Quen é Chelo López?
Chelo voltea, con agarimo, os queixos que fai dende a Gandería Quintián (O Páramo), pero polas súas mans pasa tamén a necesidade de aprender novas maneiras de facer e producir. O seu pensamento non para no lombo das vacas de leite da explotación, senón que viaxa pola comarca de Sarria, pola provincia e sae dos límites da nosa comunidade. Reflexiona sobre o medio rural e sobre as necesidades do mesmo á vez que viaxa por outros territorios.
Estudos e primeiros pasos profesionais
Chelo López naceu en 1974 en Cendoi (O Páramo). Na época na que ela foi á escola as crianzas debían desprazarse fóra do concello debido a que non existía este servizo educativo na proximidade. Cendoi enviaba as cativas e os cativos á escola a Portomarín, mentres que a outra parte do concello ía á Pobra de San Xiao.
Chelo defínese coma “unha nena da aldea” con raíces fondas na mesma. Seu avó era carpinteiro e súa avoa ocupábase das tarefas da casa; tiñan unha pequena propiedade na que había o gando necesario para subsistir. A nai e o pai de Chelo (que vivían na casa materna desta) traballaban en Lugo e ían e viñan todos os días dende a capital ata Cendoi, algo que á propia Chelo lle facilitou o feito de estudar en Lugo.
Decantouse por unha Formación Profesional en Xestión Administrativa, decisión que hoxe pensa que tomou en parte debido ás expectativas que as institucións educativas tiñan sobre ela. Cando rematou a formación realizou un período práctico nunha xestoría e, posteriormente, matriculouse en Relacións Laborais en A Coruña, aínda que aos poucos meses deixou os estudos debido a que lle ofreceron unha vacante na xestoría.
Administración e gandería: medias xornadas
Estivo durante 14 anos traballando naquela empresa, durante os cales (a nivel familiar) casou co seu compañeiro Julio López e tivo dúas cativas. Aínda que escolarizaron ás nenas en Lugo por facilidade organizativa, a familia viviu sempre en O Páramo, na casa familiar de Julio. Ao tempo que Chelo facía horas como administrativa estaba incorporada á gandería dende o ano 2006 (momento no que se xubilaron os seus sogros), a cal xa era de leite. Aquela actividade, iniciada nos anos 60 polos avós de Julio, foise transformado co paso do tempo co fin de incorporar os principais avances tecnolóxicos. Chelo e Julio construíron xa de primeiras unha nova nave e incorporaron un sistema de robotización do muxido das vacas.
No ano 2008 a parella fixo unha viaxe a Elizondo (Navarra) para ver o funcionamento dunha pequena gandería de leite que combinaba a actividade gandeira cunha casa de turismo rural. O motivo de achegarse a aquela realidade era que ambos se atopaban sós á fronte da explotación, polo que querían ver xeitos de diversificar a actividade e de transformar o produto. Chelo coñecía a dinámica gandeira a nivel testemuñal, tanto polos pequenos contactos que tivera coa mesma na casa dos seus sogros coma na súa propia. Sen embargo era consciente das dificultades económicas relacionadas coa venda e a produción do leite, polo que se interesou por outro tipo de mercados.
Os seus coñecementos de administración axudáronlle tanto para levar a contabilidade coma para solicitar axudas e permisos para acondicionar un vello local como sala de envasado de leite. Comezaron envasando en depósitos de aceiro e tamén en bolsa para obradoiros, e aquilo a xa levou a ocupar completamente a xornada laboral na gandería. Se ben aquela foi unha ocupación importante, foi complexo buscarlle un mercado ao produto, xa que moi poucos establecementos estaban interesados no leite fresco. Sen embargo, dende a gandería sabíase que o leite era dunha calidade extraordinaria, polo que non dubidaron en ser persistentes á hora de buscar acordos comerciais.
Chelo descoñecía as particularidades do proceso de comercialización, pero sí recoñecía nela mesma habilidades comunicativas para a venda, polo que se animou coas visitas a establecementos.
Gandería e queixería
Pouco a pouco a venda de leite foise consolidando e Quintián foise convertendo nunha marca coñecida e consolidada. Daquela, un cliente invitou a Chelo e a Julio a unha quedada queixeira en Valladolid (Medina del Campo), e alí tomaron contacto con compañeiras e compañeiros de sector e tamén con distribuidores. Aquel mundo entusiasmou a Chelo, polo que decidiu anotarse a monográficos formativos, xa que aínda que lles vira á súa avoa e tía avoa facer elaboracións detectaba que precisaba ampliar coñecemento. A aprendizaxe tamén se baseou moito nas probas, nos ensaios e nos erros. Se ben se procuraba un queixo de calidade, tamén se buscaba que tivese unha estética que acabase por ser un signo de identidade.
