Hai vidas que discorren de cara ao mar, cos dedos embeleñados entre as redes que se van tecendo. María Jesús observa a auga que acolle o Porto de Burela sentada nunha cadeira verde, desas que se usan en idade escolar. Viaxa case tan rápido como a luz cando pasa coa agulla polos ocos das redes que cose. É redeira. Pero tamén é moitas outras realidades.
María Jesús naceu en Burela, e estudou ata os catorce anos, momento no que decidiu que quería parar para incorporarse ao mercado laboral. As dúas oportunidades que a súa nai lle plantou diante pasaban pola costura: ben na roupa, ben na rede. Decidiu que sería muller de mar, e viviu o sector durante os últimos corenta e oito anos. Non soamente estivo na rede: foi ao mar co seu pai mentres seu irmán estaba no Servizo Militar, estivo na descarga do peixe na lonxa e recolleu alga no mar.
O comezo de María Jesús como redeira pasou por estar os seus primeiros meses aprendendo cunha profesional, para logo pasar a un grupo maior de mulleres (sobre seis). Daquela, aínda que cada grupo tiña os seus navíos de referencia, era frecuente axudar a adiantar traballo doutros grupos se había urxencias. Dalgún xeito, o mar navega polo sangue, xa que enchoupa as realidades de moitas familias e acaba por xerar un vínculo difícil de romper.
Ela, que dentro de cinco anos agarda xubilarse, nin lle ten medo nin lle ten gana á pausa, o cal quizais é o maior indicativo do gusto co que, día a día, agarra o aparello.
Cando se lle pregunta a María Jesús se lle gusta o mar, non dubida ao afirmar que sí, que é o seu oficio e que non o cambiaría por ningunha outra cousa. Cando ela comezou había moita xente nova que comezaba a traballar como redeira, xa que cando se deixaban os estudos era a alternativa laboral máis común. Recorda, daquela, preto de cen redeiras distribuídas en diversos grupos. Aquelas mulleres estaban dirixidas por encargadas, que se ocupaban de falar cos armadores que encargaban os traballos de cada barco.
Dende o ano 2009, María Jesús é presidenta da Asociación de Redeiras Cabo Burela. Hoxe quedan nove mulleres que saquen adiante o traballo, o cal ela se explica polas duras condicións laborais ás que se enfrontan. A retribución económica que se percibe polo traballo na rede é moito menor da que debera, pese a que é unha actuación imprescindible para poder botar o “aparello” ao mar. Non hai ningunha máquina que substitúa o traballo humano de arranxo do material, pero o soldo impide que as redeiras poidan vivir exclusivamente do sector. E, comenta María Jesús, que na rede aínda se pode ir defendendo a vida diaria, se se teñen en conta outras artes peor pagadas, como son as volantillas, as volantas ou os palangres. Un palangre leva sobre unha hora de traballo, e págase sobre catro euros. Todas as traballadoras son autónomas e, engadido, deben pagar a súa nave, xa que non está cedida de ningún xeito. Non contan con enfermidades recoñecidas, aínda que o seu traballo está moi ligado á tendinite, á epicondilite ou aos problemas de lumbares.
A pregunta ante esta situación é: Quen loita? A Federación de Redeiras está a pelexar por cuestións como conseguir un coeficiente redutor, xa que son o único colectivo do mar que non conta co mesmo. As condicións laborais que se describiron anteriormente complican chegar á idade de xubilación que teñen marcada (67), mentres que outras persoas do sector poden cesar a súa actividade aos 57 anos.
Segundo afirmacións feitas en diversos medios por Verónica Veres (Presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao), en España hai case seiscentas redeiras, das cales case cincocentas están en Galicia. Considera que esta labor, que non estaba case remunerada e que vivía escondida, acabou recaendo nas mulleres, non nos homes.
Fálase dunha profesión envellecida para a que é crucial o relevo xeracional, polo que dende a Federación se acode a a facer divulgación do oficio aos centros educativos. É preciso traballar neste recoñecemento de melloras para, primeiramente, mellorar a calidade de vida das mulleres que hoxe traballan, pero tamén para seguir tendo un futuro para o sector pesqueiro. Esta actividade é insubstituíble (ou non mecanizable) debido tamén ás condicións do Atlántico, e é que a forza do seu movemento non podería resistila un aparello que estivese pegado no canto de cosido.
