Sabela habita a Terra Chá dende a súa mocidade, aínda que as súas orixes están na cidade de Lugo. Docente de Matemáticas, impulsa (xunto a outras persoas) unha casa de familia en Muimenta (Cospeito). Ademais disto é escritora de libros orientados tanto ao público infantil coma ao adulto, xa que as aprendizaxes que transmiten as súas verbas son necesarias en calquera etapa da vida.
Filla de nai mallorquina, Sabela (1960) non falou galego ata os 18 anos, momento no que cambiou de rexistro por convicción propia. Aínda que naceu na cidade, viviu en Vilalba ata os 16 anos, momento no que os seus pais se tiveron que trasladar a Lugo por cuestións laborais. Todas as lembranzas dunha infancia no exterior seguen moi presentes na mente da Sabela adulta que, hoxe, habita un fogar en Muimenta.
Ao rematar o actual Bacharalato decidiu estudar Matemáticas, carreira que podía realizar dende o campus de Lugo durante os primeiros cursos. Naquela época, na cidade contábase con moitos primeiros ciclos de diferentes especialidades, como era o caso das Filoloxías, de Física, Química ou de Bioloxía. Posteriormente, con 21 anos, mudouse a Compostela para rematar a súa formación e, aquel mesmo ano, casou co seu compañeiro (Carlos).
Sería precisamente Carlos quen chegase primeiro a Muimenta xa que, exercendo a obxección de conciencia, chegou ao concello xunto a outra persoa para prestar axuda a nivel social nunha asociación que se acababa de poñer en marcha. Naquel mesmo momento, Carlos comezou tamén a participar activamente na revista Irimia, a cal sería o punto de encontro da parella. Por tanto, aínda que Sabela estaba en Santiago, o seu nexo con Cospeito ía facéndose cada vez maior.
Xa despois de rematar a carreira de Matemáticas e de cursar a habilitación docente, tratou sempre de traballar en lugares que quedasen preto do asentamento que xa tiñan na Terra Chá. Estivo en Vilalba e en Guitiriz e, pasado o primeiro ano, sacou a súa praza como docente. Durante os primeiros catro anos, ata que chegou a consolidación da praza, traballou en Meira e, posteriormente, estivo seis en A Fonsagrada. Naquela época decidiu achegarse máis ao fogar, tanto por cuestións relacionadas coa maternidade (é nai de catro crianzas) coma cun proxecto de vida que puxeron en marcha na casa. Así chegou á Pontenova, lugar no que estivo como docente durante vinte anos.
Sabela e Carlos idearon un proxecto a raíz de ter contacto coa asociación Fogares e apoio ao menor Lar. Xunto a un compañeiro de Muimenta (Pepe) comezaron a idear un proxecto para levar ao rural e traballar, así, para a sociedade.
Comezaron a funcionar nunha casa que, aínda que tiña algunhas carencias, lles permitiu acoller un importante número de crianzas. Sabela e Carlos mantiñan, a parte, a súa propia casa, feito que lles permitía contar cun lugar propio de referencia. Naquel principio era moita e fonda a ilusión que tiñan por sentirse útiles para o colectivo, pero foron moitas as aprendizaxes que tiveron que facer no eido da educación e da crianza.
Aínda que erguer un proxecto deste tipo en Muimenta foi sinxelo debido á motivación que había detrás, foi primeiramente duro polo altruísmo e a cantidade de horas que implicaba. Posteriormente profesionalizouse o sector, o que permitiu tanto percibir un soldo polo traballo como contratar a outras persoas, feito que Sabela valora moi positivamente, xa que permitiu xerar máis coñecemento e atender con maior especialización as necesidades das crianzas.
A Casa de familia de Muimenta comezou a xestarse a mediados dos anos oitenta, e segue a pleno funcionamento no presente. Conta con praza para oito persoas que se atopen tuteladas pola Xunta de Galicia. O modelo apoia a acollida nun centro que traballe polo seu desenvolvemento e pola estabilidade, motivo polo que a palabra “familia” ten unha importancia capital. Polo de agora este tipo de modelos acollen a persoas dende os 0 ata os 18 anos, aínda que se está a pelexar por aumentar a idade de acompañamento. A idea final é a de crear unha familia de referencia para aquelas persoas que non contan con ese sistema de soporte, polo que non ten sentido que exista unha idade “de corte” para deixar de formar parte desa rede.
As viaxes estiveron sempre presentes na realidade da familia de Sabela. No ano 2011, nunha viaxe que realizaron a Cabo Verde, tomaron contacto cunha zona de baixos recursos económicos. O feito de descubrir que as pelotas inchables que levaban supoñían un furor entre as crianzas caboverdianas fíxolles darse conta das necesidades de determinadas realidades. Ao ano seguinte pensaron en achegarse a outro lugar con características semellantes ao anterior co obxectivo de achegar material escolar. Así foi como naceu o primeiro proxecto de Sabela (Mochilinhas de Cores), o cal trataba de levar mochilas con material escolar a unha zona de Ucraína. Xa antes da partida, a Sabela ofrecéronlle presentar o proxecto nunha escola, para o que ideou un pequeno conto en formato power point. Aquel sería o primeiro borrador do que posteriormente sería o seu primeiro libro (O agasallo de Anya), que contaba a conversa entre unha nena galega e outra ucraniana.
