Quen son Chusa Expósito e Carmela Valiño?

Xa van máis de vinte anos dende que Chusa e Carmela chegaron á aldea do Coto coa idea de botar a vista á terra. O concello de Palas de Rei (onde se atopa O Coto) limita coa provincia de A Coruña e ten case unha situación céntrica na xeografía galega. É unha curiosa metáfora que resume ben as dúas visións existentes sobre o rural: extremo e núcleo.

 

RL

 

Carmela Valiño: estudos e primeiros pasos profesionais

Nada en Barcelona (filla de emigrantes), regresou aos 12 anos a Melide, onde viviu ata os 18 anos, momento no que se mudou a Santiago de Compostela para estudar Bioloxía. Logo de rematar a carreira fixo unha época de viaxe por Europa e, ao retorno realizou (xunto con Chusa, amiga súa da infancia) unha formación de creación de empresas. Daquela idea naceu a Cooperativa Milhulloa.

 

Chusa Expósito: estudos e primeiros pasos profesionais

Chusa naceu no Coto, xusto na casa que se ve cando se entra na sede de Milhulloa, igual que o seu pai. A casa, de 1890, acolleuna ata os 18 anos, cando escolleu Santiago de Compostela para estudar Farmacia. Na época universitaria Chusa e Carmela continuaron a vivir xuntas e, ao regreso desta última realizou a formación anteriormente citada. Á metade da mesma decidiron que o proxecto non permanecese soamente no papel, e lanzáronse ao emprendemento no ano 2000. Xa no ano 1999 (ano Xacobeo) puxeran un bar na casa de Chusa, por diante da cal pasa o Camiño de Santiago. Aquilo, que lles permitiu comprobar a súa compatibilidade laboral, foi unha maneira de fixarse na situación de abandono da casa familiar. A propietaria decidiu recuperar unha construción que estaba rodeada de dez hectáreas de terreo e poñer todos estes recursos ao servizo da idea empresarial.

 

Retorno ao rural e emprendemento: Milhulloa

A idea de negocio que estas dúas mulleres asentaban nos papeis tiña unha base tanxible e real. O que hoxe é a oficina, a sala de selección e o secadeiro era, no ano 1999 a cuadra das vacas. Xa dende o principio se propuxo unha remodelación das estancias dándolle especial importancia ao secadeiro, xa que o clima galego dificultaba a conservación das plantas medicinais. A isto sumóuselle un laboratorio rural.

No ano 2001 comezaron a traballar co obxectivo principal de recuperar a produción en ecolóxico. O principio foi complexo (moi complexo, subliña Carmela), xa que aínda que tiñan moita forza e paixón habían de vir dificultades na colleita e na comercialización. Logo de sementar case as 10 hectáreas da casa atopáronse con importantes eivas para recoller o seu produto. Primeiramente probaron a facer esta colleita con maquinaria agrícola, o cal lles deixou unhas importantes perdas, chegando soamente a aproveitar 10 quilogramos de plantas. Logo decidiron pasar á recolleita manual (o que lles valeu, entre a veciñanza, o sobrenome de Heidis, en referencia á personaxe de ficción que habita unha aldea dos Alpes), pero aquilo impedíalles facer unha comercialización a grande escala. Feito o traballo de sachado, limpeza das malas herbas e secado, a repercusión económica que obtiñan da venda directa das plantas era mínima.

Isto propiciou que, no ano 2003, se desen de alta como industria agroalimentaria coa idea de facer o proceso completo ata chegar ao mercado. E alí comezou outra aventura.

Aínda que o cambio foi a mellor, xa que había máis beneficio económico, eran unha marca totalmente descoñecida. Por unha banda, Milhulloa non soaba en ningún mercado e, por outra, fai vinte anos non había case costume de tomar infusións, nin no fogar nin na restauración. Achegábanse ás tendas (dentro das cales case non había ningunha especializada en ecolóxico) para deixar un produto que adoitaba quedar en depósito.

“O golpe” veu cando conseguiron situar as infusións en A Casa das crechas (Santiago de Compostela) o cal, lembra Chusa entre risos, conseguiron porque lles explicaron que “se elas levaban media vida tomando copas no local era xa o momento de que eles tomasen tamén infusións”. A xente comezou a probar alí as infusións e aquilo abriu un importante escaparate á venda tamén en tendas. A pesar de aquel pulo, as contas aínda non eran todo o positivas que deberan. Ao feito de que o secadeiro estaba parado a maior parte do ano (xa que as plantas medicinais eran estacionais) sumouse unha proba que fixeron, para axudarlle a un amigo, en deshidratación de espinacas. Logo foi Carmela a que propuxo probar cos grelos e, tras facer as probas necesarias, comercializárono.

 

RL

 

Aquilo foi todo un cambio que espertou moita curiosidade entre as e os consumidores. Ademais da novidade era moi difícil diferenciar o fresco do deshidratado en canto a calidade, ao que se sumaba a facilidade para o transporte e a cociña. Os grelos de Milhulloa teñen o apelido “viaxeiros” e é que hai moitas persoas que envían o produto a xente emigrada. A morriña acentúase en épocas coma o Entroido, cando os cocidos invaden os fogares de moitas localidades de España. Hai moitas outras persoas que, aínda residindo en Galicia, compran o produto xa preparado debido ás facilidades que presenta.

