Ugía é coma unha parada nun dos prados da mariña lucense dende os cales se ve (e se sinte) o mar. Compositora, creadora, docente,... É probable que o termo “cantante” se lle quede demasiado curto. Apaixoada dos espazos naturais e habitante dunha pequena aldea, “busca crear algo xenuíno na música.”
A María Eugénia Pedreira Sanches coñéceselle máis como Ugía Pedreira. Naceu en Vilaronte (Foz) no ano 1971. No teleclube de Vilaronte había cursos de fotografía, mecanografía, servizo de aluguer de filmes, concertos, contacontos... e aquela foi a realidade cultural na que comezou a indagar de pequena.
Foi precisamente en Foz onde comezou os seus estudos musicais de guitarra e linguaxe musical, e tamén onde participou no seu primeiro grupo musical (Solpor).
Posteriormente moveuse a Santiago de Compostela para estudar Psicoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, e alí continuou a súa formación na música tradicional. A participación nun seminario impartido no Museo do Pobo Galego (Seminario de Estudos Etnográficos Arco de Mzarelos) empurrouna a formarse (en gran medida de xeito autodidacta) sobre a música patrimonial e a técnica vocal.
Logo disto comezaría unha etapa como docente en diversas iniciativas e escolas e, xa no 1993, comezaría como voz solista no Grupo Chouteira. A este feito sucedéronselle múltiples participacións sociais, se ben cómpre sinalar a correspondente ao Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín. Este proxecto foi creado por Ramón Piñeiro, Xose Luís do Pico e Pedreira, sendo ela a encargada de elaborar o deseño curricular do centro, pioneiro en contar cun currículo de aula sobre a música tradicional. O alcalde de Lalín buscaba crear un espazo de formación e Ugía aceptou levar a dirección, cargo que ostentou durante doce anos.
Daquela iniciativa xurdiu unha importante comunidade de músicos, tanto galegos coma de moitos outros lugares do mundo (Pensilvania, San Francisco, etc). No conservatorio estableceuse o estudo da historia da música galega como algo prioritario, xa que coñecer o pasado permite coñecer referentes e que estes pasen tamén a ser de dominio popular. Iso fai agrandar o oficio, non o mingua. Durante anos e anos houbo músicos no país galego que se dedicaron á música como profesión, e estas historias están habitualmente silenciadas. No esquecemento non está o proceso de crecemento, senón que viven as posibilidades de erro.
Posteriormente o conservatorio trasladouse a Santiago, e na cidade ela mantívose uns anos á fronte da xerencia. O grupo Marful foi especial na súa traxectoria, o cal impulsou xunto con Marcos Teira, Pedro e Pablo Pascual no 2010. Posteriormente chegarían as bandas Chouteira e Nordesinas así como diversas colaboracións con bandas nacionais e internacionais.
Cando se formou o Conservatorio de Música Tradicional e Folque (2000), en Lalín, Ugía decidiu moverse a Noente (Boqueixón, A Coruña). Esta aldea de menos de cincuenta habitantes permitiulle comprender que o seu corpo estaba mellor preto da natureza que do asfalto, ben fose en espazos naturais de costa ou de montaña. Aínda que o seu traballo a obrigaba a moverse practicamente a diario, sí que trataba de manter unha parte importante de sí mesma neste tipo de hábitat.
A infancia aquela que ela pasara en Vilaronte foi unha primeira declaración de intencións sobre a vida que habería de buscar. As relacións e os sentimentos que se experimentan nos primeiros anos de vida son comprendidos por Pedreira coma instantes aos que regresar, ben sexa para comprender ben sexa para reaprender. Se ben cree que a súa nenez a puido mobilizar cara á busca do asentamento nun espazo rural, é da opinión de que cada persoa debe buscar a súa propia folla de ruta, achegándose ou afastándose daqueles lugares nos que se medrou en función da necesidade.
O nacemento de Lúa presentoulle outras facetas musicais tanto de sí mesma coma do seu compañeiro Pierre. Afirma, cun pequeno sorriso, que agora ambos son DJs, xa que aprenderon a escoller melodías para os estados emocionais e os espazos. Houbo un cambio na comprensión musical e na visión sonora da vida a medida que foron indagando nas maneiras de comunicarse cunha cativa con parálise cerebral e microcefalia severa.
Logo dunha pausa musical, no ano 2018 a artista mariñá regresou ao eido musical. Xa son doce os discos que quedan atrás, pero no que traballa no presente é o primeiro que será firmado en solitario. A dirección da producción apunta cara a investigación sobre os sons, as harmonías e os ritmos comprendidos dende o pasado para poder traelos ao presente. Tras deste compendio de músicas o que hai é unha intención de comprender a palabra musicada, de viaxar por detrás e por diante dela para poder avanzar polo fío da cultura.