Non se pode esquecer que hai homes que tamén realizan traballo na rede, máis estas persoas constan como mariñeiros en terra ou como mariñeiros reparadores. As mulleres non adoitan enrolarse salvo que teñan relación con algún home que xa estea no mar e teña a capacidade de enrolala. En Cabo Burela, os homes cosen, na primeira nave, na arte do arrastre. Hai unha separación invisible que determina o que “fixeron sempre os homes ou as mulleres” e que continúa a marcar de xeito notable a realidade. Os homes traballan para os arrastreiros que lles pagan un soldo fixo, no canto de cobrar por pezas, como ocorre no caso delas.
Como expresa María Jesús, a única maneira de levar o traballo actualmente é compatibilizalo con algún outro oficio por horas ou a media xornada. Unha das vantaxes principais que sinala do mesmo pasa por ter maior capacidade de decisión sobre o propio traballo, algo que tamén está a cambiar a relación que teñen cos armadores para poder administrar mellor a tarefa.
Como asociación, as Redeiras de Cabo Burela realizan importantes labores. Unha delas está relacionada coa formación e realízase a través da Deputación de Lugo. Nestes cursos afóndase sobre a realidade do sector e sobre diversas técnicas pero, recoñece María Jesús, aínda que hai xente que faga a formación non hai demasiada que se incorpore ao traballo.
Pese á dureza e ás dificultades que aínda se deben superar, a maior parte das redeiras afirman que o seu emprego é un orgullo e que ten un alto compoñente de tradición, xa que se conecta con ocupacións doutras mulleres anteriores da súa familia. A rede, tamén, é cultura. A rede son palabras, son xeitos de vida e son maneiras de facer.
Este oficio é historia xa que, en palabras de Verónica, dende que hai barcos hai redeiras. Cando os homes faltan son as mulleres as que se ocupan de facer pesca de arrastre, pero cando estes están presentes son as mulleres as que regresan ao fogar ou a coser na rede. Falamos dunha realidade patriarcal e inxusta que acolle ou expulsa a muller en función da necesidade do sector.
A historia das redeiras, ou a historia de María Jesús, non pode ser entendida sen o grupo que acompaña. No asociacionismo, estas mulleres atopan unha mellor vía para loitar polo recoñecemento duns dereitos básicos. Unha das actuacións que promoveu o Federación de Redeiras (e quizais unha acción cun alto grao de visibilidade) consistiu en trasladar os seus aparellos a Madrid e traballar dende alí. O berro xeral, como afirma Veres, non é sequera pola igualdade, senón pola equidade, algo moito máis xusto e capaz de comprender as necesidades de cada persoa.
A nosa burelá é tamén a presidenta da Asociación de Redeiras de Cabo Burela, a única asociación da mariña de Lugo, independentemente de que haxa xente traballando individualmente no fogar. Esta muller é presidenta dende que a Asociación se formou, e seguramente continúe ata o momento de xubilarse, dentro de cinco anos. Tamén está dentro do GALP (Grupo de Acción Costeira) e colabora nun proxecto do Concello de Burela para traballar con persoas con diversidade funcional.
As condicións do mundo do mar están a cambiar respecto de fai cincuenta anos. María Jesús mira con preocupación cara o futuro do sector de non entrar relevo xeracional e de non conseguir que se poida vivir a profesión de xeito máis digno. Ela recoñece que é difícil comezar a traballar como redeira xa que, polo menos, o soldo base debera estar garantido. Non obstante gustaríalle, por suposto, que entre xente nova ao sector, sobre todo para evitar que o emprego caia no esquecemento. Recoñece que a situación está comezando a cambiar no mundo do mar, xa que comezan, por exemplo, a aparecer as mulleres que ocupan o rol de patroa de barco. Agora mesmo están a chegar persoas dende Perú ouo Filipinas para traballar nos barcos, pero á rede, polo momento, non chegou ningunha persoa nova.
O futuro, en palabras de María Jesús, precisa do recoñecemento laboral; da mellora da autoestima das persoas que traballan no sector. Por iso ela, non só acepta entrevistas, senón que lle dá prioridade á visibilidade, a pesar de que iso implique traballar menos horas no aparello e cobrar un soldo menor. Sabe que, en labor, as redeiras son o primeiro chanzo, pero que en visibilidade están á cola.
*Este texto está tamén apoiado na información obtida da curtametraxe Redeiras (Sea Weavers) dirixida por Edu Marín e coproducida por Muzungu Producciones e Doha Debates. Estreouse o 26 de Xuño do 2021 na lonxa de Malpica de Bergantiños (A Coruña), apoiando a conmemoración do Día Internacional da Xente do Mar.