A medida que os queixos foron collendo forza, foi preciso realizar unha construción para poder acoller a nova actividade. O queixo a facer precisaría de moita humidade para a súa maduración, polo que houbo que barallar moitas opcións construtivas que desen solución a este feito pero que, á súa vez, quedasen integradas na paisaxe. A idea de crear unha cava de maduración uniuse perfectamente á presenza dun xacemento de auga que se atopou cando se fixeron os primeiros movementos de terra. Finalmente conseguiron facer a primeira queixería galega baixo terra, obtendo uns resultados sobresaíntes.
O 1 de marzo do ano 2020, gandería Quintián sacou a súa primeira remesa de queixos, pero pouco tardou Chelo en apagar as luces da cámara de maduración, xa que a Covid interferiu na actividade. Sen embargo, pouco despois empezaron a recibir pedidos e o seu produto comezou a viaxar tanto por Galicia coma por España.
Transformación, conectividade e medio rural
Chelo observa un importante cambio no rural que ela viviu en comparación co que habitan as súas fillas. Na súa nenez e adolescencia, o seu pobo estaba moito máis illado do que a ela lle gustaría, o cal lle supoñía unha serie de limitacións no tempo de lecer. Querendo loitar contra o illamento e reivindicando a conexión entre os territorios, dende a gandería Quintián procúrase facer promoción de toda a provincia e, particularmente, da comarca.
Outra cuestión importante nesta actividade foi o contacto que se procurou con outras iniciativas empresariais. A idea de madurar os queixos nunha cava provén de visitar diversas iniciativas que traballan con leite de cabra, vaca e ovella. Estiveron tamén na cova de Teyedu (Picos de Europa), onde madura o queixo da variedade cabrales elaborado por Pepe Bada, e foi precisamente el quen lles explicou a importancia de contar cun xacemento natural de auga no canto de forzar esta condición de xeito artificial.
Felicidade e emprego
Dende a súa queixería no Páramo, e mentres envolve queixos en papeis de cor branca aos que, con coidado, lles coloca unha etiqueta de cor, Chelo reivindica que a sociedade se cuestione máis sobre o que é a felicidade. Xeralmente atribuímos o benestar a un determinado estatus social, esquecendo así outras realidades igualmente importantes.
Xa dende nena gozaba de observar o paso das estacións, de observar o ceo na noite,... de, en definitiva, desfrutar da posibilidade de vivir conectada coa contorna. Defensora da particularidade do lugar que habita, denominou o seu lugar como “o balcón á natureza” precisamente para lembrar a importancia de erguer os ollos cara o horizonte. Aínda que ao principio na gandería traballou máis horas que no seu anterior emprego, o peso emocional que quedaba era positivo. No fondo, naquelas horas de dedicación, había unha intención moi clara: impulsar unha actividade que permitise vivir con calidade pero que tamén fose quen de poñer en valor a contorna e o medio rural.
Emoción e educación
Algo que se busca (e se consegue) dende Quintián é devolverlles ás persoas as memorias (as lembranzas do leite tomado na casa dos avós ou dos pais) e axudar a construír outras novas. Nesa nova creación ten unha importancia capital o contacto que a queixería ten con centros de ensino e visitantes en xeral. As crianzas que visitan Quintián son diversas, como tamén o son as súas inquedanzas e dúbidas. Algunhas descoñecen por completo o sector, mentres que outras o viven máis de preto. O fío do discurso en calquera visita avanza pola necesidade de coidar o sector primario, idea que engancha ben co pensamento colectivo cando se menciona a época da pandemia a crise alimentaria que se experimentou.
Dende a cava subterránea explícase por qué é importante coidar o medio natural, así como tratar de vivir en contacto con espazos o menos artificiais posibles.
Futuro e medio rural
Chelo considera que o futuro deberá pasar pasar polo regreso físico e tamén pola chegada (porque neste eido aínda non se regresa) a un sistema de valores que coide de aspectos tan esenciais como a ecoloxía, a corresponsabilidade ou a afectividade.
Este retorno non debe estar confrontado cos avances tecnolóxicos que permiten levar unha maior calidade de vida tamén no medio rural. Neste senso debemos mirarlle á realidade cunhas lentes lixeiras de idealizacións, comprendendo que as estruturas de organización familiar variaron respecto das que databan dos anos cincuenta. Hoxe en día é cada vez menos habitual que os fogares os habiten familias extensas, o que implica (entre outros) unha menor man de obra. Por este motivo non se pode perseguir aquela organización do sistema dos anos cincuenta ou sesenta.
A tradición non debe darlle as costas aos avances e sistemas de mellora, os cales permiten en último termo que as persoas que están detrás do traballo poidan ter unhas mellores condicións laborais. Os queixos de Quintián son volteados un a un de xeito manual, o cal non veta que as vacas sexan muxidas empregando un sistema de intelixencia artificial. Un dos seus queixos chámase Agarimo, nome que lembra ás avoas e ao proceso de coidado co que elaboraban este alimento.
Identidade rural
Para Chelo o medio rural é silencio e riqueza persoal. Non se debe esquecer que na terra está a memoria e tamén a identidade individual e social. O rural é tamén o apoio entre persoas; aínda que viaxamos cara o individualismo é indispensable a comunidade para desenvolvernos como persoas.