Quen é Rocío López Núñez?
Rocío López ambienta as súas historias en Estados Unidos, un lugar ben afastado da súa realidade cotiá. Habitante de Láncara, atopa en Nova York a posibilidade de viaxar por entre diversas formas de vida e adoptar así, coma se se tratase dun camaleón, a cor que precisa para cada escrito. A pesar de que se meta nas rúas da gran cidade para tecer historias habita o rural dun xeito próximo, consciente e amable.
Estudos e primeiros pasos
Rocío naceu en Monseiro de xeito literal, non houbo tempo de chegar ao hospital. A súa foi unha infancia que discorreu entre a escola unitaria de Monseiro e a casa. De aquela época garda un especial recordo de Remedios Iglesias, a súa primeira docente e a muller que lle transmitiu a vocación pola literatura.
A felicidade aparece no discurso pero acompañada dun sentimento de certa soidade. Os seus pais eran agricultores a tempo completo, polo que as saídas viñan fomentadas exclusivamente pola súa madriña. Filla única e unha das únicas nenas da súa idade que habitaban a contorna, creaba moito do seu ocio no seu imaxinario. Cando bota a vista atrás, Rocío considera que a infancia que ela tivo foi moi diferente da que están a ter os seus fillos, aínda que todas transcorran en contornas rurais. O cambio nas infraestruturas implicou moita máis facilidade para desenvolverse tanto nun ambiente rural coma noutro máis urbano. Recorda a súa nenez coma un momento de illamento, algo que ela non buscaba pero que lle viña imposto polas condicións do seu entorno próximo.
Tras o peche da escola trasladouse a Sarria para rematar a época de Educación Primaria e, posteriormente, continuou estudando no IES Xograr Afonso Gómez. Foi neste centro onde se mergullou nas amizades profundas e onde rematou de decidir que, no seu futuro laboral, sería mestra.
Fixo as maletas para voar ao campus de Lugo e estudar Maxisterio, aínda que despois decidiu non exercer. Rapidamente atopou emprego no sector do transporte en Sarria, onde se mantivo once anos tanto coma axudante coma xefa de tráfico. A crise do 2008 implicou un cese na actividade, xustamente nun momento no que ela se reincorporaba ao traballo despois dunha baixa por maternidade. Aproveitou aquel momento para acreditarse en Inglés Comunicativo e para certificarse oficialmente no idioma e tamén, e case sen querer, para comezar a escribir. O forte cambio de pasar de estar activa durante a maior parte do día a atoparse en situación de desemprego levouna a buscar ocupacións de diversas características. Aínda que o tempo de paro laboral durou soamente oito meses, a escritura tivo a función de permitirlle mergullarse naquelas cousas que a facían sentirse ben. Aquela primeira novela escribiuse coma un segredo compartido co seu compañeiro, pero nunca coa pretensión da publicación. Aínda que tamén aquilo rematou chegando.
Presente profesional: Literatura e Hostalaría
O proceso de edición da súa primeira produción foi, sen embargo, complexo. O feito de ser descoñecida facía que as grandes editoriais non lle facilitasen o acceso, polo que tivo que buscar outra plataforma para poder chegar aos estantes das librarías. O seu compañeiro axudoulle económicamente financiando aquela primeira novela que saíu ao mercado baixo o selo de Ediciones Albores (Sevilla). Puido mercarse tanto de xeito dixital coma físico, estando presente de xeito constante nas librarías próximas á súa localidade natal: Folla, en Sarria; Bende, en A Pobra de San Xiao; e Trama, en Lugo.
De aquela publicación, e como conta Rocío, fíxose “unha rosca”. Despois de regalar moitos libros a amizades comezou a recibir múltiples chamadas de agradecemento e de recoñecemento da calidade da produción. A súa xente animouna a facer unha presentación en Sarria na cal acabaría por involucrarse tanto a veciñanza coma as administracións. Mención especial merece a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Sarria, xa que lle prestaron un asesoramento fundamental. A primeira entrevista que deu Rocío López na CRTVG foi grazas a unha muller de Láncara (Rosa, xa finada) que a puxo en contacto coa súa filla, quen traballaba como periodista no medio. Gustáralle tanto o libro e levara tanta sorpresa ao ver que a escritora era tamén da comarca que precisaba apoiar na divulgación en todo canto puidese. Evidentemente o éxito estivo (e está) determinado polo traballo diario que hai detrás de cada novela, pero eses primeiros pasos como escritora beben moito dun importante compoñente comunitario.
Logo daquilo continuou escribindo e cambiou ao selo Angels Fortune, unha editorial dirixida por Isabel Montes. Ese acordo acollería, ata o curioso ano de pandemia, unha novela por ano. Posteriormente decidiuse a fundar (xunto con tres amigas) Uxía Servizos Editoriais para poder facer pola súa conta aquilo que facía noutras empresas. Baixo o selo ofrécense correccións, revisións, maquetacións e outros servizos editoriais. Sen embargo os libros de Rocío publícanse (actualmente) en Distrito 93, unha editorial tradicional que financia as súas creacións.
