Quen é Mª Elena Martínez?

Elena Martínez é mindoniense dende o nacemento. O seu traballo discorre nunha entidade sen ánimo de lucro, nun Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) que opera na Comarca da Mariña. O obxectivo do seu traballo é promover a dinamización territorial e a posta en valor do medio rural en xeral, asesorando a posibles beneficiarios de axudas que teñan interese en iniciar proxectos no rural.

 

RL

 

Ocupación profesional

Elena estudou Economía na Universidade de Santiago de Compostela, na especialidade de Economía pública. Ao rematar eses estudos obtivo o Certificado de Aptitude Pedagóxica (CAP), co obxectivo de poder diversificar un pouco as súas oportunidades laborais. Regresou a Mondoñedo rematada esa formación e preparouse co Axente de Desenvolvemento Local do concello para un posto como Xerente das Fundacións Comarcais. Aínda que aquela oportunidade laboral non foi para ela, xusto se fixo público que comezaría a funcionar o primeiro programa Leader. Aquilo era totalmente novo para Elena, que se preparou durante un ano na xestión de fondos europeos a través do Inludes (Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social) e tamén ampliou os seus coñecementos en idiomas.

No ano 2002 Elena comezou a traballar nos programas Leader. Hoxe en día considera que houbo un importante cambio no tocante a estes programas, xa soamente no que á xestión territorial se refire; no principio contábase con moitos máis recursos económicos para menos proxectos, á contra do que ocorre hoxe en día. Lembra aqueles principios con ilusión e á vez con preocupación, debido ás grandes necesidades de formación que había no momento. Recoñece que é crucial a confianza da comunidade, que ela conseguiu tanto implicándose cos proxectos da xente que a rodea como a través de estar presente ano tras ano. O feito de que neste tipo de postos (que implican o contacto estreito coa comunidade) haxa pouca rotación é crucial para que as persoas se sintan acompañadas e acollidas. A proximidade que ofrece un GDR é distinta do trato que se recibe cando se acode a unha entidade máis grande, e isto tamén vén posibilitado polo feito de que o persoal técnico comprenda as necesidades das persoas.

 

Muller e liderazgo

A xerencia dun Grupo de Desenvolvemento Rural implica tanto a toma de decisións coma a responsabilidade, ambas en grandes doses. No comezo, para Elena tivo unha certa dificultade ao reclamar a súa posición, tanto polo feito de ser muller como de ser moza. Non obstante, para ela foi capital que a figura que levaba a presidencia confiase na súa capacidade dende o primeiro momento, xa que iso axuda a sentar unha dinámica de respecto. A poboación parece dar por feito que os homes teñen a habilidade e as competencias sen necesidade de demostralo, cousa que non pasa no caso dunha muller, que debe poñer de manifesto (e de xeito sobrado) as súas capacidades. Houbo, naquel principio, sentimentos de invisibilización, sobre todo cando ela se situaba en contra dunha opinión sostida pola maioría.

Actualmente obsérvase un importante cambio respecto daqueles momentos iniciais. Non se evidencia, neste sector laboral, dificultade para que as persoas promotoras confíen na capacidade de asesoramento que tería unha muller respecto dun home.

Non obstante, as dificultades que veñen ocasionadas do proceso de conciliación aféctanlles máis a elas que a eles, como ocorre na maior parte de sectores. Esta parte engadida aumenta a tensión diaria, o que finalmente se suma ao peso asociado ao cargo profesional. 

 

Emprendemento e medio rural

Hai unha ampla necesidade de contar con figuras de orientación cando falamos de emprendemento ou de innovación laboral. A figura dos técnicos locais de emprego é clave para a información e o asesoramento, aínda que non están presentes en todos os concellos. Se ben os GDR son asociacións que apoian a creación de proxectos, non poden cubrir todas as necesidades que teñen as diversas iniciativas empresariais. Será clave para o futuro do medio rural apostar polo apoio individualizado, tendo en conta os puntos de partida de cada persoa.

Non hai unha media de idade ou un perfil concreto de persoa que acode ao GDR coa fin de emprender. Podería dicirse que entra xente dende os vinte anos ata idades moi avanzadas. Cada vez máis, as persoas novas que se achegan ao medio rural traen unha importante  formación detrás, que adoita estar vinculada coa actividade que se quere comezar. Na década dos trinta aos corenta anos son habituais os proxectos relativos ao sector servizos, na súa maioría destinados ás persoas de idade. No caso das ampliacións ou modernizacións das empresas, acostuman a estar detrás persoas de entre corenta e cincuenta anos que xa están a evidenciar cambios no mercado que obrigan a modernizar a maneira de producir. Finalmente atópanse as persoas que pertencen a asociacións, que presentan proxectos de carácter non produtivo privado, a fin de ampliar os servizos que xa están a dar (hai colectivos culturais, de persoas dependentes, ligados á violencia de xénero ou á xestión do monte).

Hai tamén casos de persoas que se achegan ao medio rural por primeira vez, sen contar con ningún tipo de vínculo anterior. Atópase, en Ourol, o exemplo de O viso Ecovillage, unha iniciativa turística encabezada por unha muller francesa. 