Considera que as persoas que deciden vivir máis próximas ao sistema natural teñen máis probabilidades de aprender da contorna, sempre e cando se estea disposto a facelo. Vivir na cidade é máis sinxelo que nos pobos xa que todo se atopa xestionado e estruturado dun xeito milimétrico. Se tivésemos unha tarefa vital non sería outra que aprender, formar e educar, tanto a nós mesmos coma a outros. A convivencia veciñal é máis esixente nas aldeas debido a que se debe xestionar o diálogo interxeracional, os estratos sociais e o sistema de crenzas e valores.
A chegada de Ugía, Pierre e a súa filla á aldea que hoxe habitan foi algo que axitou a realidade habitual. Profesionais da música e nai e pai dunha crianza con parálise cerebral, aportaban unha importante dose de diversidade á comunidade á que se trasladaron fai cinco anos. Neste proceso de adaptación é importante aprender a medir as palabras que viaxan entre as relacións. A abundancia é unha realidade que rodeou a experiencia desta muller, tanto comprendida dende as cousas compartidas coma dende os sentimentos e emocións que envolven a convivencia.
Mención a parte merecen tanto aqueles discursos que están a transformarse coma eses outros que permanecen estáticos. As opinións negativas sobre o rural asombraron a unhas xeracións que permitiron unha xestión (tanto feita a nivel individual coma a nivel administrativo) deficitaria. A conciencia crítica é esencial para poder facerlle fronte ao despoboamento rural e para poñer a luz sobre aquelas persoas que están a empurrar realidades alternativas.
O primeiro que precisa disgregar Ugía, para falar sobre esta idea, son os termos cultura e tradición, aínda que sí que procura coser a cultura coa educación. A tradición son aquelas formas que se repiten, pero non todas teñen por qué ser válidas; estas manifestacións débense comprender no presente e adaptalas aos tempos que se viven. A cultura, pola súa banda, fai referencia ao cultivo das inquedanzas persoais, as cales tocan a múltiples áreas.
A organización, a organización e a xestión aparecen no maxín de Pedreira coma realidades das que afastarse, comprendidas estas como parte do proceso de márketing. Esa outra faceta da cultura máis próxima á improvisación, á creación e ao xogo é a que persigue coas súas actuacións. A transformación e o avance serán imprescindibles para continuar xerando coñecemento; da contra o ser humano limitaríase á copia.
Calquera momento debería ser bo para a arte, sen ter que pasar por unha matrícula ou por unha entrada: calquera momento do día e con calquera persoa. Existe, por tanto, unha responsabilidade individual na busca destas experiencias, comprendida esta coma ese afán propio da infancia por rebulir en todos os eidos. A programación cultural, por tanto, debe ser independente dos lugares, idea que xa se está a materializar nos últimos anos. Cada vez son máis frecuentes os lugares galegos onde a xente se pode reunir para tocar, cantar, expoñer ou contar.
O ocio e o tempo libre permiten viaxar a planetas diferentes, que colocan a mente en lugares nos que non está mentres, por exemplo, se traballa. Se a arte mediatizase o proceso de desenvolvemento dende a infancia, independentemente dos espazos e das condicións, crearíase unha importante burbulla de desenvolvemento a redor de cada persoa.
Coma se se tratasen de dous puntos que se atopan moi lonxe un do outro, establecendo así un segmento complexo de trazar, o presente e o pasado afástanse cada vez máis rápido. A crise climática e enerxética apuran para tomar unha serie de medidas que, coida Pedreira, poden non ser suficientes se non se revisa o concepto que se ten de hábitat.
Unha posibilidade de vivir de xeito máis eficiente e menos agresivo pasaría por retornar a aquelas comunidades pequenas, establecidas a nivel pobo, que podían operar cun alto grao de efectividade. A potenciación, por tanto, da vida dos pobos sería imprescindible para que as persoas que os habitan os poidan xestionar tanto a nivel territorial coma político, procurando así unha organización a nivel micro.
O medio rural (termo que a Ugía non lle comprace demasiado empregar) é o lugar onde nace o elemento, e comprende isto coma a partícula que lle dá orixe a todo o demais. Este elemento sería o eixo primordial da vida en calquera ambiente, por suposto tamén no urbano.
Insta a calquera a prestarlle atención á natureza entendida de xeito sistémico: dende a cor das follas ata a dirección dos ventos. Pon o chío final sobre a necesidade de coidar a saúde mental e lembra a importancia de exercitar a vista microscópica para baixar o estrés cotián, algo que a ela lle resulta máis sinxelo nos espazos naturais. E esta idea (case coma todas) é mellor se se comprende dende a música:
Nas ribeiras del Eo eu canto este cantar
Nas ribeiras del Eo eu canto.
Canto pa aliviar as penas nacidas
Canto pa engañar el ansia
Canto por aventar ideas que salen de min
Canto á lixeireza da alma
Eu son filla do Cantábrico
Veño das tribus del mar.
Xa nun teño muito mais que contarvos
Senon a miña vida extrema
E que canto pa Ter salú
E darvos a que me queda.
(A Comuna del Barruzo, Ugía Pedreira e Pierrot Rougier)
*A cita “busca crear algo xenuíno na música.” corresponde ao artigo de Claudia López para TerracháXa: Ugía, A Pedreira, volve á canción.