Rocío compaxina a súa actividade literaria cun emprego nun negocio de aloxamento e hostalaría en Sarria. Xa dende o ano 2020 descubriu que a motivaba moito a atención ao cliente polo que tratou de entrar no sector. Primeiramente atopou traballo no Camiño de Santiago en Triacastela, pero a Covid condicionou a apertura do establecemento, polo que ela tivo que continuar na busca. Finalmente quedouse no seu actual emprego, participando primeiro a días soltos e xa logo cunha xornada completa. A súa casa (Monseiro) atópase a 8 km do seu lugar de traballo, o cal agradece moito a nivel de conciliación.
Comunidade e recoñecemento
A pequena comunidade á que pertence López fai que non teña tanta competencia como podería noutro lugar máis poboado. Evidentemente isto non vai en detrimento da calidade do material producido, pero tamén ocorre que a persoa (por ser máis coñecida a nivel individual) xera un enganche maior entre a veciñanza. A comunidade tivo sempre un nivel de resposta importante e maioritariamente positivo, e iso fai que o sexto libro xa se atope á metade da súa escrita.
A cultura, entendida coma algo universal, debe potenciarse naqueles lugares onde hai máis dificultades para acceder a eventos. Nas cidades son múltiples as opcións de ocio existentes, mentres que no rural quizais non hai tanta variedade. Os gobernos locais (subliña) teñen unha materia pendente en termos de conseguir programar para a diversidade e de xeito máis continuo.
Rural e vida
Monseiro estivo, está e semella vai estar sempre no horizonte desta lancará. Cando casou co seu compañeiro (Ismael) ambos estiveron de acordo en permanecer no pobo, pero separando a súa vivenda da que ocupaban os pais e avós de Rocío. Isto foi especialmente sinxelo xa que na vivenda familiar había a posibilidade de arranxar un piso para que ocupara a parella de xeito exclusivo. Esa solución intermedia entre o que uns e outros querían permitiulles tanto levar unha vida independente coma continuar mantendo unha relación de apoio e proximidade.
Co nacemento das crianzas, os avós ocuparon un posto central na organización diaria, xa que tanto Rocío coma o seu compañeiro traballaban fóra do fogar. Esta facilidade para a conciliación foi quizais determinante para que se consolidase este patrón de vida. A realidade que habita esta muller está enchoupada de sentimentos de agradecemento, non só cara a xente senón tamén cara o medio. Afirma a capacidade da paisaxe para contribuír ao desenvolvemento persoal; a tranquilidade que ela experimentou dende nena é xa un aporte diario necesario, aínda que poida ter tamén a necesidade de achegarse ás urbes nos momentos de vacacións.
Autoestima e medio rural
En determinadas divulgacións continúase a tratar o medio rural cunha perspectiva propia de décadas pasadas. Cando se contrapoñen dúas realidades (coma a rural ou a urbana) coma se formasen parte de dous polos illados, chégase a que unha das dúas se sitúe nun chanzo superior á outra. O factor económico intermedia de xeito notable na valoración das ocupacións, e os baixos prezos que dende vello vén arrastrando o sector primario trouxeron consigo unha eiva na autoestima e no autoconcepto.
Precisamente polo seu traballo, Rocío ten contacto case a diario con persoas que transitan polos camiños que van a Santiago. Esa xente (na maior parte dos casos) coincide no énfase que fai das zonas máis rurais da nosa comunidade. Con asiduidade valoran a beleza, o coidado e a vida que presentan os pobos, e expresan o contraste experimentado entre ese rural imaxinado e o outro real.
Na educación está unha das claves para coidar o apego e a capacidade para valorar as realidades rurais. Aínda lembra, Rocío, a súa infancia coma un momento no que as crianzas da súa contorna se sentían inferiores a aquelas outras que estaban conectadas coa diversidade. Pero contrasta esta opinión popular coa súa propia, a cal estivo claramente influenciada polo respecto e o cariño que lle transmitiron pola súa casa. Como lembra María Sánchez en Tierra de mujeres a maneira de habitar o medio pasará por “crear un vínculo e por alimentalo”.
Identidade rural
O rural, na mente da escritora e da persoa, tradúcese coma un modo de vida. Unha realidade enchoupada tanto de cuestión positivas coma doutras que non o son tanto, como ocorre en calquera parte do mundo. É preciso ollalo de fronte e recoñecerlle o papel crucial que xoga na sociedade; hai que defendelo para melloralo e para impedir o illamento. Hai que defendelo por xustiza pero tamén por necesidade social.