Dora Cabaleiro naceu na ría de Vigo, pero habita Negueira de Muñiz dende fai xa máis de vinte anos. Ela, que se criou nunha vida de barrio, promove os proxectos de participación en todas as esferas da súa vida. Xunto a Luz Rossel, traballa dende a Cooperativa Ribeiregas, pero é tamén alguén presente en moitas outras esferas do pensamento comunitario.
Dora naceu en Chapela (Redondela) no ano 1975. Filla dunha vila mariñeira na que aínda existían as hortas e os pequenos animais, medrou entre os puntos cardinais que establecían Rande, Domaio e as Illas Cíes.
Todas as súas amigas e amigos do barrio tiñan algunha aldea de referencia á que marchaban para pasar as vacacións de verán. Dora, que permanecía na súa vivenda habitual, desexaba ter un pobo para poder moverse tamén a el na época estival. Nunha ocasión, falando cunha das veciñas da porta, escoitou como lle dicían: “Ti, ata que atopaches un pobo, non paraches!”
Aos 20 anos moveuse a Lugo para estudar, na Escola de Arte e Deseño, Interiorismo Aquela decisión estivo motivada porque a formación ofertada en Vigo nese eido era de carácter privado, feito que se sumou a que moitas das compañeiras e compañeiros de Dora se foran á cidade lucense. Doutra banda, tamén vía necesario facer unha saída ao exterior do sistema familiar e das redes xa coñecidas.
A experiencia formativa foi moi positiva, aínda que ela non a fixese co horizonte de buscar traballo na mesma. A través de ditos estudos conseguiu satisfacer unhas inquedanzas e adquirir unhas competencias que a acompañan aínda no momento presente.
Negueira de Muñiz foi un lugar ao que acudiu xa dende a súa época como estudante para desfrutar de breves estancias. Ao remate da súa formación, a súa inquedanza por atopar un lugar no medio rural onde poder facer un proxecto de vida compartido xuntouse coa de outras amizades. Despois de percorrer moitos lugares da xeografía galega atoparon que Negueira era o lugar máis accesible tanto en canto a terras coma a vivenda.
No ano 1999 puxo definitivamente os pés en Negueira, acompañada dunha maleta de ilusión e gana de experimentar. Lembra a época como un momento de aprendizaxes moi intensos, xa que puido experimentar tanto na construción coma no traballo na terra. Continuou tamén facendo pequenas formacións e aprendendo a transformar alimentos, algo que sempre lle chamara a atención.
Durante sete anos estivo traballando como gandeira de ovellas e cabras e, ao mesmo tempo, comezaba unha actividade (relacionada coa alimentación) coa que sería a súa socia, Luz Rossel. Aquela última iniciativa tivera unha importante acollida, xa que foran moitas as persoas que, dende o principio, se interesaran e fixeran pedidos. A gandería era especialmente complexa debido á presenza de lobo que había na contorna, o cal tamén fixo que aquela actividade alimentaria pasase a ser a actividade principal. Unha boa parte do territorio do concello de Negueira de Muñiz leva xa bastantes anos deshabitada, o que dificulta volver realizar actividades de tipo agropecuario. Aquelas terras que foron agrícolas ou que estiveron a pasto son máis sinxelas de traballar que as outras que son de monte.
Na actualidade, Cabaleiro forma parte da Dirección Nacional do Sindicato Labrego Galego. Comprende as reivindicacións de xeito colectivo, motivo polo que tamén aporta a súa enerxía a un proxecto que procura a reflexión común.
No ano 2011 iniciou o camiño a cooperativa de alimentación ecolóxica Ribeira do Navia. Ademais, esta agrupación formouse para satisfacer moitas necesidades sociais que presentaba a comunidade que habitaba Negueira no momento. Buscábase axuda para a recuperación de terras, para a rehabilitación ou recuperación de vivendas e para a creación dun pequeno obradoiro de transformación alimentaria.
Hoxe en día aténdese á rama da alimentación, tanto dende a transformación no obradoiro coma a través da recuperación de terras que poidan ser empregadas como hortas ou como plantacións especies frutais. A rama que levaba a parte construtiva independizouse da cooperativa, pero séguese colaborando coa mesma de xeito activo. Un dos últimos proxectos impulsados foi o teitado dun espazo que irá destinado ao intercambio de coñecementos, tanto das persoas da comunidade como doutros artesáns de diversos puntos de Europa.
