Quen é Nieves Medina?

Nieves é unha das socias fundadoras de Conservas Artesás Curricán. Ademáis disto é madrileña de nacemento pero burelá por escolla. Defende que o movemento se defende movéndose, que os cambios hai que impulsalos día tras día e que o convencemento é imprescindible para embarcarse en calquera actividade que se preste.

 

RL

 

 

Regreso ao rural e nova etapa laboral: Curricán

A vida en Madrid era, para Nieves, sinónimo de présa, o cal se acentuou co nacemento do seu fillo. Nese punto, xunto coa súa parella, comezou a buscar un pobo para levar a cabo a crianza no medio rural. Parella de persoa galega, Burela achegóuselles coma un lugar onde se conxugaban servizos básicos (hospital e educación). Esta madrileña, profesional da arquitectura de interiores, atopouse nunha nova comunidade en plena crise do sector da construción. Quizais o feito de contar con algo máis de tempo do que habitualmente dispoñía lle permitiu observar doutro xeito un bote de bonito en conserva que lle caeu nas mans. Pareceulle alto tan exquisito que comezou a interesarse por facelo para o consumo da casa e incluso para repartir entre as amizades. Anos despois coincidiría mantendo unha conversa sobre este produto con Nuria Carreño (antiga socia da conserveira), e comezaron a idear a posibilidade de sacar algo a cambio de aquilo que elas sabían facer. Chegaron a aburrirse das chamadas e das visitas que fixeron para atopar o tipo de asesoramento administrativo que elas precisaban, pero comprendían que aquel era un traballo de fondo para poder erguer un negocio cunha base sólida. “De súbito”, como di Nieves, chegaron a José Mouriño Cuba, antigo funcionario da Consellería de Medio Rural, e a outra persoa desta mesma consellería, e despregaron a súa idea. Puxeron enriba da mesa a paixón e o saber e tamén un bote de conserva, sabendo que non había ningunha outra iniciativa semellante. Se ben na zona había dúas factorías de gran tamaño (Albo e Alonso), non existía nada a nivel artesán. Aquel asesoramento axudoulles a despegar e a xestionar as cuestións sanitarias, o que levou ás socias a moverse a un polígono e a crear o seu actual obradoiro. Durante un ano traballaron para comezar, e é algo que Nieves considera importante contar tamén para que as persoas que están comezando recorden que é un proceso longo no que é importante non desistir.

 

RL

 

Un dos conflictos máis importantes cos que se atoparon as socias, no ano 2011, foi coa ausencia dunha lei sobre artesanía alimentaria. Nese sentido hai unha importante eiva respecto doutros países pero tamén doutras autonomías, o cal impulsa a moita xente a empregar a palabra “tradicional”. Crearon, daquela, Currimar, conservas tradicionais. Xa posuíndo unha marca e sabendo traballar un produto, Nieves e Nuria comprenderon que precisaban un terceiro punto de apoio que se encargase, sobre todo, da comercialización e márketing. Así apareceu Placer Rodríguez, asturiana e tamén arquitecto de interiores.

Conservas Curricán comezou a andar un dezaseis de Xullo do ano 2012, seguramente sabendo que, na data dese principio, se acubillaban baixo a protección da patroa da xente do mar. Dende o ano 2016, Nieves e Placer dirixen a empresa co firme propósito de avanzar e de defender a calidade do produto das nosas costas. Tras o bonito chegaron ás conservas de polbo ou ás ostras.

 

Formación e sector primario

No mar está evidenciándose moi pouco relevo xeracional, entre outras cousas polas condicións laborais que implica a faena. Aínda así, Medina cree que é necesario promover formacións actualizadas, que teñan en conta a oratoria, o márketing ou as novas tecnoloxías. É crucial ser multidisciplinar e saber un chisco de todo aquilo que implica o traballo de cada quen. Explica a importancia de analizar as fortalezas e as debilidades propias, e non quedarse fóra dos cambios que se están a producir.

 

RL

 

Unha parte da formación é a que nace de indagar o mercado e comprender as iniciativas que xa están funcionando. A copia non funciona ben en ningunha actuación, pero sí que é necesario comprender cales son as tendencias actuais do mercado. Así mesmo, as ideas é necesario nutrilas, e deixarlle tempo á planificación e á inventiva, case coma se fose un traballo en sí mesmo.

 

Emprendemento e medio rural

Os primeiros pasos de Curricán, recorda Nieves, foron difíciles e convulsos. Cubriron a primeira campaña de bonito e, logo, comezou o complexo: a comercialización. A día de hoxe seguen considerando que, vender, é o máis complexo de toda a súa actividade económica. Para unha empresa que pretende colocar o que produce en toda España e tamén no estranxeiro é imprescindible abrir portas de acceso a mercados diversos. Xa dende o principio se apuntou a un mercado gourmet, o que pon de manifesto o crucial que é dignificar e poñer en valor aquilo que se produce. Curricán envasa bonito do norte de primeira liña, capturado mediante pesca artesanal, algo que sempre se lle mostrou á persoa consumidora. Unha conserva de bonito permanece, como pouco, seis meses en conserva, polo que Nieves considera que á xente non só hai que informala sobre cómo montar un obradoiro, senón co feito de facer un plan de viabilidade de negocio a medio e longo prazo. Recoñece importante a axuda económica que o seu negocio obtivo a través do GALP (Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro), pero antepón a esta toda a labor de consello que se levou a cabo dende o grupo mencionado.