Despois de subir aquel material ao blog foi contactada pola Editorial Galacia, que lle lanzou o reto de crear un libro “con lombo”. Se ben foi sinxelo comezar a escribir a parte da nena galega non o foi tanto narrar a realidade dende o país estranxeiro ata que ela non puido achegarse á realidade do mesmo. A familia chegou ao país con 130 kg de material funxible e, alí, atopáronse cunha rapaza de dezanove anos que estaba ligada a unha asociación coa que Sabela xa mantiña contacto. Visitaron seis orfanatos coa idea de coñecer tamén a realidade das nenas e nenos que alí convivían e, ao regreso a Madrid, Sabela comezou a encher páxinas con todo o vivido.
O borrador convertiuse en libro en Novembro do ano 2013, e comezou a ser presentado a partir do ano 2014 en numerosos centros educativos. Como di o propio resumo do libro (páxina web da Editorial Galaxia): Esta publicación recorda que aínda que nos separen quilómetros de outras realidades de vida, as persoas non somos tan diferentes se temos en conta os sentimentos, as ilusións e as ganas de ser felices que compartimos.
Sabela considera que é máis fácil ser ser nai de crianzas no medio rural que na cidade. A realidade desta familia pasaba por precisar acomodarse a nova situacións de xeito constante, polo que era imprescindible contar cun servizo de recollida das crianzas no fogar para ir ao centro educativo. O transporte paraba xusto diante da casa, o que permitía que a nena máis pequena da familia (Rosalía) puidese subir soa e sen supervisión adulta.
Compaxinar unha xornada laboral con outra educativa que comeza ás dez da mañá é complexo se non se conta con servizos de apoio familiar. O apoio humano é tamén esencial, sinala Sabela, que lembra que, se os seus fillos non collían o transporte entón a persoa que conducía entraba a buscalos á casa.
Dos 0 aos 3 anos cree que é tamén relativamente sinxelo o coidado debido á rede que existe, tanto de familias extensas coma de persoas dispoñibles para apoiar na crianza durante unhas horas. A pesar disto sí que detecta que se está a producir un cambio na tipoloxía de familias, pasando da extensa á nuclear. Este feito fai que sexa imprescindible dotar as áreas rurais de servizos de apoio na crianza de calidade.
Falar de Muimenta implica nomear a labor a prol da cultura que realizan numerosas asociacións. É inevitable non mencionar a Asociación Cultural Xotramu, dedicada aos xogos tradicionais, que leva promovendo múltiples encontros dende o ano 2010, e da cal forma parte a familia de Sabela.
En xeral a vida social ligada a este tipo de asociacións permite participar e ampliar as redes de contacto, sobre todo na época de primavera e verán. De non haber eses puntos de nexo, recoñece Núñez, sería moi complexo facer unha vida en colectividade, co cal os días estarían enchoupados dun individualismo que recordaría demasiado á vida nas urbes. A pesar de que se habita o medio rural é frecuente traballar fóra, polo que as oportunidades de socialización se limitan ás actividades comerciais feitas no pobo.
A chegada ás comunidades novas é un tanto complexa, sinala esta mestra. Hai unha certa desconfianza que provén da comunidade e que é certamente compresible, xa que as persoas neorrurais non contan con ningunha raíz de referencia. A pesar disto, no caso de Carlos e Sabela foi determinante contar co apoio de alguén que xa formaba parte do sistema, para así poder crear rede cos outros habitantes.
Outra cousa que tamén é de axuda unha vez superada esta primeira barreira é o feito de escolarizar as crianzas no centro do lugar, xa que se establecen novos contactos entre nais e pais.
Un momento de especial dificultade é aquel que atravesan as persoas que se atopan entre os 20 e os 30 anos, xa que se trata dunha etapa na que pode non haber tantas oportunidades para crear vínculos a través da participación en actividades. Sen embargo, pasada esta idade, prodúcese un retorno á comunidade, xa que se volven valorar aqueles aspectos positivos de formar parte dun sistema de referencia.
Segundo Sabela, o medio rural debería ser a base de todo o demais, pero non por iso entrar en conflito con outras realidades. Por este motivo é preciso educar ás persoas no cariño e no respecto polo lugar, pero sen impedirlles coñecer outras realidades.
Na constante busca da felicidade é importante recordarlle á xente nova que o medio rural non é un lugar que impida a consecución dun alto nivel de calidade de vida. Como recorda O agasallo de Anya, as persoas temos necesidades moi semellantes, por moito que difira a terra que habitamos.