 

Sector primario e medio rural

No GDR 1 case non hai proxectos ligados á agricultura ou a gandería, son os GDR de interior os que levan a cabo máis actuacións neste eido. Aínda que o eixo principal do GDR 1 sexa o turismo, procúrase que esta actividade se relacione con outras que se levan a cabo no territorio. Elena considera que as persoas que están comezando no sector da agricultura o fan dende a formación e a profesionalidade, co obxectivo de que se converta nun xeito de vida e non nun complemento. A faba de Lourenzá (concello que limita con Mondoñedo e que entra no GDR 1) conta coa denominación IXP (Indicación Xeográfica Protexida), o cal permite unha maior posta el valor do produto e tamén da actividade laboral ligada ao mesmo. Doutra banda atopamos o exemplo da marca Hortas de Galicia, unha actividade impulsada por unha parella que cultiva ata 25 especies diferentes de produtos en Mondoñedo.

Algo fundamental é a agrupación nas iniciativas, sobre todo cando se fala da comercialización do que se produce. Pertencer a cooperativas asegura unha seguridade entendida en termos de renda económica ou tamén unha mellor calidade de vida, derivada da eficiencia da suma de esforzos. É necesario superar a individualidade e a desconfianza cara as actividades que se teñen ao carón e apostar por crear marcas conxuntas que poñan en valor a produción. Hai, tamén, que poñer o foco na diversificación á hora de transformar os produtos (tomates fritos, marmeladas, etc) como vía para acadar mercados diferentes.

 

Mocidade e medio rural

Hoxe en día, dentro dos GDR da provincia de Lugo hai tamén mulleres novas que, coma Elena, tiveron a oportunidade de traballar no desenvolvemento rural ao pouco de rematar a súa formación. Recoñece, Elena, a importancia de ofrecerlle á xente nova a posibilidade de participar en proxectos e de buscar canles de participación.

Hai toda unha serie de competencias (que xa están a cobrar importancia nos plans de formación) que son precisas para o desenvolvemento de calquera emprego xa dende o principio. A formación pasa a ser algo prioritario para poder traballar en calquera sector, a pesar de que se crea que non se atoparán oportunidades laborais ligadas a un nicho concreto de mercado. Un dos retos da formación, non só para o medio rural senón tamén para o urbano, é apostar por aqueles sectores que se están a quedar desertos para ofrecer novas vías de desenvolvemento.

 

Turismo e medio rural

O turismo, coma o mundo, globalízase e diversifícase. A pesar disto, dende o GDR 1 observábase que había unha forte presenza das estacións na atracción de turistas ao lugar. Debido a isto apostouse por xerar sinerxías entre sectores (hostalaría, sector primario ou artesanía), pola creación de paquetes turísticos e polo coñecemento dos recursos de todos os concellos. En soidade, o funcionamento será máis complexo, xa que será máis difícil atraer ás persoas en estancias longas ou reiteradas. A estratexia de entender os concellos como illas non é tan positiva coma a de tecer unha rede entre todos eles para, así, poder ofrecer experiencias máis completas e adaptadas ás iniciativas de cada persoa. O que se fomenta dende esta asociación é o traballo conxunto entre as persoas empresarias, o feito de aprender a contactar cos negocios de arredor. Por este motivo levan a cabo formacións e obradoiros onde se fomenta a participación activa.

 

Despoboamento e medio rural

Unha das cuestións que se valoran á hora de puntuar un proxecto dentro dos GDR é que se vaia levar a cabo dentro dun concello con baixa densidade de poboación. Non obstante é complexo favorecer a todas as persoas que están nesta casuística, xa que os plans que se fan son a seis anos vista, e nese período temporal a situación demográfica do medio rural pode ter importantes cambios.

Un dos vehículos máis importantes para fixar poboación no rural é o emprego. Martínez recoñece que a xente nova busca novas experiencias e saír da súa comunidade habitual, pero tamén cree que se trata dun período (habitualmente unido a un proceso de formación) que tamén finaliza. Se aquelas persoas que xa contaban cunha ligazón co medio contan, nese momento de potencial retorno, con apoios para o regreso, será probable que o fagan. É preciso profundizar no análise dos recursos endóxenos que se teñen no medio rural para poder ofrecer tamén unha carta que ofrecerlles ás persoas que se achegan ao mesmo.

Falando sobre o futuro do medio rural, Elena recoñece que sempre existirán persoas que conten con experiencias negativas tanto ligadas ao mundo urbano coma ao mundo rural. Porén, para aquelas persoas que teñen unha actitude positiva cara ao rural e que se propoñen achegarse a vivir ao mesmo, revélase crucial un sistema de servizos de calidade, que atenda especialmente ás crianzas e ás persoas dependentes.

 

Identidade rural

Se Elena tivese que definir o medio rural sería a través da idea de calidade de vida e de tranquilidade. Non sería algo tanxible ou fácil de especificar, senón máis ben un sentimento que nace de terse criado e de ter feito vida no lugar. Defende o dereito aos traballos dignos como vehículo para desenvolverse profesional e persoalmente nun lugar, aínda que comprende tamén a necesidade de experimentar noutros lugares. Comprende que a maneira de ser das persoas debería ir tamén da man do lugar que se habita, de xeito que o lugar que se escolla se converta tamén nun xeito de estar no mundo.

É preciso deixar de impoñer o discurso da necesidade de emigrar para aquelas persoas que contan cunha alta especificidade de formación. Porén débese dar a coñecer o tecido empresarial do medio rural e incluso buscar novas experiencias fóra, noutros rurais alternativos. Cada vez son máis os mecanismos que permiten dar a coñecer os proxectos independentemente da distancia, e isto é algo que valora moita xente moza cando se reta a abrir camiño no lugar.