 

RL

 

Vender a primeira partida de bonito pasou por facer un listado de tendas galegas e madrileñas, e presentar o produto a porta fría. Dende o principio, tendas como A Sucursal (Lugo) creron na calidade e nas posibilidades dunha conserva tan especial. Sen embargo, se hai un adxectivo que podería definir ás mulleres curricanas, sería a afouteza. Nalgún momento, alguén lles comentou que as súas conservas deberían estar no Clube do Gourmet de El Corte Inglés, e a día de hoxe Curricán ocupa as baldas da sección de todos os centros de España.

En Curricán apostouse por aparecer en feiras gourmet (tanto nacionais coma internacionais) o que trouxo distintos recoñecementos, entre eles o premio ao “Mellor proxecto europeo” (FARNET), no ano 2015. No ano 2019 concedéronlles o galardón á “Excelencia á innovación para mulleres rurais”, dende o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Nieves pregúntase e respóndese sobre o sentido de todas estas distincións, que considera que pasa por darse a coñecer e continuar traballando na visibilidade do negocio. A súa experiencia determina que onde hai un maior nivel de vendas é en Madrid, aínda que Galicia está comezando a medrar tamén neste eido (a través de o Fórum Gastronómico A Coruña).

En definitiva, considera que aquela persoa que se lanza a emprender debe crer no que vai producir, xa que iso será algo que se transmita en todas as comunicacións que se fagan.

 

Muller e medio rural

A colaboración entre persoas aparece como boia no mar que é Curricán. O aprendizaxe dos primeiros botes de bonito viñeron de mulleres da comunidade que lle ensinaron a Nieves ou a Nuria. Na entrada ao mercado da ostra decidiron colaborar coas mariscadoras do Porto do Barqueiro, algo que lles permitiu tamén a esas mulleres darlle saída a un produto que estaba comezando.

Aínda que dentro da conserveira están as mulleres traballando o peixe, o mundo da conserva está aínda masculinizado. Cando chegan os palés de vidro da man de algún operario descoñecido, sempre lle preguntan a Nieves se será capaz de subir a rampla de acceso, ao que ela responde: “No somos machos, pero somos muchas”. Recoñece que estes son os menos dos casos, pero que aínda queda moito camiño que abrir.

 

RL

 

A conciliación, baixo o punto de vista desta muller, é difícil no urbano e no rural e pasa, na maior parte das ocasións, polo coidado interxeracional. Ve este aspecto como un reto social urxente que, de non ser tido en conta, non permitirá un desenvolvemento pleno das persoas. Mira a dentro e recoñece que o feito de que as mulleres ostenten figuras de poder ou xerencia debera ser un factor de protección para o desenvolvemento humano.

 

Despoboamento e medio rural

Curiosamente, ademais da calidade indiscutible das conservas, algo que fixo que os consumidores conectasen con Curricán foi a historia destas tres mulleres, que no fondo se estaban atrevendo a retornar a unha comunidade foránea para establecer, máis ca un negocio, un proxecto de vida.

Nuria recorda a acollida comunitaria como un proceso estupendo, que lle axudou moito a botar raíces no lugar. Lembra botar de menos o cine pero tamén atoparse coa realidade de que, en Burela, o tempo transcorría de xeito diferente; tal e como ela narra, atopábase na cidade das oportunidades sen ter tempo de desfrutar de ningunha.

Atopouse, na chegada a Galicia, con que a súa veciñanza lle abriu a porta da casa e con que xa nunca máis viviría sen mar. Invariablemente, cando se fala de medio rural, aparece a cuestión do vínculo que xera a paisaxe, e isto é o que precisamente retrata Nieves. Conta o mar pasou a ser un elemento determinante no seu día a día, motivo polo que lle sería complexo retornar ao interior. Pon o énfase en cómo a Internet destruíu as fronteiras e facilitou o asentamento en comunidades que, anos antes, serían máis complexas de habitar.

 

Identidade rural

O medio rural, para Nieves, é sinónimo dunha nova vida que decidiu nun cambiar por ningunha outra. Analiza a realidade e cree que hai un proceso de venda das grandes cidades, magnificando as dificultades das áreas máis pequenas. Non rexeita as cidades segundo o momento vital: cree que a crianza, en idades temperás, é mellor en núcleos pequenos, e que as urbes son positivas no proceso de crecemento da xuventude. As aldeas, para ela, non son puntos illados senón que se están a transformar en redes globais que, independentemente dos lugares nos que se asentan, comparten moitas cuestións de base.