Ribeiregas foi o nome que finalmente adoptou este proxecto cooperativo de alimentación, o cal se desenvolve tanto no pobo de Ernes coma en Vilar (Negueira de Muñiz).
A base ideolóxica da actividade que se desenvolve dende as Ribeiregas é coidar e buscar a soberanía alimentaria, feito que implica permitir que os pobos definan a súa política agraria e alimentaria. Esta ideoloxía, que foi desenvolta pola Vía Campesiña e debatido no Cumio Mundial da Alimentación (1996) defende a produción agrícola local e o acceso aos bens necesarios.
Dora recoñece unha certa complexidade á hora de lograr este cometido, xa que o sistema económico non permite unhas condicións de vida dignas para aquelas persoas que traballan no sector primario. Darlle a volta á situación require da educación das consumidoras e consumidores e de procurar que a conciencia crítica tamén encha a cesta do mercado.
Dende Ribeiregas ponse o exemplo da saída ao mercado do zume de mazá e da dificultade que ten reivindicar a identidade dos pobos. Se ben nas comarcas onde antigamente se producía sidra sí persiste o recordo de beber sidra doce, hai moitas outras localidades que xa esqueceron que esta bebida formaba parte do cotián. Por este motivo dende a cooperativa fanse numerosas actividades relacionadas coa formación, tanto para persoas adultas que pretenden elaborar como para as crianzas que se achegan dende as escolas.
Comercialización dende o rural
Unha das maiores dificultades que Ribeiregas tivo e ten está relacionada coa comercialización. Para os pequenos produtores é complexo destinar unha cantidade importante de tempo a esa xestión comercial, polo que adoitan empregar o método do “boca a boca”.
Os produtos poden mercarse tamén a través de dúas plataformas web de venda colectiva: Katuma e Ben Mercado. A través da primeira das plataformas realizan ciclos de pedidos pechados e realizan reparto, tanto de fresco coma de elaborado, para pobos que se sitúan preto de Negueira de Muñiz (Ibias, Grandas e Fonsagrada).
Discursos, territorios e cambios
Os pobos poden ser influenciados positiva ou negativamente tanto polas persoas que os habitan coma por aquelas outras que reflexionan sobre os mesmos dende fóra. É preciso traballar a autoestima e a percepción que as e os habitantes dos territorios teñen sobre sí mesmos e tamén sobre os territorios.
É preciso, para poder traballar por unha autoestima positiva, dotar o rural dos servizos básicos imprescindibles. Se a educación ou os coidados implican un deterioro na calidade de vida das persoas, as cidades acabarán ofrecendo máis facilidades no asentamento. Habería variadas alternativas que se poderían empregar para poder dar servizos á poboación dun xeito máis accesible económicamente, pero iso require de reflexionar sobre o tipo de medio rural vivo e digno que se quere.
Vida neorrural
As identidades que habitan o rural son cada vez máis diversas, igual que o son as estruturas comunitarias que sosteñen as vidas que habitan os pobos. No caso de Negueira, e concretamente dos dous pobos que Dora habita, é a veciñanza a que toma esa función de familia non biolóxica que actúa como soporte diario. En canto ás estruturas soñadas, son tamén moitas e diversas, o que implica unha dificultade para atopar o punto exacto onde se situaría a calidade de vida.
Non debe esquecerse, tampouco, o poder que ten o vocabulario (e, especialmente, as etiquetas) para crear realidades. Se Cabaleiro tivese que empregar unha palabra coa que denominarse esa sería neopaisana, xa que considera que aínda que non ten unha tradición familiar de habitar o espazo sí que habita tanto dende ela mesma coma dende as súas crianzas.
Dora Cabaleiro definiría o medio rural como aquel lugar que habita e que lle permite establecer un contacto coa natureza, a través do cal se sente un ser vivo que forma parte dun sistema. Aínda que o rural é un espazo que tamén se está transformando, aínda fai referencia a unha tipoloxía de lugares que non están xentrificados e que permiten o espazo necesario para a vida.
Aínda que Dora segue a pensar cómo é o rural que soña, sí ten claro que quere que o futuro pase por crear lugares que acollan a diversidade e que non a vexan coma unha ameaza. Na medida na que se respecte a individualidade e se rexeite o capacitismo, seremos máis capaces de conseguir crear comunidades que acollan a quen queira habitalas.