Quen é Anjhara Gómez?

Anjhara é avogada laboralista de profesión pasada e reposteira de profesión presente. No medio dese cambio vital apareceu un forno en Vilanova (O Corgo) e tamén a necesidade de regresar ao punto do que partira na súa nenez.

 

anjhara

 

Estudos e primeiros pasos profesionais

Anjhara sempre viviu a cabalo entre Lugo e O Corgo. A súa familia materna tiña unha fábrica de curtidos en A Tolda de Castela, a cal estivo en funcionamento case ata os anos 60, pero tiñan raíces en O Corgo. A familia paterna estaba asentada en Baleira, polo que Anjhara criouse cun pé na cidade e con outro pé na aldea. Ata os 5 anos viviu en Vilanova (O Corgo) cos seus avós maternos, feito que ela considera que contribuíu a poder dicir hoxe que tivo unha nenez afortunada. Coa entrada na escola trasladouse a Lugo cidade xunto cos seus pais, pero sempre se coidou o vínculo coas aldeas.

Xa en idade universitaria marchou a Compostela para estudar Dereito, cidade na que tamén traballou varios anos como avogada. Posteriormente regresou a Lugo, onde continuou exercendo ata o momento no que quedou embarazada. Naquel momento todas as horas que se facía indispensable botar no seu posto laboral comezaron a ser incompatibles co tipo de crianza que ela quería darlle ao seu fillo. Por este motivo deixou o despacho ata que o seu cativo cumpriu case os tres anos, momento no que decidiu reincorporarse.

Non obstante había xa particularidades da súa realidade como avogada laboral que non acababan de satisfacela persoalmente. Así, nese proceso de busca da identidade profesional, botou a vista atrás e lembrou o forno da casa.

 

Regreso ao rural: O forno de Vilanova e Castanae

A casa da avoa era unha desas grandes casas de labranza: un conxunto agrario típico do século XX con dependencias como palleira, bodega ou forno. A rehabilitación do antigo forno de pan implicou adecuar a estancia ás normativas sanitarias para poder operar. Criada nunha familia de moita tradición culinaria decidiu empregar tanto esas receitas herdadas coma aquelas outras de colleita propia para procurar un futuro económico. En Decembro do 2015 fíxose a primeira fornada que habería de cubrir aquela campaña de Nadal e, dende aquela, xa non volveu arrefriar.

A empresa (Castanae) abriu coas roscas de castaña e cos polvoróns. As roscas, que conteñen castaña fresca, teñen unha data de caducidade moi curta, o que fai que vaian moi ben para a venda directa pero non tanto para o reparto en tendas. Por este motivo agora mesmo a produción está centrada nos polvoróns, podendo ser factible a chegada de novas creacións no ano vindeiro.

O proxecto foise creando de xeito paseniño aínda que con moitos avances positivos. A xente que probaba o produto remataba por facerse compradora habitual do mesmo pero tamén por espallar (mediante a técnica do “boca a boca”) a marca entre as persoas coñecidas. Aquel crecemento progresivo permitiulle a Anjhara organizar o seu tempo de traballo e continuar dedicándolle tempo á crianza.

O proceso de consolidación da súa marca comezou pola aparición en pequenas tendas. Posteriormente xa entrou a formar parte dos produtos ofrecidos dende O Club do Gourmet (El Corte Inglés), algo que lle deu importantes azos económicos. O proceso de incremento e consolidación da clientela continúa avanzando, pero sempre dentro das posibilidades e da tipoloxía do negocio. O feito de que o seu sexa un forno artesanal implica que todo se fai a man e que existe unha produción limitada. Non se pretende industrializar a produción senón potenciar aquilo que é distintivo desta pequena empresa: a calidade. 

A vida diaria comeza cando Anjhara entra á aldea, a primeira hora da mañá e despois de deixar ao seu fillo na escola, e pode participar da tranquilidade de Vilanova. O traballo manual non é o único que hai detrás desta iniciativa (a carga administrativa é tamén grosa), pero sen dúbida é o que ela recoñece como máis satisfactorio. Ese traballo feito coas mans ten a capacidade de permitirlle á persoa expresarse, conectarse coa terra e coa esencia persoal.

 

 “Ruralidades” e emprendemento

É importante recoñecer a diversidade dentro do medio rural, de tal xeito que case existen máis as ruralidades que a homoxeneidade. Sinala Gómez que non é o mesmo vivir en O Corgo ca en Folgoso do Courel, coa intención de exemplificar a facilidade que ela ten para achegarse dende Lugo ao forno.