A cosmética chegou despois. Marta Álvarez (xerente de Casa Maruxa) contactou con Milhulloa para propoñerlles facer algún produto cosmético arredor do leite das vacas. A actividade que propoñían non se axeitaba a ningún tipo de subvención polo que foi a propia empresa a que financiou as investigacións e os análises pertinentes. Presentaron a liña de cosmética galega feita con leite ecolóxico no Castelo de Pambre e, con toda a cantidade de leite corporal que venderon aquel día, pagáronlles ás persoas que foran axudar e ao laboratorio. Así naceu Muuhlloa.

A Milhulloa sumouse tamén Anxos Ortigueira. Hoxe non se podería dicir qué liña se demanda máis na cooperativa, pero o que está claro é que as plantas (ben sexan medicinais ben sexan de fins alimentarios) conseguiron consolidarse como liña fundamental de mercado.

 

RL

 

Tendencias de mercado

Moitas e moitos consumidores prefiren os produtos que requiren pouco tempo de elaboración ou que xa veñen preparados para o consumo, pero buscan tamén aqueles que teñen un selo ecolóxico. Valorando os últimos vinte anos de traballo observan que se produciu un incremento exponencial da demanda deste tipo de alimentos ou materias.

Milhulloa foi participante da Vegana 2021 (a primeira Feira vegana e sostible de Galicia), e alí observaron a alta concienciación que hai en determinados grupos sociais en canto á xestión medioambiental e dos residuos. Doutra banda son moitas as persoas que están a desenvolver alerxias ou intolerancias derivadas de determinados compoñentes alimentarios, o que fai que se propicie o achegamento ao ecolóxico.

Hai proxectos a varrer na mente destas mulleres da Ulloa, pero recoñecen que unha das súas eivas é o financiamento. As xente de ata 35 anos estáse a consolidar como clientela estrela da marca, e é imprescindible continuar innovando para responder ás demandas do mercado.

 

Investigación, coñecemento e sector primario

Milhulloa tivo sempre presente que a investigación debería ir acompañando os pasos que deran. Rosa Romero Franco (Universidade de Santiago de Compostela) foi un alicerce fundamental para esta cooperativa. Estableceron un convenio de colaboración co departamento de Produción Vexetal da Escola Politécnica Superior de Lugo (da USC), xa que detectaban que tiñan moitas carencias formativas sobre o proceso de cultivo. Os coñecementos agronómicos permitían avanzar máis rápido e non sobre dimensionar.

Outra das axudas principais veu da man da veciñanza que coñecía o lugar e as asesoraba tanto sobre a maneira de plantar coma a cerca dos lugares que eran máis propicios para determinadas especies. Foi tamén a propia Universidade quen lles recomendou falar cos veciños para comprender mellor o terreo, xa que ao principio custáballes visualizar as 10 hectáreas coma unha agrupación de diversas características.

Rural e emprendemento: conexión cara o futuro

Milhulloa é exemplo da investigación Nova ruralidade e xeración de discursos sociais dende o ámbito produtivo: pastoreando significados (Querol, Ginés e Aparici, 2019). O modelo de negocio traspasa as fronteiras da individualidade e usa as credenciais universitarias como un punto de partida dende o que poñer en valor o saber do lugar. Aproxímanse a unha nova idea de desenvolvemento: o desenvolvemento nexóxeno (termo de Bettina Bock, 2016). Esta idea pon no centro a aquelas persoas (elas serían o nexo) que saíron do rural e decidiron regresar ao mesmo, traendo consigo coñecemento e información. Lonxe de permanecer nas producións máis tradicionais, explórase o trinomio recuperación-conservación-innovación, levando o produto escollido a un mercado globalizado.

Isto non é máis (nin menos) ca unha importante dose de orgullo rural pero tamén de orgullo por traballos históricamente femininos (os relacionados coa cosmética) que permaneceron no esquecemento. Reivindícase, a través deste modelo de emprendemento, un saber máis intelectual, transmitido habitualmente baixo un formato matriliñal e propio dos círculos familiares.

Houbo moitos momentos de barallar o cese da actividade, máis en todos eses puntos de inflexión sempre aparecía a figura dos premios para sementar o Coto de afouteza. Como expresa Chusa, os premios económicos son inxeccións directas para un negocio que, como era o caso de Milhulloa, xa esgotara as vías de apoio a través das subvencións.

Identidade rural

Chusa e Carmela non só crearon a súa iniciativa empresarial no rural se non que tamén implantaron no mesmo a súa tenda. Buscan que os consumidores se acheguen á Ulloa para facer as súas compras e apoiar así o Km0. É preciso atraer persoas ao rural, ben sexa como visitantes ben sexa como poboadores. Como explica Carmela: “O feito de que haxa xente implica tamén unha vida social, non estamos illadas. Se estiveramos soas? Isto sería imposible.”

De novo, a rede. A rede que atrae, que sostén e que impulsa. A rede desa xente que chama por outra para artellar vida no lugar que se desexa.