Quen é Ana Meitín?

Ana Meitín é mar. Percebeira a pé e habitante de Portocelo, é defensora da presenza da muller en todas as esferas, e así o demostrou ao longo da súa traxectoria laboral. Viviu a época na que, na mariña, as mulleres tiñan que decidir pola ausencia constante dos homes que traballaban no mar.

 

RL

 

Estudos e primeiros pasos profesionais

Ana naceu en Portocelo (1958). Foi á escola ata os catorce anos, e garda un importante recordo da súa mestra (dona Inmaculada), unha muller que tiña unha concepción do ensino moi avanzada para a época. O alumnado tiña un pequeno caderno onde anotaba pequenas aprendizaxes de Lingua Inglesa, algo que parecía revolucionario, e máis vindo dunha muller que xa daquela conducía e se desenvolvía de xeito moi autónomo.

Portocelo, naquela época, tiña seis casas. Durante unha época importante a casa de Ana cambiou varias veces a numeración, sempre aumentando. Cando os seus fillos ían á escola triplicárase ou cuadriplicárase o número de crianzas que había no pobo, algo que na xeración actual de crianzas volveu descender.

Logo de acabar na escola, Ana comezou a coser nas redes, xa que na súa casa había unha lancha de baixura. Con dezasete anos casou, tivo tres fillos e foi combinando a crianza co traballo na rede, ata os trinta anos. Naquel momento escoitou que se daban permisos para acudir ao percebe, algo que nin era típico da zona nin moito menos nas mulleres. Nos anos 90, coa creación do Plan Galicia, procurouse a profesionalización do sector mariscador, algo que empurrou a moitas mulleres a achegarse á cofradía. O recurso de percebe de Portocelo estaba explotado por Cedeira e por Valdoviño, pero non polas persoas da contorna, que se dedicaban aos aparellos e ás nasas. Coa delimitación territorial das cofradías decidiuse, dende a de San Cibrao, pechar durante dous anos toda a actividade de colleita para que se recuperase a biodiversidade marítima. Transcorrido ese tempo, Ana incorporouse ao sector xa como percebeira.

 

Mar, muller e emprego

Ana xa comezou a traballar dada de alta na Seguridade Social, cotizando como Mariscadora. Custoulle comprender á sociedade en xeral a inclusión da muller neste sector laboral, chegando Meitín a escoitar que o seu “era un posto dun pai de familia”. As cofradías facían todos os anos un Plan de Explotación entre os meses de Setembro e Outubro, e é preciso que os traballadores do mar estean dentro de dita planificación para poder empregar o seu Permes. Débese ter un 70% de venda de percebe nos días hábiles para poder renovar o seu permiso, o cal require planificar de antemán as épocas de colleita. Ao principio a actividade mariscadora era comprendida coma un complemento (traballábase tres ou catro días ao mes), algo que mudou completamente, sendo hoxe un medio de vida que non precisa de ningún soldo complementario.

 

RL

 

A partir de Outubro e ata Marzo é época de coller percebe, pero tamén é bo o momento do verán. Por este motivo, as e os mariscadores a pé e a flote da cofradía de San Cibrao decidiron facer un plan de explotación que abrangue de Xuño a Setembro e algún outro día solto no Nadal e na Semana Santa. Pero non só traballan este recurso: na época de Setembro e Outubro comezan coa anémona, que ten moito nicho de mercado no sur de Andalucía. De Xaneiro a Marzo trabállase o ourizo de mar, un ben que está revalorizándose moito. Asturias, que ten moita tradición de ourizo, tivo que pechar para fomentar a rexeneración, algo que puido influenciar a suba do produto galego.

A Cofradía de San Cibrao está no medio de dous grandes portos: Celeiro e Burela. Abarca o concello de Xove e o de Cervo, e conta con 30 socios. Ana foi vicepatroa dentro da mesma e representaba ao sector dos mariscadores a pé.

Un día de Agosto de fai tres anos, mentres Ana traballaba, veu o mar e ela tratou de saltar para apartarse. A cousa saldouse cunha pequena fractura nunha zona do pé, algo que non parecía que a fose condicionar no seu traballo diario. Aquela molestia non melloraba e comezou a deixar de sentirse segura traballando no mar. O día que compareceu no Tribunal para pedir a baixa por incapacidade sucedeu o seguinte:

  • ¿Profesión?
  • Percebeira.
  • ¿Cómo? No la veo.

A través daquela pregunta, Meitín explicou que non só os homes novos traballaban o percebe a pé, tamén o facían as mulleres, algunhas novas e outras non tanto. O último que pensaba era que se puxese en dúbida o seu emprego, motivo polo que non levaba consigo ningún informe de vida laboral. Aquela xornada, non só se lle concedeu a baixa por incapacidade se non que tamén achegou a realidade do mar a un despacho deses que teñen pouco contacto co sector primario.

