplinar e Sacra Experience potencia o intercambio coa comunidade e coa contorna da Ribeira Sacra.
A parte disto, dende a iniciativa Sacra Experience cóntase cunha terraza privada e con outra que se destina á degustación de produtos locais, con capacidade para 60 persoas.
Colonialismo e medio rural
Cando se fala de achegarse a unha realidade, inevitablemente débese reflexionar sobre a conduta propia. Coa palabra “colonialismo”, Pérez refírese á actitude de superioridade que ás veces se observa nas e nos novos poboadores, o cal entra en conflito coa comunidade autóctona. Achegarse ao rural cunha fin especuladora ten o enorme risco de que os proxectos queden no aire, así como de non ser capaz de contribuír ás necesidades da contorna.
Repoboar non é nin colonizar nin especular. Estes dous últimos termos non deixan de ser sinónimos de baleiro: crearánse comunidades artificiais que soamente conten con achega de persoas nos meses estivais, as cales non aportarán case ningunha influencia noutros sectores. Nesa colonización desaparece a identidade do territorio, o cal vai en contra das sinerxías comunitarias. De non comprender a veciñanza, de non facer pactos e de impulsar actividades que vaian en contra dos intereses do colectivo, será moi complexo establecer unha rede de apoio, o cal determina a calidade de vida.
A asemblea aparece coma un recurso inevitable e necesario, onde é o pobo quen xera o discurso político sobre a realidade que se pretende. Deste discurso naceu a rede Aldear, a cal reclama a importancia de entrar no medio aceptando un sistema de intercambio. Carlota, participante activa desta rede, explica a iniciativa coma unha sinerxía entre persoas que habitan aldeas e que se atopan ligadas ao eido cultural. Promóvense os intercambios entre aldeas, as residencias ou as programacións colectivas, sendo a clave para a participación o requerimento de habitar os pobos.
Cultura e medio rural
A programación cultural debe pensarse en función do lugar ao que se achega. No medio rural serían de interese os traballos procesuais comunitarios, os cales permiten que se achegue xente do exterior para relacionarse coa comunidade. Dende Sacra Forma promóvese o achegamento da excelencia ao rural pero comprendéndoo dende o punto de vista interactivo.
As ás e a experiencia de diálogo que ofrecen as experiencias culturais son, en definitiva, motores de transformación. Por este motivo, dende este proxecto formativo se promoven as experiencias de reflexión, a fin de idear o nicho cultural que se precisa na contorna. As programacións que proveñen das institucións poderían complementarse con outra oferta de carácter máis aberto, para o que se precisaría contar cun espazo artístico de referencia. A excelencia aparece como meta, entendida como a necesidade de descentralizar e achegar a este tipo de contornas as ofertas. No Congreso Ruralidades, en Extremadura, púxose de evidencia que a vida no rural non se trata de excluír as urbes dos pobos, senón de procurar a interacción entre ambas realidades.
Despoboamento
Os servizos, téndose en conta dende a realidade que sexa, son cruciais para todas as realidades. No caso de Carlota, evidéncianse aqueles que se relacionan coa crianza, xa que convive coa súa fila e co seu fillo. É imprescindible que as crianzas do rural poidan chegar aos centros educativos de xeito gratuíto, sen que habitar determinados espazos supoña unha dificultade engadida.
Ante as necesidades aparecen tamén as solucións. É preciso repensar o modo de vida rural e confrontar as adversidades, xa que as persoas e as súas necesidades mudaron, o cal implica que as solucións non serán agora as mesmas ca as que se propoñían no inicio do século. Por poñer un exemplo, en O Pincelo estáse a pensar en realizar grandes compras de alimentos de proximidade coa fin de almacenalos nun espazo comunitario, o cal permitiría unha mellor organización para aquelas persoas que non contan con vehículo propio.
Do despoboamento, ou desta nova maneira de habitar, xorden novas maneiras de realizar transformacións sociais. Crear puntos de pensamento non é máis ca coidar a relación coas persoas que rodean, velar por escapar da individualidade e comprender as aldeas como se entendían fai xa anos: coma lugares onde todo o mundo debe coller. Habitar o medio rural non é sinónimo de reproducir modelos de vida, senón de vivir na necesidade que cada quen ten. A diversidade debe ter oco dentro das comunidades, sendo igual de válida aquela persoa que fai vida dentro do sector primario coma no terciario.
Neste ideario do que será o futuro das novas comunidades, Carlota ten en conta as vilas máis grandes, como pode ser Chantada. A apertura á contorna permite coidar a relación coas persoas que se sitúan ao redor, xerando riqueza e intercambios con outras poboacións.
Identidade rural
O medio rural enténdese, dende unha pequena casa de O Pincelo con vistas privilexiadas ao paso das estacións, coma unha nai: un espazo que acolle sen pedir un intercambio. A palabra “nutrir” é sinónimo do lugar que habita esta muller, e por iso lembra que as políticas deben entender coma algo prioritario coidar dos espazos naturais. Exemplifica a comprensión da paisaxe e a relación harmónica que esta ten coa vida a través do traballo de Manrique en Lanzarote, o cal se caracteriza pola coherencia, a conexión coa terra e a formación.
A lexislación debera contar coa opinión pública, de tal maneira que responda a qué piden as persoas novas que habitan os espazos rurais. E nesta idea, xorde a necesidade de coidar o propio diálogo, de conversar cunha mesma co obxectivo de comprender qué se precisa. Ás veces, para responder a isto é tamén preciso entrar e saír da esfera habitual. Viaxar é necesario, xa permite entender a comunidade coma algo con múltiples caras.