Pon o énfase nestas aldeas próximas aos núcleos grandes (sen ir por iso en detrimento daquelas outras máis afastadas) co obxectivo de recordar que son curiosas as eivas que aínda se rexistran. En Vilanova non hai cobertura de Internet, feito que dificulta de xeito notable tanto os asentamentos de carácter laboral coma residencial.

 

Muller e rural

Se as mulleres tivesen un só “papel” na historia seguramente sería aquel que vai parello á inventiva que permite superar as necesidades. Aínda que Anjhara non cree que haxa unha única motivación para o emprendemento feminino sí cree que este está moi relacionado coa necesidade de crear un espazo laboral xusto e adaptado ás necesidades.

Como avogada laboralista é consciente de que as posibilidades de empregabilidade das mulleres e os salarios percibidos por estas son menores cás cotas rexistradas no sector masculino. A igualdade de condicións será máis sinxelo que consiga o emprego un home debido a que non se lle presupoñen baixas ou necesidades relativas aos coidados de outras persoas. Ante esta realidade, elas buscan a maneira de obter ingresos dunha maneira respectuosa coa súa vida diaria. A paridade é unha meta que aínda se sitúa lonxe das nosas metas, aínda que se loita a diario e dende diversos eidos. Concretamente Anjhara traballa nun proxecto cultural da Rede Museística chamado Recolectoras: memorias da terra, que pretende interpretar o rural en termos de comprensión, irmandade e sororidade. Comprender a educación e as traxectorias vitais é imprescindible para situar os discursos femininos nunha perspectiva de entendemento e de crecemento. 

 

Autoestima, cultura e medio rural

Houbo persoas que sí se cuestionaron os motivos polos que Anjhara querería cambiar os ollos polo rabo deixando a súa actividade no bufete para regresar ao rural. Considera que é necesario traballar o prexuízo relativo ao nivel formativo das persoas que habitan o rural, difundindo a realidade do terreo: son moitas as persoas con diversas formacións que buscan achegarse a ese tipo de espazos como xeito de adquirir unha certa calidade de vida.

É preciso continuar a facer intervencións dende o ámbito da difusión e da promoción cultural chegando incluso a tecer unha rede que permita acoller todas as iniciativas realizadas. Deste xeito todo o mundo que queira poderá acceder a diversos contidos repletos de exemplos tanxibles. Pero non só iso. A cultura hai tamén que achegala ás persoas coma se se tratase dun proxecto educativo a grande escala; que a xente sexa o centro e participe activamente das creacións permite que as aprendizaxes sexan máis significativas.

Esta perspectiva aséntase na estratexia de empregar a tradición como alicerce para continuar construíndo coñecemento. Recoller o sabido e presentarllo ao conxunto de individuos será a maneira de potenciar que o saber se expanda, se transforme e se continúe dentro das comunidades.

 

Baleiros e demografía

Anteriormente percibíase no abandono das aldeas unha posibilidade de mellorar a calidade de vida, feito que estaría condicionado pola participación no proceso de industrialización. Isto xa non responde á realidade actual, polo que as administracións teñen un importante papel á hora de procurar de novo un equilibrio demográfico. Son precisos mecanismos de discriminación positiva no medio rural que teñan un volume económico o suficientemente importante como para que as persoas reconsideren o asentamento nas comunidades.

Coma se se tratase dun ascenso lixeiro, Anjhara considera que as pequenas comunidades están nun bo momento, o cal tamén se debe aos procesos de reflexión social e á difusión de modelos positivos, o cal vai sementando novas perspectivas dentro dos discursos. 

 

Identidade rural

A raíz ou o inicio de quen é esta muller non está en ningunha rúa da capital lucense, senón que se atopa en Vilanova. O rural é para ela moito, todo, a vida. A base da nosa esencia como persoas e como comunidade está no tecido que se arma a redor dos pequenos asentamentos, ata o punto de que todos os nosos modos de vida actuais están fundamentados en focos rurais. A calquera persoa nova e habitante do medio aconsellaríalle formarse e viaxar; adquirir coñecemento tanto formal coma informal para poder adquirir unha capacidade de reflexión que permita ollar a contorna da que se provén. E logo, se se pode, regresar e intentar facer o xeito de facer o que se quere.

Ás veces é preciso asumir que hai traballos que son trampolíns para mellorar a calidade de vida, pero é preciso lembrar sempre que “fai máis quen quere que quen pode”, de tal maneira que todas e todos podemos facer aquilo que realmente queremos. Sempre hai un xeito, soamente se trata de buscalo.