 

RL

 

Un exemplo (de vida) práctico

Baixamar ás 11 da mañá. Dentro do Plan de Explotación está especificado que se debe ir dúas horas e media antes da baixamar, polo que se pode acceder (se o mar está bo) ao banco de percebe ás 08.30. Trabállase ata dúas horas despois da baixamar, pero tendo en conta que se se colle antes o volume que se pretendía xa se pode saír. Posteriormente o produto vai ao punto de control, pésase e rexístrase. Á chegada á lonxa, pésase e ponse na cola de subasta. A primeira persoa que vende adoita marcar o prezo, polo que se realiza un sorteo para establecer o número de participación. Rúlase mediante ordenador ata que se remata de vender todo.

As mulleres están moi presentes, aínda que segue predominando o home dentro da lonxa.

 

 

Futuro do sector primario

A agrupación da cofradía tivo unha importante capacidade á hora de educar a contorna en cando aos usos do mar. Sen embargo, lembra que é preciso que todas as persoas que se atopan dentro dunha mesma cofradía acepten os plans e non fagan malas prácticas. Mirar cara o futuro do sector quere dicir que non se pode esquilmar un banco soamente por obter un día un beneficio maior. Cando o peixe chega a terra e se vende na lonxa vese que é máis importante a calidade que a cantidade. Por este motivo é preferible coller dous quilogramos de produto de boa calidade que quedar ás portas do límite (6 quilogramos) que permite a normativa, simplemente por engordar o beneficio económico.

Tamén se precisa educar para o consumo. Necesítase coñecer o sector primario, traballalo dende as escolas, comprender cales son os prezos xustos e como se relacionan co esforzo e coas condicións laborais. Coñecer o sector primario permite crear unha conciencia crítica, analizando que é o que se persegue coa alimentación e coa compra que se realiza e sendo tamén consciente de cal é o sector que se apoia. É crucial achegarse aos puntos de venda de peixe e ler o etiquetado para poder comprender qué tipo de negocio se apoia á hora de encher as bolsas do mercado.

 

Ocio e cultura

Ana achegábase a Xove para participar en aeróbic, xa que notaba que perdera elasticidade despois de frear a súa etapa laboral. Despois da Covid-19, e coa dificultade que ten practicar deporte empregando a máscara, este ano 2021 apuntouse a bordado. Tamén se ofrece bordado en bolillos, baile de salón e escola de maiores.

Pola última fin de semana de Agosto celébrase o San Bartolo, pero este ano non se fixo ningunha celebración. Aquela falta de actividade para a comunidade estivo soamente alterada pola mostra de baile que fixo a Asociación Cultural Saíñas.

Participar nunha actividade dá rede, contacto coas persoas e ofrece unha posibilidade de manterse activo persoalmente. Non quere dicir que este tipo de actividades sexan todas as que debera haber, pero sí que as que hai son xa imprescindibles dentro da comunidade. A calidade de vida tamén se mide en termos de saúde mental, co cal ten unha relación directa a participación social e o coidado de momentos de ocio.

 

Despoboamento e medio rural

Se ben Alcoa foi un motor laboral na contorna, Meitín subliña o importante papel que deben ter as administracións en canto á dinamización do emprego. Na situación actual de peche na que se atopa a fábrica son moitos os empregos que perigan e, con eles, os asentamentos en diversos lugares. Sería preciso ofrecer novas follas de ruta laborais para as persoas que se atopan nesta situación, abrir a inclusión noutros sectores laborais para descargar a presenza determinante da empresa.

Coa apertura da fábrica, o traballo no mar comezou a descender, algo que tamén se xuntou co discurso negativo que presentaba a xeración dos 70 sobre este tipo de emprego, o cal acabou por influenciar negativamente ás crianzas dos oitenta. As condicións laborais da época non eran quizais as mellores, xa que implicaban que as persoas pasaban bastante tempo embarcadas, sen achegarse á casa.

 

Identidade e mar

A calquera muller nova, Ana Meitín pediríalle que se forme e que busque unha independencia económica. É importante estudar aquilo polo que se ten gusto ou paixón, porque despois conseguiráse ou non traballo, pero polo menos unha teráse desenvolto profesionalmente.

O mundo do mar é perigoso, pero recoméndallo a calquera. Sí que considera que hai profesións máis “agradables” en canto ao esforzo e ao risco, pero ela fala do mar cun aprecio e cun vínculo que soamente se pode conseguir cando se traballa no que se quere.